A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Galicia Calidade: O selo que potenciará os productos agroalimentarios de Galicia

Este selo englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación, como poden ser os produtos de razas autóctonas ou o leite amparado co selo Galega 100%

Galicia Calidade: O selo que potenciará os productos agroalimentarios de Galicia

Foto: LVG

A industria agroalimentaria galega reforzará a súa presenza na marca Galicia Calidade co obxectivo de que a súa produción gañe en competitividade nos mercados.

Así, este será un selo que englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación. Galicia Calidade amparará tamén os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas, dándolle así un valor engadido a estas producións, así como o selo Galega 100%, que recoñece e distingue o leite de calidade diferenciada producido nas explotacións leiteiras da nosa comunidade.

O impulso a Galicia Calidade como identidade da excelencia no rural galego farase con base en dous piares, o financiamento e a estratexia. O primeiro deles pivotará sobre a promoción, o posicionamento e a axuda a todos os produtores, produtos e transformadores da nosa produción agroalimentaria.

O segundo, a estratexia, centrarase en optimizar recursos, para unificar a acción de todos os actores implicados e para levar a marca ao primeiro nivel mundial de calidade. A gran aposta de Galicia Calidade faise polo valor engadido, xa que non se busca cantidade a calquera prezo, senón produción con calidade diferenciada.

Plan estratéxico

O obxectivo para este ano 2020 é dar a coñecer este novo impulso, mediante un plan de acción estratéxico dirixido a prescriptores nacionais e internacionais, cun calendario que se estrutura en tres chanzos -galego, nacional e internacional-.

Así, presentarase o plan de acción nun acto no que estarán todos os representantes do sector agroalimentario de Galicia e que terá lugar en Sergude (Boqueixón), no Pazo de Quián, un espazo que se converterá no futuro no “Espello do rural galego”.

A continuación, darase o salto a nivel nacional, divulgando o plan de acción “Camiño ao valor engadido”, vinculado ao selo Galicia Calidade, en diferentes puntos de toda España. Así, haberá participación galega en diferentes feiras de prestixio no sector, como son Alimentaria en Barcelona e Gourmets en Madrid e organizaranse tamén dous eventos de promoción específicos en Valencia e Málaga.

Por último, celebrarase en Galicia o “I Congreso Internacional de Galicia Calidade”, estruturado en tres xornadas. Nas dúas primeiras un grupo de prescriptores visitarán empresas galegas representativas do rural, combinando as visitas con experiencias gastronómicas con restauradores de prestixio e algunha tradicional, como poder ser unha feira galega. A terceira xornada será un evento nun lugar paradigmático no que se presentarán a todos os prescriptores os produtos baixo a marca paraugas, combinando a cata cunha serie de conferencias técnicas. Entre elas, salienta unha conferencia sobre Dieta Atlántica, que será a punta de lanza para transmitir e poñer en valor o carácter saudable da nosa produción.

Galicia Calidade vai ser, ademais, unha aposta transversal que se enmarca na Galicia Verde, a Galicia Innovadora (formación e investigación), a Galicia Moza e a Galicia Familiar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *