Galicia acollerá en maio a VII edición do Simposio Internacional sobre Brásicas

O simposio, que se celebrará en Pontevedra auspiciado pola International Society for Horticultural Science, está organizado polo CSIC a través do Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia

Publicidade
Publicidade
Galicia acollerá en maio a VII edición do Simposio Internacional sobre Brásicas

As brásicas como o repolo, o brécol ou a coliflor teñen cada vez máis demanda

Data inicio: 23/05/2017
Data fin: 25/05/2017
Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra, Rúa Alexandre Bóveda, Pontevedra, España

Galicia albergará en maio a VII edición do International Symposium on Brassica, evento científico internacional promovido e organizado nesta ocasión polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da Misión Biolóxica de Galicia (Pontevedra).

Conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e das empresas Rijk Zwaan, Sakata, Bruker, A Rosaleira e Biovegen.

Celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra do 23 ao 25 de maio, coa presenza dunha ampla representación da comunidade científica que ten entre as súas liñas de investigación os cultivos de brásicas, tanto os máis coñecidos, como o brécol, coliflor ou grelo como os menos coñecidos, como o nabicol ou a lombarda.

Diríxese a científicos e expertos que investigan en temas moi diversos dentro desta familia de plantas, incluíndo estudos de diversidade xenética, calidade nutricional, resistencia a pragas e patóxenos, agronomía e adaptación das plantas a factores ambientais adversos.

O prazo de inscrición e de envío de propostas de temas para presentar durante o evento a través de comunicacións orais ou pósteres está aberto¡ ata o 1 de marzo a través da páxina web do simposio http://brassica2017.com/web/

“O obxectivo é crear un foro de reunión e un lugar de encontro con especialistas e expertos de todo o mundo que traballen en diversos ámbitos destes cultivos, co fin de expoñer resultados, compartir coñecementos ligados ás investigacións en curso e proporcionar unha contorna favorable onde se poidan xestar novas propostas e proxectos de colaboración entre investigadores de diversos países”, explica Elena Cartea González, directora da MBG e xefa do grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas.

O simposio desenvolverase a través de conferencias a cargo de científicos de recoñecida traxectoria no estudo das brásicas e de mesas redondas, así como de sesións de comunicacións orais e pósteres.

A conferencia inaugural estará a cargo de Anna Artemeva (N.I.Vavilov Research Institute of Plant Industry) e versará sobre “As brásicas en Rusia: de Vavilov a Sinskaya ata os nosos días”. A relatora traballa como xenetista vexetal e é especialista en estudos de diversidade génica en brásicas ademais de ser responsable do mantemento e estudo da colección de variedades de brásicas colleitadas nos anos 20 polo Dr. Vavilov en Rusia, unha das coleccións máis representativas e antigas dos cultivos de brásicas do mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *