Galacteum consolídase no mercado de ingredientes lácteos para nutrición infantil

O proxecto industrial asociado á cooperativa Aira completa os primeiros meses en plena produción, logo de culminar no 2019 todo o proceso para a posta en marcha da súa torre de secado de soro e leite

Exterior da torre de secado de Galacteum en Melide.

Exterior da torre de secado de Galacteum en Melide.

Galacteum, a industria láctea impulsada pola cooperativa Aira, está xa a pleno rendemento e encarrilada cara o reto co que naceu, a obtención de produtos de alto valor engadido. A compañía, que trocou recentemente o seu nome orixinal, Dairylac, polo de Galacteum, entrou con forza nos últimos meses no mercado de ingredientes lácteos para nutrición infantil, un mercado que ten unha clara expansión en Asia e tamén boa saída en Europa.

Logo de completar no 2019 o proceso de posta en marcha da súa torre de secado de soro e leite, Galacteum centrouse na produción de soro desmineralizado en po. O seu produto estrela é o soro D90, que presenta unha redución de sales dun 90%, o que lle confire alta dixestibilidade, unha das propiedades máis apreciadas no mercado de ingredientes para nutrición infantil.

A compañía está producindo na súa planta de Melide arredor de 130 toneladas de soros desmineralizados, o que levará a unha produción anual dunhas 6.500 toneladas. “Estamos traballando a un 75% da nosa capacidade, con picos estacionais nos que estamos ó 100%”, explica o director xeral da industria, Juan Cordonié, quen pasou esta primavera de ser director de Operacións a convertirse no novo director xeral, trala saída amistosa do anterior máximo responsable, Iago Quintana, que se centrou noutros proxectos.

Abastecemento de soro
O soro, un subproduto derivado da elaboración de queixos, chega a Galacteum desde queixerías do noroeste peninsular (Galicia, Portugal e Castela) que manteñen contratos a medio e longo prazo coa industria, o que lle asegura un suministro estable.

Esa garantía de abastecemento réstalle urxencia ó proxecto de montar unha queixería propia, un dos obxectivos iniciais cos que nacera a empresa. “É unha idea que non está descartada, xa que a nosa forza motriz é unha cooperativa de primeiro grao potente e cun crecemento sostido. O tempo dirá”, valora Juan Cordonié.

Polo de agora, a empresa está centrada en consolidar as tres liñas nas que xa está traballando. A produción de soro desmineralizado complétase cunha liña de produtos industriais, orientada a empresas agroalimentarias e lácteas, e cunha gama de produtos envasados dirixidos a supermercados e hostelaría.

Liña de produtos industriais
En produtos industriais, Galacteum traballa con empresas de galletas e panificación, a parte de prestarlle servizos a outras empresas lácteas. “Temos capacidade tecnolóxica para ofrecer unha ampla gama de produtos confecionados, pois contamos con sistemas de concentración por secado ou con membranas semipermeables. Tamén é posible garantir a trazabilidade de materias primas diferenciadas, como o leite certificado de benestar animal, que produce Aira, ou produtos para denominacións de orixe”, explica Juan Cordonié.

A parte do procesado de soro, a torre de secado ofrécelle a Galacteum a posibilidade de elaborar leite desnatado en po, unha liña ligada á valorización da graxa do leite vía natas e manteiga. “O leite en po é un produto que apoia o noso negocio de produtos industriais e que nos interesa ter en stock para clientes principalmente de España. En determinados momentos, secar leite pódelle servir ademais a Aira para regular a súa oferta, se ben na actualidade hai que dicir que o mercado está estable e non é preciso derivar leite para po”, destaca Juan Cordonié.

Produtos envasados para o consumidor e hostelaría
O terceiro pilar do traballo de Galacteum é a súa liña de produtos envasados para supemercados e hostelería, principalmente leite pasteurizado, manteiga clarificada, queixos -elaborados por unha empresa colaboradora-, e natas. “Durante o 2019, a liña de produtos envasados medrou en conxunto un 25%. O 2020 comezou coa mesma tendencia, pero a crise do coronavirus, que mantivo pechada a hostelería durante meses, afectounos”, explica o director comercial de Galacteum, José Conde.

A oferta de Galacteum nos supermercados de Galicia está consolidada, con presenza en cadeas como Vegalsa-Eroski, Gadis, Froiz, Carrefour, Covirán ou Mercadona, en tanto que a nivel estatal logrou unha ampla distribución por medio de Carrefour. “O paso que demos nas cadeas de distribución no último ano foi dar o salto de Galicia ó resto de España”, destaca Juan Cordonié.

Un dos últimos lanzamentos da empresa nos supemercados foi un leite pasteurizado sen lactosa da marca Deleitar en envases de 500 mililitros. “Tiñamos a percepción de que o leite que non é xenérico pode ter saídas en formatos menores ó do litro, así que veremos como se comporta”, valoran.

Galacteum está procesando anualmente 40.000 toneladas de leite, procedentes na súa maioría das cooperativas Aira e Codeira, accionistas da industria. Aira conta con arredor dun 70% das accións, en tanto outro 25% está en mans de Xesgalicia (Xunta de Galicia) e a a parte restante corresponde a pequenos accionistas.

Medrar en valor
Unha vez que as súas liñas de produción entraron en velocidade cruceiro, a compañía orientarase nos próximos meses a “medrar en valor, non en volume”, priorizando a elaboración de produtos e gamas que ofrezan máis retorno. Consolidada a parte industrial, a empresa puxo en marcha o seu novo nome, Galacteum, no que asocia conceptos como Galicia, lácteo e galaxia para transmitir unha idea de innovación e internacionalización.

Outro ámbito de traballo nos últimos meses foi o ambiental, pois montouse unha nova depuradora e un sistema de recuperación de augas por ósmose inversa.

Polo demais, durante a crise da Covid-19, a empresa non se resentiu no seu traballo, xa que conta cunha planta automatizada que permite a distancia social entre o persoal, e xa tiña protocolos na súa torre de secado equiparables ós dun ambiente de quirófano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información