O Observatorio da Mariña pola Igualdade, unha asociación feminista integrada por mulleres da Mariña lucense, vén de editar unha axenda 2017 que está protagonizada por mulleres que traballan no agro e no mar. A axenda, que leva por título ‘Galegas en leiras de mar e terra’ trata así de visibilizar o traballo feminino en ámbitos que son percibidos de xeito habitual como masculinos.
A axenda do Observatorio, que chega a súa séptima edición, está protagonizada por 12 mulleres, unha por cada mes do ano, que traballan no sector primario. En anos anteriores, a publicación centrárase noutros ámbitos, como o cultural (escritoras, músicas, teatreiras, etc.) e o científico.
As protagonistas da axenda 2017 son Marta Juncal, bateeira de Vilanova de Arousa; Xulia Bande, viticultora de Leiro; Montserrat Otero, labrega de Lourenzá; Eva Beres, queixeira de Ordes; María del Carmen Suárez, percebeira de Corme-Ponteceso; Anxos Orgueira, produtora de Palas de Rei; Carmen Abad, mariñeira de Xove; Nieves Fernández, gandeira de Viana do Bolo; Beatriz Molanes, redeira do cerco de Cangas; Mercedes Alonso, gandeira de Cotobade; Carmen Formoso, mariscadora de Carnota e Clara Basanta, gandeira de Trabada.
O prezo da axenda son 13 euros e pódese atopar nos seguintes puntos de venta:
– Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
– Foz: Libraría Bahía.
– Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
– Viveiro: Libraría Porta da Vila.
– Vilalba: Papelería Pergamino 2.
– Lugo: Libraría Trama
– Santiago de Compostela: Libraría de mulleres Lila de Lilith.
– A Coruña: Livraria Suévia.
– Vigo: Libraría Andel.
– Allariz: Aira das letras.
– Pontevedra: Libraría Paz.

Presentación da axenda no Culturgal (Pontevedra), con participación dunha das súas protagonistas, Mercedes Alonso, gandeira de Cotobade (á esquerda).