Queda pouco máis dunha semana para que Allariz sexa o epicentro do emprendemento rural a nivel internacional coa celebración do I Foro de Emprendemento Rural, que reunirá a máis de 200 persoas e 20 relatores da Xunta de Galicia, OCDE, Comisión Europea e Goberno de España, así como ás máis de 50 iniciativas que optan a alzarse co premio ‘Emprendemento Rural Innovador’, que repartirá 15.000 euros para as mellores propostas a nivel estatal.
Será durante os días 12 e 13 de decembro cando se celebre este evento no Hotel OCA Villa de Allariz. Está organizado pola Fundación Roberto Rivas e conta co financiamento da Unión Europea, a Escola de Organización Industrial e o Ministerio de Industria e Turismo do Goberno de España, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
A participación no Foro non ten custo algún para o público. A organización poñerá ao dispor dos participantes buses lanzadeira entre a cidade de Ourense,con parada en San Lázaro e estación de tren Ourense e o hotel do evento en Allariz para facilitar os desprazamentos.
Voces expertas do mundo do ámbito emprendedor, das institucións europeas, da administración autonómica e central e membros de empresas punteiras no seu sector, serán os encargados de debater e crear espazos de diálogo para compartir experiencias e ideas innovadoras. Algunhas das personalidades que participarán nas numerosas mesas redondas que se organizan serán:
– Marta Novoa, vicepresidenta da Deputación de Ourense.
– María Cristina Cid, alcaldesa de Allariz.
– Olga Rivas, directora da Fundación Roberto Rivas.
– José Enrique Garcilazo, xefe adxunto de División e xefe da Unidade de Política Rexional e Rural da OCDE.
– Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia.
– María Martos, Conselleira técnica-Coordinadora da RedCIT, Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, MITECO.
– Enrigue Nieto, xefe adxunto de equipo do Pacto Rural Europeo.
– Simone Sasso, analista de políticas da Comisión Europea.
– Edina Ockso, directora da Rede Europea de Pobos Intelixentes.
– José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.
– Iván del Caz, Rural Citizen & Bikonsulting, experto en innovación territorial.
– César López, CEO e coordinador do Ecosistema de Apoio ao Emprendemento Rural.
– Sara Simón, directora de Youth Business Spain.
– David Alonso, CEO & Cofounder The Crowd History e experto en ecosistemas de emprendemento.
– Carlota Corzo, CEO e co-fundadora de Lazzaro.
– Xavier Fontcuberta, coordinador de proxectos de emprendemento da Fundación Roberto Rivas.
– Poonam Pandey, investigadora da Universidade de Vigo e Proxecto Horizonte Europa SERIGO.
– Jaime Iglesias, comisionado especial para a Economía Social, Ministerio de Traballo e Economía Social.
– Gianluca Pastorelli, presidente da Rede Europea Diesis.
– Andrea Barbosa, fundadora de Rural MOVE.
– Mauricio O’Brien, experto en economía e emprendemento social e fundador de NANOMA.
As mesas redondas celebraranse o día 12 de decembro, entre as 10:00 e as 15:00 horas, tempo a partir do cal se realizará unha sesión paralela de networking, ata as 18:00 horas da tarde, de ‘open-mic’, onde se lanzarán preguntas ao público, xerando sinerxias coas persoas asistentes.
Os participantes neste I Foro de Emprendemento Rural terán tamén a oportunidade o mesmo día 12 de decembro de visitar as instalacións de varias iniciativas de emprendemento innovador que están a transformar as zonas rurais, onde poderán escoitar da propia voz dos protagonistas como souberon aproveitar os recursos locais, revitalizando as súas comunidades e xerando impacto positivo na contorna.
Ao día seguinte, venres 13 de decembro e a partir das 10:00 horas, entregaranse os Premios ao Emprendemento Rural Innovador, recoñecendo ao emprendemento gañador polo seu carácter innovador, sostible e o seu impacto positivo no territorio rural, xunto con mencións especiais a outros emprendedores destacados. Outorgarase un premio en metálico de 10.000 euros á mellor iniciativa, e 5.000 euros a distribuír en diferentes mencións a iniciativas de relevancia.
De 11:30 a 13:00 horas, celebrarase a actividade ‘Estratexias de éxito en emprendemento rural’, onde persoas emprendedoras que lograron consolidar proxectos innovadores e sostibles en zonas rurais, contarán como superaron as barreiras e aproveitaron as oportunidades do rural.
De 14:30 horas a 16:00 horas organizaranse talleres participativos da man de persoas expertas para profundar nas ferramentas clave relacionadas coa innovación e o financiamento. A clausura celebrarase ás 16:00 horas e, posteriormente, realizarase un circuíto cultural por Allariz.
Ademais, dentro do evento enmárcase o lanzamento do Ecosistema Nacional de Apoio ao Emprendemento Rural, unha plataforma en liña que apoiará aos axentes que fomentan iniciativas emprendedoras no medio rural, avanzando cara á dixitalización do ecosistema de emprendemento rural.
Pavillón de emprendedores
Ademais, no marco do Foro, habilitarase un espazo permanente con ‘casetas’ onde coñecer os proxectos, produtos e servizos de emprendedores rurais da zona. Será unha oportunidade para o público, xa que poderán levar a casa unha mostra das iniciativas máis creativas e sostibles que están a transformar o rural, percorrendo e gozando os espazos do Hotel Oca Vila de Allariz.
Sobre a Fundación
A Fundación Roberto Rivas ten como misión conseguir comunidades rurais conectadas e innovadoras, orgullosas das súas raíces e abertas ao mundo. Nos seus anos de percorrido, e moi especialmente neste 2024, implementou novas edicións de programas propios da Fundación como RR_dTerritorio ou RR_dMentoring. Tamén outros programas en colaboración con outras entidades públicas e privadas como The Break con EOI, Equal Rural co GDR Limia- Arnoia, Vives Emprende con Acción contra a fame, O Noso Reto Solidario con Fundación Botín, Comunidades de impacto con PratoDO e WOMEN IMPROVE con FUNDESAR-EFAS Galicia ou a Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego posta en marcha pola Xunta de Galicia.
Coa organización do primeiro Foro de Emprendemento Rural, desde Fundación Roberto Rivas traballan en xerar desde a acción local un impacto global.