A empresa pontevedresa Hifas da Terra, dedicada á produción de cogomelos, recibiu este xoves o premio Alimentos de España 2016 que concede o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e que recoñece a excelencia dos produtos alimentarios españois e o labor dos profesionais e entidades participan no seu desenvolvemento para obter alimentos de calidade.
Nas oito modalidades convocadas na XIX edición dos premios -Industria Alimentaria, Restauración, Produción Ecolóxica, Comunicación, Internacionalización Alimentaria, Produción da Pesca e da Acuicultura, Iniciativa Emprendedora e Premio Extraordinario Alimentos de España- Hifas da Terra recibe a distinción á Produción Ecolóxica, destacando por ser unha empresa «orixinal en todos os seus aspectos» que aposta pola «investigación e o desenvolvemento rural», así como pola «innovación» coa elaboración de novos produtos gourmet e a formulación de complementos alimenticios, xaropes e cosméticos cuxo ingrediente diferencial son os cogomelos e os seus compostos bioactivos.
Protección do medioambiente
Segundo se destaca na comunicación oficial do Ministerio, Hifas da Terra pon en valor a «conservación e protección do bosque autóctono galego»; un compromiso que se estende á súa actividade científica coa posta en marcha de oito proxectos de investigación relacionados co medioambiente.
Neste sentido, é de destacar os proxectos Micotecnosoles e Micotecnosoles II nos que, ademais de defender o ecosistema galego, proponse a biorremediación de chans contaminados por diversas sustancias a través de chans tecnolóxicos con fungos.