Galicia Calidade, Pazo de Vilane e Canal Cocina únense para promocionar os produtos galegos

As empresas a través da súa alianza promoverán a gastronomía galega e darán a coñecer as virtudes do ovo campeiro e as marmeladas artesanais Pazo de Vilane

Galicia Calidade, Pazo de Vilane e Canal Cocina únense para promocionar os produtos galegos

Pazo de Vilane, Galicia Calidade e Canal Cocina, a única canle de televisión de España dedicado 100% á gastronomía, acaban de asinar unha acordo para dar a coñecer o uso culinario do ovo campeiro e a gastronomía galega.

Durante 2017 desenvolveranse concursos de receitas a través da web de Canal Cocina nos que as persoas premiadas poderán visitar e aloxarse no Pazo de Vilane e dinámicas en tendas con agasallos exclusivos. Canal Cocina gravará reportaxes no pazo que serán emitidos na súa cadea e creará un microsite na súa web no que ofrecerá noticias gastronómicas protagonizadas por Pazo de Vilane e Galicia Calidade.

Galicia Calidade únese á alianza, co propósito de difundir a gastronomía galega

“Hai un ano iniciamos un acordo con Canal Cocina que nos permitiu chegar a miles de persoas a través da súa canle de televisión. Cociñeiros, xornalistas, visitantes e espectadores puideron comprobar como viven as galiñas en liberdade nas nosas leiras, coñecer o proceso de produción do ovo campeiro e todo o que envolve o noso proxecto. Hoxe o entusiasmo e a ilusión é maior xa que Galicia Calidade únese á alianza, co propósito de difundir a gastronomía galega”, afirma a directora de Márketing e Comunicación de Pazo de Vilane, Piedad Varela-Portas.

Pola súa banda, o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, destaca que “para nós é un pracer colaborar cunha empresa galega como Pazo de Vilane, unha mostra de traballo, dedicación, investimento no medio rural galego e tamén pola aposta polo emprego feminino en todos as funcións da súa empresa”.

“Ademais, neste caso, coa suma de Canal Cocina ao acordo lograremos difundir a nosa razón de ser, os produtos galegos e de calidade, como ben di o noso nome. Esperamos que sexa un acordo frutífero e duradeiro no tempo”, conclúe o xerente de Galicia Calidade.

“Lembro os ovos con patacas que comía na aldea dos meus avós galegos cando era pequena”

“Estamos moi contentos de renovar o acordo con Pazo de Vilane ao que este ano se une Galicia Calidade, xa que comparten o noso compromiso coa gastronomía tradicional de calidade, baseada no produto e pensando na saúde. Lembro os ovos con patacas que comía na aldea dos meus avós galegos cando era pequena, e Pazo de Vilane devolve á miña memoria ese sabor procedente de galiñas en liberdade que parecía difícil de recuperar”, explica Mandi Ciriza, SVP de Canales de Produción Propia de AMC Networks International Iberia & Latin America e Directora de Canal Cocina.

Un maio doce: concurso de receitas de repostería

Precisamente este mércores comeza o primeiro concurso organizado por Pazo de Vilane, Galicia Calidade e Canal Cocina cuxo obxectivo será que os participantes envíen receitas de repostería elaboradas con ovo campeiro.

O certame desenvolverase ata o 31 de maio e un xurado formado por expertos gastronómicos de Canal Cocina, elixirá dez receitas entre todas as que se recibiron. O primeiro premio será unha viaxe para dúas persoas con aloxamento e visita guiada ao Pazo de Vilane, onde se poderá vivir unha experiencia única xunto aos creadores do proxecto. Os 10 galardoados recibirán cada un un lote de produtos Pazo de Vilane e outro de 10 produtos certificados por Galicia Calidade, ademais da inclusión das receitas gañadoras nas caixas de ovos campeiros e nas de marmeladas.

No verán lanzarase unha acción que tamén será premiada con lotes de produtos na que poderán participar tanto os subscritores da newsletter de Pazo de Vilane como os do Club Canal Cocina, na que se pedirá aos usuarios que compartan anécdotas relacionadas coas súas experiencias no campo ou nunha granxa.

Ao longo dos meses haberá diferentes accións en tendas con agasallos exclusivos.

En outubro, para o Día Internacional de Ovo, celebrarase o concurso Ovos para un ano, centrado na elaboración de receitas con ovo campeiro Pazo de Vilane.

Na campaña de Nadal, aqueles clientes que atopen A galiña dos ovos de ouro na caixa de ovos campeiros Pazo de Vilane poderán visitar e aloxarse no propio pazo.

Toda a información, así como as bases dos concursos estarán dispoñibles en www.canalcocina.com e www.pazodevilane.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información