Galicia agarda recoller na vendima arredor dos 73 millóns de quilos de uva, cunha leve baixada respecto a 2023

Boa parte das adegas galegas están esta semana xa en plena vendima. A uva atópase nun excelente estado sanitario e prevese que nalgunhas Denominacións de Orixe haxa unha abundante produción. Coñecemos as previsións de cada zona vitícola

Publicidade
Galicia agarda recoller na vendima arredor dos 73 millóns de quilos de uva, cunha leve baixada respecto a 2023

Recollida da uva en viñedos de Valdeorras.

A vendima foi arrincando de xeito tímido en tódalas Denominacións de Orixe nos últimos días de agosto, pero esta semana sumáronse moitas adegas ós labores de recollida da uva e o forte da campaña agárdase para esta e a próxima semana. As viñas atópanse nun estado fitosanitario excelente e as primeiras uvas que están entrando nas adegas teñen unha moi boa calidade.

O mes de agosto solleiro axudou a rematar a maduración e a estabilidade destes primeiros días de setembro permite iniciar a vendima de xeito gradual en canto as distintas variedades van acadando o grao de maduración óptimo.

Este ano a previsión inicial é que se acaden arredor duns 73 millóns de quilos, fronte ós 75 que se acadaron o ano pasado, o que motivara que a vendima do 2023 fora a máis abondosa da última década. Con todo, nalgunhas zonas agárdase unha produción maior ca do ano pasado.

Facemos un repaso das previsións da campaña cos Consellos Reguladores das 5 Denominacións de Orixe para coñecer como están a ser estes primeiros días da vendima.

Rías Baixas: Posible baixada da produción para situarse arredor dos 41 millóns de quilos

Na DO Rías Baixas, o Órgano de Control e Certificación presentaba a mediados de xullo o seu informe sobre o estado do viñedo e apuntaba xa a unha posible redución da produción, estimando que se poida situar nos 41 millóns de quilos de uvas, o que suporía un 7,5% menos que a colleita do ano pasado e un rendemento máis baixo de produción, arredor dos 8.800 quilos por hectárea. No 2023, nas Rías Baixas acadárase unha produción récord de 44,3 millóns de quilos de uva.

A redución que se agarda para este ano débese especialmente ós corrementos de flor rexistrados e, en menor medida, a pragas como o mildio larvado. Ó mesmo tempo vese compensado polo incremento de 134 hectáreas de viñedo que entraron en produción.

Os corrementos de flor e o mildio larvado están detrás da redución de produción, pese a sumarse 134 hectáreas

Con todo, unha vez iniciada a campaña mantéñense cautos, xa que esa estimación inicial podería verse modificada. “É unha previsión que se fai en xuño e ó longo destes meses, sobre todo en agosto a uva vai gañando peso, polo que a estimación inicial pode verse modificada”, explica Agustín Lago, director técnico da DO. Así, sinala que haberá que agardar ata que vaia rematándose a vendima, alomenos nalgunhas adegas, para ver se se manteñen as previsións ou hai unha redución menor da prevista.

En canto á calidade, o estado sanitario da uva é excelente. “En agosto tivemos un tempo moi bo para o viñedo e as expectativas sobre a calidade do viño son moi boas. Ademais, os primeiros datos nos mostos amosan valores de acidez e grao alcohólico moi bos ”, destaca Lago.

Ribeiro: Colleita equilibrada entre variedades e vales

O Consello Regulador daba a autorización para o comezo da vendima a finais de agosto e recollíanse xa variedades concretas e viñedos puntuais, pero este luns sumáronse xa máis adegas ós traballos de recollida, aínda que non estaban aínda abertas nin un terzo das adegas do Ribeiro.

Apenas houbo incidencia de mildio e o estado da uva é moi bo

“O estado das uvas é moi bo, xa que este ano apenas tivemos focos de mildio, nin tivemos, en xeral, moita afección pola meteoroloxía”, apunta Concepción Iglesias, presidenta do Consello Regulador do Ribeiro. Así, se o tempo o segue a permitir, poderán facer unha vendima áxil.

Estiman situarse nunha produción semellante á do ano pasado, cando se recolleron 11,4 millóns de quilos de uva, aínda que apuntan que mesmo podería ser un pouco superior e achegarse ós 12 millóns de quilos.

“Este ano parece que imos ter unha vendima equilibrada entre variedades e sen grandes diferenzas entre vales, aínda que sempre depende do manexo que se fixera ó longo do ano”, sinala Iglesias.

Valdeorras: Levan xa máis de 2 millóns de quilos recollidos

Un ano máis, a vendima en Galicia comezou en Valdeorras xa o pasado 21 de agosto, na adega Valdesil, que recollía as primeiras uvas de Godello da tempada para a elaboración dun viño tostado. Porén, tras dela foron sumándose boa parte das adegas e nestas últimas semanas xa están case todas en plena recollida. Así é que a primeira hora deste luns levaban recollidos xa máis de 2,2 millóns de quilos de uva.

Agardan situarse arredor dos 7,5 millóns de quilos de uva, unha cifra semellante á do ano pasado. “Parece que hai unhas zonas nas que hai menos uva, pero entran outras zonas en produción, polo que se vai compensando”, apunta Jorge Mazaira, director técnico de Valdeorras.

A vendima arrancou un ano máis en Valdeorras, que este ano celebra o 50 aniversario do Plan Revival, co que se apostou pola recuperación do Godello na zona

“Estase recollendo unha uva cunha moi boa calidade. A nivel sanitario estamos atopando unha uva moi sa e cun grao alcohólico e acidez axustados ós parámetros que se buscan”, explica Mazaira. “As augas destes últimos días afectaron algo ó grao alcohólico nalgunhas zonas, polo que se gaña en frescura e se está agardando un golpe máis de madurez para a súa recollida”, indica.

Esta é tamén unha vendima especial en Valdeorras, xa que se cumpren 50 anos do Plan Revival (Reestruturación de Viñedos de Valdeorras), co que se impulsou a renovación dos viñedos e a aposta decidida polo Godello, variedade predominante na actualidade na DO.

Uva Vendima _ Valdeorras

Monterrei: Agardan superar a barreira dos 7 millóns de quilos

A comezos desta semana tamén na DO Monterrei xa estaban vendimando 11 das 29 adegas adscritas á denominación de orixe e ó longo destes días continuarán sumándose máis. As primeiras uvas recolléronse a comezos de mes, o luns 2 de setembro. Nestas xornadas levaban recollidos uns 60.000 quilos, dos cales a maioría é Godello e unha mínima cantidade de Merenzao (Bastarda) e Treixadura. Ó longo desta semana está previsto que se continúe vendimando uva Godello e se comece tamén coa Dona Branca.

“Se as condicións meteorolóxicas seguen sendo favorables como ata o momento, agardamos unha vendima que se prolongue ata mediados outubro e nos permita ir recollendo aquelas parcelas segundo van acadando o estado óptimo de maduración”, explica Miguel López, director técnico do Consello Regulador.

Foi un dos mellores anos a nivel sanitario e tras sumar novas parcelas en produción agardan unha prolifera colleita

As previsión tamén apuntan a que se recolla máis cantidade de uva que o ano pasado, cando se situaron nos 6,9 millóns de quilos. “Agardamos superar a barreira dos 7 millóns de quilos, tendo en conta a boa situación no mercado dos nosos viños e que tamén se inscribiron novas parcelas”, explica López. Así, nesta campaña baixo a Denominación de Orixe inclúense 790 hectáreas de viñedo.

O estado fitosanitario da uva é tamén moi bo. “Este é un dos mellores anos a nivel sanitario. Con moi poucos tratamentos fitosanitarios logrouse unha uva que se atopa nun estado excelente”, detalla. As primeiras analíticas amosan uns mostos equilibrados e cuns 13 graos alcohólicos.

Ribeira Sacra: A capacidade limitada de compra de uva das adegas, debido ós excedentes, condicionará a vendima

Na Ribeira Sacra están xa en plena vendima 21 adegas e mesmo houbo unha adega que xa finalizou os traballos de recollida de uva. Porén, quedan aínda 72 sen empezar e 3 que indicaron que non elaborarán viño, unha delas debido a que quedou sen uvas debido ás treboadas e as outras por diversos motivos.

Polo momento están a recollerse sobre todo uvas de Godello, da que levan xa 86.000 quilos, posto que é a variedade branca maioritaria na zona. De Albariño recolléronse uns 8.000 quilos. Semellante cantidade se apañou xa de Merenzao, que pese a ser unha variedade tinta ten un comportamento semellante ás variedades brancas na súa maduración. Tamén se vendimou xa unha mínima cantidade de Treixadura. Porén, a Mencía, variedade maioritaria da DO, aínda non comenzou a recollerse.

Unha das adegas da DO xa finalizou a vendima, pero a maioría aínda non comezaron

A uva atópase nun estado óptimo e as últimas chuvias favoreceron que se engrosaran os vagos antes de comezar a recollida. Este ano a vendima recupera as súas datas habituais, logo de que o ano pasado se iniciase xa en agosto debido ás vagas de calor que se rexistraran.

O máis dun millón de quilos de excedentes da pandemia que se acumulan aínda nas adegas e polos que os viticultores da zona levan tempo reclamando apoio á Xunta, van condicionar en gran medida a vendima deste ano. “Á hora de estimar o volume de quilos que se recollerá este ano, a capacidade das propias adegas para mercar a uva, debido ós excedentes que aínda teñen, vai influír máis que a uva que hai nas viñas”, explica Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra.

“A medida de destilación está activada, pero o importe que se paga por destilación non é suficiente como para que as adegas se acollan de maneira masiva a esta medida, polo que esta vendima será aínda singular debido a isto”, explican dende o Consello Regulador.

Así, as previsións iniciais apuntan a que poida reducirse arredor de 1,3 millóns de quilos de uva e situarse en torno ós 5,5 millóns de quilos. “É unha colleita grande, aínda que non tanto como a do ano pasado, pero que vai estar condicionada pola capacidade de adquisición da uva”, valora Lombardía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información