A galega CLUN recibe o premio á mellor cooperativa agroalimentaria de España

A galega CLUN recibe o premio á mellor cooperativa agroalimentaria de España

O director xeral de CLUN, José Luís Antuña, o presidente José Ángel Blanco e o vicepresidente José Montes

O presidente de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), José Ángel Branco, recolleu este mércores en Madrid o Premio “Cooperativa del año” concedido por Cooperativas Agro-alimentarias de España nun acto presidido pola directora xeral do Traballo Autónomo da Economía Social e de Responsabilidade Social das Empresas, Carmen Casero.

A entidade recoñece a CLUN como “unha das apostas de integración cooperativa máis importantes dos últimos anos, converterse en referente no sector agrogandeiro galego e o seu compromiso coa responsabilidade social, a innovación, a calidade e o seu modelo de xestión orientado a unha sustentabilidade económica, social e ambiental no que as persoas son o primeiro”.

Acompañado polo director xeral de Cooperativa, José Luís Antuña, e o presidente de Feiraco, José Montes, José Ángel Blanco agradeceu a Cooperativas Agro-alimentarias esta distinción porque supón “un novo estímulo para seguir ofrecendo servizos de calidade aos máis de 3.500 socios dunha trintena de municipios galegos cos que conta actualmente CLUN e a proba de que o cooperativismo é o camiño correcto para asegurar a competitividade do sector nos mercados globais con dimensión, eficiencia, calidade e innovación e garantir, así mesmo, que o beneficio reverta nos gandeiros de forma directa”.

Blanco subliñou ademais que este “non é un recoñecemento parcial a unha compañía senón o premio ao esforzo colectivo dos nosos socios gandeiros que contribúe a fomentar o orgullo de pertenza ao medio rural”.

Un ano crecendo xuntos

Desde a súa constitución en xaneiro de 2017, CLUN conseguiu avanzar na consecución dos seus obxectivos estratéxicos: potenciar os servizos técnico-económicos da cooperativa para unha maior eficiencia dos custos de produción dos seus socios; a optimización do prezo das subministracións en mellores condicións de competitividade; e gañar volume para mellorar a cadea de valor do agro galego e contribuír á súa estruturación, impulsando a sustentabilidade da produción láctea.

Na actualidade conta con máis de 3.500 socios, cinco fábricas e tres centros de traballo situados en 30 municipios do norte e centro de Galicia, zonas crave no desenvolvemento do sector lácteo europeo. A súa actividade estrutúrase en tres divisións: Lácteos, que articula a recollida, envasado e distribución de leite e outros derivados; Subministracións, encargada de proporcionar ao socio os produtos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade, con fábricas de produción de pensos, surtidores de gasóleo e tendas agrarias; e a división de Servizos, que apoia a xestión eficiente das gandarías tanto na vertente económica e financeira como no asesoramento técnico en diferentes ámbitos.

Baixo as marcas de referencia no mercado nacional como Feiraco, Únicla, Clesa e Arquega produce, envasa e comercializa produtos lácteos que se elaboran con leite que procede unicamente das explotacións dos seus socios.

Premios Cooperativas Agro-alimentarias de España

A terceira edición dos Premios Cooperativas Agro-alimentarias de España recoñece o labor e o esforzo das cooperativas en ámbitos concretos en tres categorías, ademais da de Cooperativa do Ano. Esta edición, Uniu Corporació Alimentaria recibiu o premio á categoría de Desenvolvemento Rural polas súas actuacións de carácter social dirixidas á súa contorna rural. Iniciativas que persigan a incorporación de mozas, novos servizos para socios, patrocinio das actividades da comunidade rural, oportunidades de emprego, mellora de vida de colectivos desfavorecidos ou benestar da comunidade.

Na categoría Igualdade de Oportunidades resultou galardoada Nuestra Señora de las Virtudes pola súa aposta pola igualdade de oportunidades e que fomenta o empoderamiento e liderado da muller nas cooperativas agroalimentarias. No apartado de Innovación foi recoñecido Grupo AN por procesos e métodos innovadores en materia de produción agraria, procesos de transformación, novos produtos e/ou organización empresarial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información