GAEC La Petite Ronde: Unha explotación deseñada para dar máis calidade de vida aos gandeiros

Esta gandería de vacún de leite, situada na rexión francesa da Vendée, logrou introducir cambios no manexo que melloraron notablemente a calidade de vida dos seus propietarios. Visitámola co alumnado da EFA Fonteboa

GAEC La Petite Ronde: Unha explotación deseñada para dar máis calidade de vida aos gandeiros

Stéphane Jamin, copropietario de GAEC La Petite Ronde

GAEC La Petite Ronde é unha SAT familiar francesa formada por dous irmáns Jean Michel, de 52, e Stéphane Jamin, de 46 anos. Situada na rexión francesa da Vendée, no oeste do país, é un referente dentro do sector do vacún de leite por como logrou ir implantando cambios para gañar máis diñeiro por litro de leite e, sobre todo, para teren máis calidade de vida.

Os dous irmáns incorporáronse novos, con 23 anos, Jean Michel no 1989 e Stéphane no 1995. Hoxe contan con 75 vacas en muxido que producen un total de 570.000 litros ao ano, cunha media de 7.500 litros por vaca e unhas calidades de 4,3% de graxa e 3,3% de proteína. Traballan nun sistema de pastoreo, grazas a que dispoñen de 57 hectáreas ao redor da explotación, tanto en propiedade como alugadas. En total, a súa base territorial é dunhas 100 hectáreas, das que neste momento en 15 cultivan millo forraxeiro, 70 son dedicadas a herba e a pastoreo e 15 hectáreas ao cultivo de trigo. Deste cereal venden o 70% da colleita, e o 30% restante destínano ao cebo das xovencas, mentres que a palla aprovéitase para a cama das vacas e becerras.

A facilidade para acceder á terra agrícola en Francia, grazas a unha administración que vela para que non se especule co seu prezo e para que se destine a un uso agrario, fai posible que gran parte dos gandeiros de vacún de leite diversifiquen as producións como no caso do Gaec La Petite Ronde.

En canto ao xeito de traballar desta gandería familiar, Stéphane resúmeo moi claramente: “O noso obxectivo máis que producir moito leite é mercar o menos posible; en segundo lugar, seguir gañando cartos aínda que os prezos do leite estean baixos e, por suposto, ter calidade de vida”.

Organización dos partos

Para lograr este obxectivo comezaron facendo cambios deixando de muxir os domingos pola tarde dende xuño ata agosto. “Son afeccionado ao motocross e quería ter os domingos pola tarde libres para ir a competicións, e os dous estivemos de acordo en facer este pequeno cambio e mellorar algo en calidade de vida”, explica.

 Durante un mes non entregan leite para coller vacacións

O seguinte paso foi programar os partos das vacas para non haxa que muxir dende o 15 de xullo ao 20 de agosto e poder coller así cada un deles 15 días de vacacións seguidas. Para iso, simplemente concentran as inseminacións entre o 11 de novembro e o 15 de marzo para que, deste xeito, as vacas comecen a parir a partir do 20 de agosto. Teñen dous touros para cubrir as vacas que repiten e as que non quedan preñadas nese período descártanas e véndenas. ¿Son penalizados pola industria por non entregar leite durante un mes? “Non temos ningún tipo de penalización, e deste xeito conciliamos moito mellor coa familia”, afirma Stéphane.

Logran un dos custos de produción máis baixos da rexión

O outro obxectivo de GAEC La Petite Ronde nestes anos foi baixar os custos de produción mercando o menos posible fóra e aumentando o diñeiro que gañan por litro de leite. É o que os expertos chaman “resiliencia”.

“Levamos 20 anos traballando nos custos de produción, sobre todo grazas ao GEDA -grupos de gandeiros que a nivel comarcal se unen para compartir información e avanzar xuntos- e a día de hoxe estamos por debaixo da media da Vendée”, destaca Stéphane, que tamén é presidente do GEDA local.

Stéphane Jamin: “Incluso co leite a 0,26 euros teríamos cada un un salario de 24.000 euros”

Así, a día de hoxe o custo de alimentación desta gandería está en 0,06 euros por litro de leite, fronte aos 0,12 da rexión. Analizado en concentrado, empregan 80 gramos por kilo de leite ou 700 kilos por vaca e ano, fronte aos 180 gramos de media da rexión. E o mesmo sucede en gastos veterinarios: grazas ao pastoreo están en 0,008 euros por litro fronte aos 0,015 da media da Vendée.

Isto permitiulles aumentar a súa rendibilidade e que mesmo gañen diñeiro cando os prezos do leite están baixos. “Agora estannos pagando o leite a 0,32 euros o litro e con isto quédannos libres uns 80.000 euros para pagar os nosos dous salarios. E se o prezo do leite baixara a 0,26 euros, como pasou no 2016, incluso así quedaríanos libres 48.000 euros para os nosos dous salarios”, explica Stéphane Jamin.

Coidados das pradeiras e manexo do pasto

A clave para lograr esta rendibilidade é, tal e como subliña, “traballar por obxectivos, con datos fiables da explotación e alimentar as vacas con moi pouco penso e moito pastoreo”. E iso malia que a lonxevidade das vacas -3 partos de media- non é alta, debido aos descartes das vacas que non quedan preñadas no período establecido.

Os animais saen ao pasto sobre o 15 de febreiro e a partir de marzo redúcenlles o concentrado para que se alimenten case en exclusiva con herba.

As pradeiras de GAEC La Petite Ronde son polifitas, cunha mestura de raigrás inglés, trevo violeta, trevo branco, raigrás híbrido e algo de festuca. Nas pradeiras temporais de inverno e que se destinan a ensilado sementan raigrás híbrido e trevo violeta.

GAEC La Petite Ronde en imaxes:

Casi todas las camas en esta región son con paja

¿Que cambios farán ao pasarse á produción ecolóxica?

Dentro da súa estratexia de sacarlle máis diñeiro a cada litro de leite, neste mes de maio comezaron a conversión á produción ecolóxica, un proceso que, como en Galicia, dura en Francia 2 anos, co que esperan poder vender leite certificado en maio do 2020.

“Tal e como traballamos xa estamos moi próximos ao ecolóxico, polo que non nos vai supor grandes cambios. A industria e os consumidores demandan cada vez máis leite e produtos lácteos ecolóxicos e o prezo que nos pagará a industria, 0,48 euros por litro, asegurado durante dous anos, permitiranos darlle máis valor engadido ao noso leite”, razoa Stéphane.

Os principais cambios que teñen previsto realizar son:

-Cultivos:

Van substituír o trigo por unha mestura de triticale máis chícharos. Prevén que teñan menos problema de competencia coas herbas adventicias e que este cereal lles permita elaborar un penso máis proteico, con menos dependencia do concentrado ecolóxico.

Para reducir a competencia coas herbas tamén van atrasar a sementeira: do 15 de outubro ao 15 de novembro. Prevén obter uns rendementos duns 3.500 kilos por hectárea con esta mestura en ecolóxico, fronte aos 7.000 kilos de trigo que viñan colleitando ata o de agora. A superficie para cereal van baixala de 15 a 10 hectáreas.

En canto ao millo, prevén tamén reducir a superficie que cultivan de 15 a 10 hectáreas. Para o manexo en ecolóxico, sen herbicidas, terán que sachalo mecánicamente entre 3 e 4 veces.

A superficie de herba ou a pastoreo prevén aumentala de 70 a 80 hectáreas.

-Raza de gando:

Van cambiar a Holstein por una raza de cruces máis rústica, e que requira menos concentrado. “No pico de lactación unha vaca Holstein precisa que lle deas penso se queres que manteña a condición corporal, que non enfraqueza e que non teña logo problemas de fertilidade. Nós buscamos unha vaca que precise menos concentrado e que sexa máis rústica”, explica Stéphane.

 “A Holstein require demasiado concentrado, e nós queremos unha vaca máis rústica”

Por iso optaron por facer un cruce da Holstein coa Roxa Sueca, que lles achega unha mellor fertilidade; coa Parda Alpina, pola resistencia de patas, e coa Jersey, pola elevada porcentaxe de sólidos do seu leite. Xa están criando as primeiras 25 xatas de cruce de Holstein con Roxa Sueca.

-Produción:

Prevén baixar a produción da granxa dos 570.000 litros ao ano a 420.000. Baixarán tamén algo o número de vacas, ata as 70 en muxido, e prevén pasar dunha media de 7.500 litros a 6.000 litros por lactación. O obxectivo de uso de concentrado que se marcan é de 50 gramos de penso consumido por litro de leite.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información