Gaec Varin: Unha gandaría francesa funcional e eficaz

Gaec Varin: Unha gandaría francesa funcional e eficaz

Os irmáns Guy, Marc e Luc Varin

Guy, Marc e Luc Varin son tres irmáns que conforman Gaec Varin, unha explotación agrogandeira familiar que combina a gandaría de vacún de leite coa produción de cultivos como remolacha, trigo ou millo en gran para venda. Está situada no departamento francés de Seine-Maritime, na rexión de Normandía.

A súa é unha gandería familiar na que lograron incrementar a rendibilidade e mellorar a súa calidade de vida grazas a un sistema de manexo simple, ben organizado e con ferramentas funcionais para o día a día.

A gandaría conta cunha SAU de 206 hectáreas, unha base territorial que lles garante un elevado grao de autosuficiencia alimentaria para a súa cabana gandeira. Os cultivos repártense entre 30 ha de millo, 30 ha de prados, 85 ha de trigo, 17 ha de remolacha azucreira, 10 ha de colza e 34 ha de liño.

O rabaño está formado por 110 vacas Holstein adultas en muxido cunha produción media de 10.700 quilos de leite por lactación e unha produción total de 1.025.000 litros. A carga gandeira é de 2,3 UGM por hectárea.

Antes de incorporarse á gandaría familiar este tres irmáns pasaron varios anos formándose traballando como asalariados noutras gandarías, un tipo de aprendizaxe moi estendida en Francia.

O irmán maior, Guy, foi o primeiro en incorporarse en 2008, seguido polos seus irmáns xemelgos en 2012, o ano no que o seu pai se xubilou. En canto á súa nai, retirouse do Gaec -o equivalente en Galicia a unha SAT- en setembro do pasado ano.

Situada no Pays de Caux, a gandaría benefíciase de contar con terreos moi fértiles, de chans profundos de carácter limoso. Así, logran rendementos de trigo de 8,7 ton/ ha en media, de 105 t / ha en remolacha e de 17 t / ha de millo en gran. Un capital, o do seu solo agrícola, estratéxico, que aínda podería selo máis no futuro. “Nós sufrimos máis nun ano húmido que nun ano seco “, comenta Marc Varin.

Neste contexto, non é de estrañar que o seu obxectivo sexa producir leite coa mínima superficie de forraxe posible para maximizar a base territorial destinada a cultivos para a venda.

Aposta pola simplicidade e a eficacia

Porén, as dúas actividades, -a produción de leite de vaca e de cultivos para venda- son complementarias en GAEC Varin, xa que a materia orgánica do xurro e do esterco que produce o gando axuda a manter a fertilidade do chan. Pero tamén a diversificación é unha garantía a nivel económico: a agricultura de cultivos mixtos ofrece unha seguridade; pois sempre hai unha produción que compense á outra.

“Este ano, por exemplo, estamos moi contentos cos resultados da gandaría de leite, pero sen embargo o liño que cultivamos non ten saída comercial pola crise do coronavirus … “, explican.

Contan cunha sala rotativa de muxido

A sala de muxido rotativa instalada no 2012 substituiu a unha sala de muxido de 2x5 puntos. Cada socio mungue só e lévalle unha hora e media, lavado incluído.

A sala de muxido rotativa instalada no 2012 substituiu a unha sala de muxido de 2×5 puntos. Cada socio mungue só e lévalle unha hora e media, lavado incluído.

A elección de investir nunha sala rotativa de muxido con 30 puntos cando se incorporaron Marc e Luc responde en particular á súa estratexia de simplificar o traballo e facelo máis eficiente, de forma que se precise menos man de obra.

“Eliximos a propósito unha sala de muxido sobredimensionada para as vacas que temos porque queriamos que unha soa persoa puidese realizar sen problema o muxido”, sinalan. “Facemos quendas para muxir, sempre un só. Se muxíramos dous non iriamos máis axiña”, engaden.

A muxidura dura 1 hora e 30 minutos, limpeza incluída. Se unha vaca é lenta para mungir, pasa por unha segunda rolda. “Optamos por instalar a sala rotativa no exterior para facilitar o acceso á sala de espera. En todo caso, é certo que este sistema penaliza a calidade do leite se se desprende unha tetoeira”, recoñecen.

Pastoreo rotacional en dúas parcelas

As vacas están pastoreo libre en dúas parcelas de 4,5 hectáreas, nas que van alternando

As vacas están pastoreo libre en dúas parcelas de 4,5 hectáreas, nas que van alternando

Tamén aplican a simplicidade ao pastoreo. Desde mediados de marzo até mediados de outubro, as vacas teñen acceso alternativo a dúas parcelas de 4.5 hectáreas cada unha. “Cambiámolas de parcela cada semana. Este sistema facilítanos o manexo do pasto e axúdanos traer as vacas de volta”, especifica Guy.

E é que desde o prado as vacas teñen libre acceso permanentemente á corte, onde reciben a mesma ración que no inverno pero en menor cantidade (ao redor do 75%) e sen ensilado de herba. A ración de inverno consiste en 15 kg de silo de millo, 2,5 kg ensilado de herba, 1,6 kg de bagazo de cervexa, 5,7 kg de fariña de colza, máis minerais.

“Tamén aproveitamos para comprar subproductos como pulpas ou patacas para destrío (12 euros / t), engade Luc. O bagazo de cervexa provén de Lille ou do Leste de Francia. Destacan o seu efecto favorecedor da produción de leite e de diversificación das fontes de proteína. “Cando empezamos a utilizalo, este subproducto saíanos moi ben de prezo porque non había moita demanda, pero hoxe hai máis demanda e os prezos negócianse para todo o ano, roldando os 64-68 euros/ t, posto en granxa”, sinalan.

Ración para inicio da lactación

Os tenreiros recén nados están dentro de boxes individuais con valos "tipo policía”. Están separados entre si por un espazo baleiro para mellorar o estado sanitario.

Os tenreiros recén nados están dentro de boxes individuais con valos “tipo policía”. Están separados entre si por un espazo baleiro para mellorar o estado sanitario.

Aquí non contan cun carro mesturador de alta tecnoloxía, senón un simple remolque arrastrado de 12 m3, comprado de segunda man. Pola mañá, o concentrado esparéxese no pesebre encima da forraxe.

Medio remolque de mestura distribúese á primeira hora e outro segundo pola tarde. Non é necesario arrimar as comida grazas ao muro de mampostería ao nivel do pesebre. As cantidades distribuídas axústanse de acordo cos rexeitamentos que houbo do día anterior. Estes rexeitamentos son recollidos e repartidos a man ás xovencas de segundo ano.

“Anteriormente traballabamos en ración completa porque estabamos en partos agrupados, pero revisamos esta estratexia por unha cuestión de espazo limitado no edificio (96 cubículos) e para atender a demanda da industria láctea á que lle vendemos (Eurial)”, explica Marc.

Tras os cambios, os partos repártense durante todo o ano e as trinta mellores vacas en inicio de lactación supleméntanse pola mañá, despois do muxido. Un pórtico conectado aos colares de identificación electrónica identifícaas e unha porta clasificadora diríxeas a un espazo onde reciben 1,5 kg de pulpa de remolacha deshidratada e 500 gramos de torta de colza. “Isto obríganos a actualizar o sistema unha vez ao mes”, di Luc.

Manexo do costro e kéfir para tenreiros

As xovencas paren desde o 1 de agosto até finais de decembro. “Isto permítenos ter lotes homoxéneos, potenciar o pastoreo desde o primeiro ano e aforrar prazas no establo”. Para limitar o número, só un terzo das xovencas mantéñense para reposición. “Criamos dous lotes de trinta xovencas. Nin un máis”. Todos os demais becerros véndense aos 15 días.

O bordo de formigón no pesebre aforra ter que arrimar a comida

O bordo de formigón no pesebre aforra ter que arrimar a comida

O obxectivo de idade ao primeiro parto téñeno fixado en 24 meses. “Para promover a inmunidade, os tenreiros sóndanse con catro litros de costro despois de nacer. Se o parto foi de noite teñen que esperar até a mañá”. A calidade do costro contrólase cun refractómetro. Se está en bo estado, pasa a ser conxelado. Os tenreiros cambian a leite en po en dúas comidas ao día na segunda semana de vida, e cambian a unha comida ao día (4 litros) en currais colectivos a partir da terceira semana. Logo reciben dous litros de leite desnatado en po complementado con dous litros de leite de kéfir. Esta prepárase de forma moi parecida ao leite de iogur, utilizando grans de kéfir. “Esta é unha forma de aforrar leite en po, de aproveitar o leite das vacas frescas non comercializable e é boa para a saúde da tenreira”, consideran os gandeiros de GAEC Varin.

“O kéfir preparámolo en barrís herméticos de sesenta litros nos que sementamos o leite de vacas recentemente paridas cos grans de kéfir. No inverno, úsase un quentador de leite para axudar a que o leite calle. O único problema é que os becerros son un pouco remisos a beber leite de kéfir durante os primeiros dous ou tres días” . Á parte dos mortinatos, case non hai perda de tenreiros.

As xovencas tamén están equipadas con colares

O destete prodúcese ás 8 semanas cando os tenreiros pesan polo menos 80 quilos. Os crecementos rexístranse medindo con cinta todos os meses. Logo reciben feo fibroso e un 18% de concentrado de proteína. Aos 3 meses este concentrado substitúese por unha mestura de polpa de remolacha (80%) e fariña de colza (20%), e os gandeiros distribúen con pa un quilo da ración das vacas por mes de idade. “É fácil porque os tenreiros alóxanse xusto en fronte do pesebre das vacas en lactación”.

A partir de maio, as xovencas de máis de 6 meses acceden a unha pradaría de 1,20 hectáreas, cuxo primeiro corte colléitase como forraxe para ensilado. Compleméntanse con silo de herba ou feo e unha mestura de pulpa e colza.

As tenreiras volven ao establo no outono, e as inseminacións comezan aos 12 meses se alcanzan os 400 quilos. As xatas, como as vacas, están equipadas con colares electrónicas Medria. “Dan moito indicadores pero usámolos principalmente para detectar celos”, explican os gandeiros.

“Desde que están equipadas cos colares monitorámolas menos ca antes. Hai algúns falsos positivos, pero isto é raro, e a ferramenta detecta celos que nunca veriamos», destacan.

Desde fai catro anos nesta gandaría tamén xenotipan a todas as becerras. As que destacan no terzo superior a nivel xenético son inseminadas con seme sexado, ao terzo intermedio póñenlle seme convencional e o terceiro terzo de tenreiras con peor nivel xenético é inseminado con seme de razas cárnicas.

O intervalo entre partos é de 395 días, o cal non está mal para vacas de alta produción. O período de vacas secas é de corenta e cinco días, excepto para as primíparas (60 días).

Na ración inclúense diferentes subproductos, como bagazo de cervexa, ou pulpa de remolacha deshidratada. Para ensilalos poñen por riba da pulpa o bagazo de cervexa, para que absorva os zumes que desprende a primeira

Na ración inclúense diferentes subproductos, como bagazo de cervexa, ou pulpa de remolacha deshidratada. Para ensilalos poñen por riba da pulpa o bagazo de cervexa, para que absorva os zumes que desprende a primeira

Puntos a mellorar: Reconto de células e dermatites

O principal problema de saúde animal en GAEC Varin refírese ao reconto de células en leite. A situación empezou a mellorar con descarte de varias vacas con estafilococos e desinfección de cascos das vacas con máis recontos celulares. Ademais, recoñecen que o post dipping dos tetos das vacas á saída da sala rotativa de muxido non é o óptimo.

Para mellorar a situación de reconto celular, todo o rabaño foi xenotipado este ano a través do servizo GenoCells, para realizar unha selección xenética dos animais con menor reconto celular en leite. “Este servizo custounos 2.000 euros. O obxectivo é amortizalo mellorando o reconto celular, o que nos permitiría embolsarnos o bono de 3 euros por 1000 litros que paga a industria láctea por alta calidade”, explican.

Outro punto crítico en GAEC Varin é a incidencia da dermatite dixital papilomatosa. “Logramos contela aplicando durante o muxido oxitetraciclina en spray nas dermatites, pero aínda tratamos dous ou tres cascos por semana”, recoñecen.

Os gandeiros tentan traballar a nivel de selección xenética na mellora de patas e tamén sobre os sólidos en leite, dous caracteres penalizados por unha selección que nas últimas décadas centrouse na produción por vaca.

“Non todo é perfecto na nosa gandaría, pero o noso sistema de manexo convennos. Se quixésemos simplificalo aínda máis, poderiamos cambiar a un sistema de cama quente, pero preferimos valorar o existente e a imaxe do sistema de cama quente non nos atrae”, aseguran.

Comunicación e unha organización ben establecida

A construción dunha oficina grande e independente (10.000 euros) foi o primeiro investimento do Gaec. Alí reúnense os socios a diario.

A construción dunha oficina grande e independente (10.000 euros) foi o primeiro investimento do Gaec. Alí reúnense os socios a diario.

Para que funcione ben un Gaec, o trato entre socios é primordial, e o tres os irmáns sábeno. Aínda que se levaban ben, non traballaran xuntos antes da instalación dos xemelgos.

Para facilitar as relacións entre os socios, en 2012 seguiron unha formación sobre traballo en equipo. Dotada cun gardarroupa e unha cociña, a oficina é o centro de relación e de organización e alí reúnense polas mañás para almorzar xuntos.

“É o momento no que facemos un balance do que estamos a facer e do que imos facer. Nós somos independentes nas nosas tarefas, e cada un ten unhas responsabilidades definidas, pero queremos estar informados mutuamente do que fai cada un”, explican.

Ademais, contan cun grupo de WhatsApp para facilitar a comunicación no día a día.

Os irmáns xemelgos especializáronse na recría, pero todo o mundo fai de todo. Excepto os tratamentos fitosanitarios, que permanecen reservados para Guy.

A organización do traballo está ben engraxada. Pola mañá: hai un que se encarga do muxido, outro que se encarga de meter vacas, encamar con palla e dos tenreiros e o último alimenta ás vacas e xovencas. Pola noite: é o mesmo patrón, pero o que alimentou o rabaño libra. Esta quenda cambia todas as semanas.

A cada socio tócalle estar de garda un fin de semana de cada tres, desde o sábado ao mediodía até o luns ao mediodía.

Unha gandaría que en 20 anos pasou de 30 a 110 vacas en muxido

O establo foi empliado e transformado a un sistema de cubículos no ano 2012. Sumando a compra da sala de muxido rotativa o investimento total roldou os 500.000 euros.

O establo foi empliado e transformado a un sistema de cubículos no ano 2012. Sumando a compra da sala de muxido rotativa o investimento total roldou os 500.000 euros.

Séverine Burel é enxeñeira na Cámara de Agricultura de Normandía e coñece moi ben GAEC Varin.

“Desde hai 10 anos seguimos a esta gandaría que do mesmo xeito que outras da comarca de Pointe do Pays de Caux, combina a produción de leite de vaca nun sistema intensivo cos cultivos agrícolas para venda, optimizando o uso da base territorial.

A estrutura desta explotación soubo evolucionar. Fai uns vinte anos, a gandaría dos pais dos irmáns Varin contaba cun trinta vacas. O rabaño triplicouse coa incorporación do seu tres fillos. As instalacións tamén se adaptaron co paso dun sistema de muxido clásico a unha sala rotativa e a transformación de estabulación libre en palla, a cubículos.

O máis importante é que permaneceu a liña de traballo: un rabaño de bo nivel xenético, que manexan dunha forma sinxela, eficaz e con gran rigor.

Os resultados económicos dan fé do balance positivo que obtén este GAEC tanto na gandaría de vacún de leite como nos cultivos para venda. O sistema é consistente e eficiente”.

Artigo publicado na revista francesa https://www.reussir.fr/lait/ e cedido a www.campogalego.com grazas a un acordo de intercambio de contidos entre as dúas publicacións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información