Galicia case triplicou nos últimos 20 anos o valor das súas exportacións de viño malia exportar case un terzo de litros menos

Pontevedra segue sendo a provincia galega con maior mercado exterior, logrando en 2019, con 26,8 millóns de euros facturados, o seu récord de vendas fóra de España. Lugo e Ourense exportaron menos viño o ano pasado pero a un prezo medio máis elevado

Publicidade

vino_china

Galicia vendeu o pasado ano fóra de España 600.000 litros menos de viño pero logrou incrementar a súa facturación en case dous millóns de euros grazas ao incremento de prezos alcanzado. Nos últimos 20 anos Galicia case triplicou o valor das súas exportacións de viño a pesar de reducir case nun terzo o seu volume total exportado, segundo un informe elaborado polo Observatorio Español do Mercado do Viño para a Organización Interprofesional do Viño de España.

A comunidade galega incrementou desde o ano 2000 en 30 millóns de euros o valor das súas vendas de viño fóra de España (o que representa un aumento do 175%), malia exportar 8,3 millóns de litros menos (-29%), algo que se explicaría polo descenso nas exportacións de ribeiro fundamentalmente, que foron sendo substituídas paulatinamente polas de albariño ou mencía, as que máis medraron.

En total, Galicia exportou o ano pasado viño por valor de 47,4 millóns de euros, case dous millóns máis que o ano anterior pero tres millóns menos que no ano 2017, cando os viños galegos alcanzaron no seu conxunto o récord de vendas fóra de España ata a data, con 50,6 millóns de euros, unha cifra que a principios de século, no ano 2000, ascendía unicamente a 17,2 millóns.

Galicia pasou de facturar 17 millóns de euros en vendas fóra de España no ano 2000 a 47 millóns n0 2019

Este incremento no valor das vendas, que case triplica o alcanzado no ano 2000, produciuse a pesar de reducirse en case un terzo o volume total de viño exportado, que nestas dúas décadas pasou de 28,6 millóns de litros a 20,3. A cifra do último ano supón unha lixeira perda de mercado exterior a respecto de 2018 (668.000 litros), aínda que considerable en comparación con 2017 (cando se comercializaron fóra de España 29 millóns de litros de viño producido en Galicia) ou cos anos 2005, 2006 e 2007 (con 35, 41 e 46 millóns de litros exportados). O volume de exportación de Galicia equivale a unicamente o 0,7% do total do viño exportado no conxunto do Estado.

O volume de viño que Galicia vende no estranxeiro equivale unicamente ao 0,7% do total exportado no conxunto do Estado

O incremento do valor total das exportacións de viño galego foi posible nas últimas dúas décadas grazas a multiplicar practicamente por catro o prezo do litro de viño comercializado fóra: se no ano 2000 vendíase a sesenta céntimos, o ano pasado cotizouse a 2,34 euros, o valor máis alto da serie histórica, na que o prezo medio por litro foi incrementándose de forma constante ano a ano, cun repunte importante nos dous últimos exercicios, sobre todo no 2018 (no que pasou de 1,74 euros o litro en 2017 a 2,17). A este incremento de prezo do 26,9% en 2018 engadiuse a suba do 7,5% lograda o ano pasado, fronte á corrección á baixa da media española (1,12 €/litro en 2017, 1,30 en 2018 e 1,11 en 2019).

O prezo de exportación do viño galego revalorizouse un 34% nos dous últimos anos

Esta revalorización dos viños galegos no estranxeiro débese sobre todo á aposta polas Denominacións de Orixe e o viño etiquetado, o que permitiu que a cotización do viño galego, que no ano 2000 vendíase á metade de prezo a respecto da media española, se venda hoxe a máis do dobre. O aumento da exportación de viño a granel, procedente sobre todo de Castela A Mancha, mantivo conxelado o prezo medio de venda no conxunto de España nestas dúas últimas décadas.

Por provincias, as exportacións caeron no último ano en Lugo e Ourense e aumentaron na Coruña e Pontevedra

grafico exportacion viño galego 2000-2019 por provincias GAL

Ningunha das catro provincias galegas está entre as 10 principais provincias españolas exportadoras de viño en canto a volume, unha clasificación que encabeza Cidade Real, con 770 millóns de litros exportados no ano 2019, o que supón que multiplicou por catro a súa exportación de viño con respecto ao ano 2000. Séguena outras dúas provincias castelanmanchegas, Toledo e Albacete, con cifras que superaron no último ano os 200 millóns de litros exportados (270 e 240 millós respectivamente).

Pontevedra segue sendo a provincia galega con maior mercado exterior, logrando en 2019, con 26,8 millóns de euros facturados, o seu récord de vendas fóra de España

En valor, Barcelona encabeza a lista, con 508 millóns de euros exportados en 2019, seguida de Cidade Real (410 millóns) e A Rioxa (328). Das catro provincias galegas, Pontevedra é a que maiores ingresos consegue coa exportación dos seus viños. En total, o ano pasado a provincia onde se sitúa a D.O. Rías Baixas logrou o seu récord exportador con 26,8 millóns de euros, un 7,5% máis que o ano anterior, no que non chegara a alcalzar os 25 millóns. O dato supón un crecemento espectacular a respecto de fai 20 anos, cando o valor das exportacións de viño pontevedresas se situaban unicamente en 3,8 millóns de euros.

En volume, o crecemento das exportacións en Pontevedra foi constante desde o ano 2000 (1,5 millóns de litros) ata alcanzar en 2017 o récord de vendas no exterior (con 6,9 millóns de litros), con descenso en 2018 (5,2 millóns) e recuperación o ano pasado (5,8 millóns). O prezo de venda situouse o ano pasado en 4,66 euros por litro, o máis alto das catro provincias galegas. Non alcalza, con todo, os 5,13 euros logrados en 2010, desde onde caeu en 2014, 2015, 2016 e 2017 a cotizacións medias por baixo de 4€/litro.

Nas últimas dúas décadas as exportacións vinícolas perderon peso na Coruña e Ourense

A evolución no período 2000-2019 constata a perda de peso das exportacións de viño ourensás, que pasou nestas dúas décadas de ser a principal provincia exportadora galega (facturando case 10 millóns de euros coas súas vendas no exterior no ano 2000) a ser superada por Pontevedra a partir do ano 2008. Ourense exportou viño por valor de 15,4 millóns de euros o ano pasado, un lixeiro descenso de 300.000 euros a respecto do 2018 pero de 4 millóns de euros comparado co ano anterior, 2017, cando a provincia rozou os 20 millóns de euros coas súas vendas de viño fóra de España.

Ribeiro_Prowein 19

En volume, Ourense sitúase nestes momentos moi por baixo dos seus rexistros históricos. Os 10,2 millóns de litros exportados o ano pasado supoñen a metade dos comercializados no estranxeiro o ano 2000 nunha provincia que chegou a exportar 41,7 millóns de litros de viño no ano 2007. No lado positivo, o prezo, que se foi incrementando progresivamente de maneira constante nos últimos 20 anos desde os 47 céntimos no ano 2000 a 1,52 euros o ano pasado.

A moita distancia de Pontevedra e Ourense sitúase Lugo, a pesar de multiplicar por 16 o valor das súas exportacións nestes 20 anos, desde os 228.000 euros do ano 2000 aos 3,8 millóns de euros do pasado ano, 50.000 euros menos que no 2018. Este incremento de facturación por vendas no estranxeiro debeuse ao aumento do volume exportado (que no ano 2000 era de só 250.000 litros e o pasado exercicio alcanzou os 3,8 millóns de litros, moi por baixo, con todo, dos 6,8 millóns de litros exportados en 2015), xa que o prezo de venda exterior en Lugo (1 euro o litro o pasado ano) é o máis baixo das catro provincias galegas e o único que está por baixo do conxunto da media española. De 2009 a 2016 o prezo de exportación en Lugo mantívose estable arredor dos 60 céntimos e nos últimos tres anos foi repuntando.

A Coruña foi a única das provincias galegas que non incrementou o valor das súas exportacións de viño nestes últimos 20 anos, reducindo a máis da metade os seus ingresos por este concepto, desde os 3,2 millóns de euros de principios deste século a 1,3 millóns o ano pasado, que con todo supón un terzo máis que en 2018. A perda de mercado exterior do viño producido na Coruña foi practicamente total, xa que no ano 2000 a provincia exportaba 5,8 millóns de litros e o ano pasado só 520.000 litros (a partir do ano 2006 as vendas fóra de España de viños elaborados na Coruña situáronse sempre por baixo do millón de litros). O prezo de exportación mellorou con todo notablemente de 55 céntimos a 2,54 euros o litro, o segundo mellor prezo dentro dos viños galegos tras Pontevedra.

Lugo é a única provincia galega que segue vendendo o viño por baixo da media española

Grazas ás súas cinco Denominacións de Orixe, Galicia vende o viño que manda para fora a un prezo medio superior ao da media do conxunto do Estado (2,34 euros o litro en Galicia fronte a 1,11 euros de media en España). Hai notables diferenzas, con todo, dentro da nosa comunidade. O prezo medio das exportacións situouse o pasado ano en 4,66 euros en Pontevedra, 2,54 euros na Coruña, 1,52 euros en Ourense e un euro o litro en Lugo, a única provincia galega cun prezo medio por baixo da media exportadora do conxunto de España. Pontevedra foi a única das provincias galegas que reduciu o seu prezo medio de exportación en 2019 (10 céntimos en litro con respecto ao ano anterior, o que equivale a un -2,2%), en contraste con Lugo (11 céntimos de incremento, un 12,3%), Ourense (8 céntimos de incremento, un 5%) ou o viño producido na provincia da Coruña (que alcanzou un prezo no exterior 36 céntimos superior a 2018, o que representa unha alza do 16,8%).

A terceira comunidade con maior incremento no 2019, só superada por Navarra e Madrid

exportación-viño-2019-por-comunidades-autononas

Galicia foi a terceira comunidade española que máis incrementou o valor das súas exportacións no 2019, que aumentaron en 1,85 millóns de euros na nosa comunidade (o que representa un 4% máis que no 2018), só superada por Navarra (4,56 millóns) e Madrid (3,96 millóns). O incremento experimentado en Galicia débese sobre todo aos bos resultados de Pontevedra, que con 1,9 millóns de euros máis de facturación o ano pasado foi a cuarta provincia de toda España que máis medrou en termos absolutos.

Navarra, Madrid, Galicia e Andalucía (con 1,6 millóns de euros máis facturados) foron, por esta orde, as comunidades autónomas que máis aumentaron o valor das súas exportacións en termos absolutos. Mentres, Aragón segue a tendencia global ao medrar a bo ritmo en volume, pero perder facturación. En volume, hai que mencionar que Navarra perdeu un 20% das súas vendas pola forte caída do vinagre, pero o viño mantívose estable. Destaca en 2019 o enorme impulso das exportacións desde Asturias, así como desde Cantabria en volume, pero a prezos máis baixos que reduciron o seu valor. Cantabria é a comunidade que menos cota ten en exportación vitivinícola con algo menos de 100.000 litros e 170.000 euros.

“As exportacións vitivinícolas españolas medraon a moi bo ritmo en volume durante 2019, aínda que prezos máis baixos como consecuencia da histórica colleita de 2018 provocaron unha forte perda en valor. Castela A Mancha, primeira comunidade provedora e moi enfocada a graneis e mostos, marcou a evolución global, para ben (volume) e para mal (valor), con tendencia similar noutras tamén máis orientadas a este tipo de produtos, como Estremadura e a Comunidade Valenciana. En cambio, as rexións nas que os viños con maior valor teñen máis presenza evolucionaron en xeral de forma máis positiva: Navarra, Madrid, Galicia e Andalucía foron as que máis aumentaron os seus ingresos respecto a 2018. Por provincias, Barcelona liderou un ano máis o valor das exportacións a pesar de ser a sétima provedora en volume, aínda que Cidade Real segue moi por diante do resto neste último aspecto con case o 30% das exportacións totais, seguida de dúas provincias tamén de Castela A Mancha, Toledo e Albacete”, resume o informe realizado polo Observatorio Español do Mercado do Viño.

No conxunto español, no 2019 exportáronse 159 millóns de litros de viño máis pero a facturación total caeu en 289 millóns de euros

Os datos de Aduanas referidos ás exportacións vitivinícolas españolas, analizados polo Observatorio Español do Mercado do Viño, permiten coñecer como se desenvolveron as vendas exteriores por comunidades autónomas e por provincias durante 2019. A abundante colleita obtida en España no 2018 propiciou un crecemento do 6,2% no volume vitivinícola exportado durante 2019, ata alcanzar os 2.710 millóns de litros (159 millóns de litros máis que no exercicio anterior). Con todo, precisamente para poder dar saída á gran cantidade de produto dispoñible, o prezo medio baixou un 14% (de 1,30 a 1,11 €/litro), o que provocou unha perda de vendas en valor do 8,8%, ata os 3.014,7 millóns de euros (289 millóns de euros menos). Este gran crecemento (máis ben recuperación) en termos de volume experimentado en 2019 produciuse trala forte caída rexistrada no 2018, que foi, con todo, o mellor ano da historia a nivel de facturación.

Castela A Mancha foi a que máis medrou en litros (165 millóns) pero a que máis diñeiro perdeu (120 millóns de euros) por prezos á baixa trala gran colleita de 2018

Castela A Mancha repite un ano máis como primeira comunidade exportadora con máis do 55% do volume e o 25,6% da facturación total, marcando por tanto a evolución global española tanto en volume como en valor, ao ser a que máis aumentou as súas exportacións en termos de volume (165 millóns máis de litros), pero a que máis euros perdeu (120 millóns de euros menos facturados).

As comunidades autónomas que exportaron viño por baixo de 2 euros o litro perderon facturación en 2019

As dúas seguintes que máis medraron en volume foron Estremadura (21 millóns de litros máis), que superou 4 anos despois a Cataluña (que reduciu as súas exportacións en 10,6 millóns de litros) como terceira provedora, e a Comunidade Valenciana (17,4 millóns de litros máis), que consolida o seu segundo posto. Con todo, tanto Estremadura (que facturou 25,5 millóns de euros menos) como a Comunidade Valenciana (que sufriu un descenso de valor de 17,3 millóns) reduciron bastante o seu importe económico exterior, como ocorreu tamén con Castela A Mancha; as tres foron as únicas que rexistraron un prezo inferior á media de exportación española pola maior presenza dos produtos máis económicos entre as súas vendas, os cales, en xeral, baixaron bastante de prezo. Estremadura e Castela A Mancha roldaron os 50 céntimos por litro, mentres que o prezo da Comunidade Valenciana baixou ata os 92 céntimos.

As comunidades autónomas máis enfocadas aos produtos máis económicos foron as que máis ingresos perderon no último ano xunto a Cataluña

Cataluña foi a segunda que máis reduciu as súas exportacións en termos absolutos tanto en volume (10,6 millóns de litros menos), só superada por Murcia (28 millóns de litros menos exportados), como en valor (cun descenso de facturación de 73,8 millóns de euros), neste caso unicamente superada por Castela A Mancha. Murcia rexistrou unha importante caída tamén en valor (47,4 millóns de euros).

A Rioxa é a terceira comunidade exportadora en termos de valor a pesar de ser a sexta en volume

As exportacións desde A Rioxa mantivéronse relativamente estables. É a terceira comunidade exportadora en termos de valor a pesar de ser a sexta en volume, ao rexistrar un prezo moi superior á media por estar máis enfocada aos viños con D.O.P., produtos de gran valor engadido. Algo similar ocorre con Castela e León e o País Vasco, cuxos prezos medios –5,02 e 3,85 euros por litro respectivamente– só foron inferiores aos rexistrados polas rexións insulares: Baleares (8,60 €) e Canarias (6,99 €). As exportacións castelanleonesas e vascas rexistraron leves variacións respecto a 2018, do mesmo xeito que as de Canarias, mentres que Baleares creceu moito máis en volume que en valor ao baixar de prezo, a pesar de ser superior ao resto.

Prezos baixos do granel e o mosto

prezo viño exportación 2019 por comunidades autononas

Todas as provincias españolas exportaron produtos vitivinícolas no 2019, en maior ou menor medida. Case a metade (24 de 50) aumentou ou valor das súas exportacións, mentres que foron 28 as que venderon máis litros. Barcelona en valor e Cidade Real en volume lideraron a clasificación, con Teruel como a que menos cota ten, a pesar de medrar a moi bo ritmo. 38 das 50 provincias exportaron a un prezo superior á media española, aínda que as principais provedoras en volume fixérono moi por baixo, pola maior presenza do granel e do mosto entre as súas vendas.

Baleares, Canarias, Castela e León e País Vasco rexistraron os prezos máis altos e 38 das 50 provincias venderon a un prezo superior á media española. Tenerife rexistrou o prezo máis alto (9,65 €/litro), seguida de Baleares (8,60€), Burgos (8,23€) e Valladolid.

Barcelona en valor e Cidade Real en volume, as que máis venden. Teruel, a que menos

Cidade Real liderou claramente as exportacións en volume con 771 millóns de litros (+9,5%), o 28,4% do total, mentres que Toledo pasa de cuarta a segunda provedora ao medrar un 36% ata os 272 millóns. As dúas foron as que máis creceron respecto a 2018 en termos absolutos, algo máis Toledo (+71,6 millóns de litros) que Cidade Real (+67 millóns). As seguintes que máis medraron foron Cuenca, sexta vendedora (+28,5 millóns), Valencia, quinta (+25,6 millóns), e Badaxoz, cuarta (+21 millóns). Albacete cae ao terceiro posto da clasificación ao vender algo menos o pasado ano. Estas seis provincias están maiormente enfocadas a produtos con escaso valor engadido, o que explica que teñan prezos inferiores á media e, por tanto, teñan menos peso en termos de valor ca de volume.

En cambio, Barcelona liderou un ano máis o valor das exportacións españolas de forma clara con 508,4 millóns de euros (-12,7%), o 17% do total, ao estar máis enfocada a Cava e envasados con D.O.P., viños con maior valor. Séguelle non clasificación Cidade Real, con 410,6 millóns de euros (-15%). As dúas foron as que máis ingresos perderon, case 75 millóns de euros menos cada unha. A Rioxa gaña cota como terceira vendedora en valor ao caer só un 1,4%, seguida de lonxe por Valencia e Áraba, estables, e por Murcia (-47,4 millóns). Entre o posto 7 e o 9 atopamos a Albacete, Cuenca e Toledo, as tres con datos negativos. As que máis aumentaron vos seus ingresos en cifras absolutas foron Navarra (+4,6 millóns de euros), Madrid (+4 millóns), Áraba (+3 millóns), Pontevedra (+1,9 millóns) e Cádiz (+1,8 millóns), todas elas máis enfocadas aos envasados que aos graneis. Aínda que non se atopan entre as principais vendedoras, provincias como Tarragona, Oviedo, Sevilla, Huelva, Soria, León, A Coruña, Guadalaxara ou Xaén gañaron cota entre as exportacións vitivinícolas españolas en 2019. En cambio, outras como Alacante, Guipúscoa, Lleida, Girona, Salamanca ou Castelló reduciron bastante as súas vendas.

MÁIS INFORMACIÓN: Táboa de exportacións de viño por comunidades autónomas 2000-2019.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información