Aproveitar ao máximo os recursos cos que se conta e ser o máis autosuficientes posible. Esa é a filosofía de traballo de GAEC du Mont du ciel, unha gandería de leite francesa de raza montbeliard que decidiu diversificar os seus ingresos cunha planta de biogás propia.
A orixe da explotación é a unión de tres granxas do pobo de Rillans, unha comuna situada a medio camiño entre Besançon e Montbeliard, na rexión gala de Franco Condado. Na actualidade conta con 5 socios e un empregado para atender as 180 vacas en produción, os 190 animais de recría e traballar as 477 hectáreas de terreo das que dispoñen.
No ano 2010, tras fusionarse, construíron un establo novo, ao que engadiron no ano 2016 a primeira unidade de produción de metano, cun dixestor de 250 Kw/h que foi ampliado no ano 2019 cunha segunda unidade que dobrou a súa capacidade produtiva.
Os ingresos da granxa proceden da venda de leite, da venda de recría e da xeración de electricidade
“Todo o necesario para producir o leite ou o biogás prodúcese na explotación. Tratamos de depender o menos posible das compras fóra e para iso temos un sistema moi intensivo, tanto na produción agrícola como gandeira”, indica Henri Cuenot, un dos socios.
Raza montbeliard e cruces con frisón
A raza sobre a que traballan é a montbeliard, orixinaria desta zona do norleste de Francia pero estendida xa por todo o país. De feito, a montbeliard é a raza que máis medra en Francia neste momento, impulsada pola cooperativa Coopex, formada por 15.000 explotacións e encargada da mellora xenética a través da venda de seme e da prestación de servizos de acoplamento ou xenotipado aos gandeiros socios.
A montbeliard é a raza que máis medra en Francia e a segunda en importancia na cabana gandeira do país trala holstein
“É unha raza moi dinámica, que non se detén, cun programa de acoplamentos moi bo que permite eliminar rasgos recesivos que non nos interesan e maximizar os valores positivos”, destaca Lydie, incorporada á granxa no 2015.
Vacas de máis de 60 litros
Aínda que se trata dunha raza rústica, que se adapta moi ben ao pastoreo, en GAEC du Mont du ciel destacan a súa grande versatilidade, o que permite explotar tamén o seu potencial en sistemas intensivos que manteñen o gando estabulado todo o ano, como é o seu caso.
Para incrementar o seu potencial de produción fan cruzamentos con touros frisóns. “As vacas cruzadas acadan unha produción de litros de leite un pouco máis alta que as montbeliard puras pero manteñen o nivel de sólidos que nos interesa”, recoñece.
O prezo ao que cobran o leite é de 44,2 céntimos o litro, cun prezo base de 42 céntimos máis primas por proteína e calidade hixiénica
Nesta explotación producen 1,9 millóns de litros de leite ao ano, cunha media de 11.000 litros por vaca ao 3,9% de graxa e o 3,6% de proteína, un dos parámetros que busca a industria que lles recolle o leite, a empresa Ermitage, que fabrica o queixo Raclette.
Aos robots gústalles este tipo de vacas porque teñen unha boa colocación de pezóns
En setembro do ano pasado cambiaron a sala de muxido 2×12 que tiñan por tres robots, co que lograron un incremento de produción de litro e medio por vaca e día. “A mellor vaca da granxa produce hoxe 69 litros ao día e temos varias de máis de 60 litros porque os robots non están saturados e pasan moitas veces a muxirse”, explica Lydie, que afirma que “aos robots gústalles este tipo de vacas porque son animais que teñen unha boa colocación de pezóns”.
Eliminación voluntaria
Malia teren un sistema de produción intensivo, a lonxevidade dos animais é un dos factores destacados desta gandería. “Temos neste momento 5 vacas por enriba dos 100.000 litros de leite producidos e 7 lactacións”, conta Lydie.
O 41% das vacas chega á terceira lactación e a taxa de reemprazo da granxa é do 28,5%, aínda que boa parte é eliminación voluntaria e só un 17% é obrigada por enfermidades, accidentes ou infertilidade do gando.
Dan saída a vacas da granxa cando o prezo da carne é bo e logran un valor medio no matadoiro de 2.000€ por animal
“É moi distinto ter que mandar as vacas ao matadoiro porque teñen algún problema que facelo de forma voluntaria cando o prezo que se paga pola carne é grande, porque neses casos decídelo ti”, argumenta Lydie.
Venda de xovencas para a exportación
Outra fonte de ingresos importante da GAEC du Mont du ciel é a venda de xovencas. Recrían en total unhas 90 becerras ao ano, das que se quedan con 55 para cubrir as necesidades de reemprazo da explotación e venden as 35 restantes a través da cooperativa Coopex, que se encarga tamén de dar saída aos excedentes de recría dos socios.
Empregan as probas xenómicas para seleccionar con que xatas se quedan e cales venden
Unha parte delas marchan con destino á exportación, principalmente a países do norte de África, como Alxeria ou Marrocos. Para seleccionar con cales se quedan na granxa e cales venden utilizan as probas xenómicas. Tamén fan uso do seme sexado. “Empezamos por un agasallo de aniversario; gustounos e agora empregámolo de xeito masivo”, relata Lydie.
O intervalo entre partos sitúase nesta explotación en 459 días, con dous meses de período seco. A porcentaxe de vacas preñadas á primeira é do 42% e o número de doses empregadas sitúase de media en 2,4.
Tratan de concentrar os partos no outono e o 42% das vacas empreñan á primeira
“Só lles damos un intento con frisón, no segundo xa poñemos carne, tanto azul belga como charolés”, explican. O primeiro cruzamento da montbeliard fano con holstein e o segundo con parda alpina ou roja sueca ou danesa.
Nas vacas tratan de concentrar a tempada de partos no outono e nas primeirizas a idade ao primeiro parto sitúase nos 25 meses. Entre a venda das xovencas sobrantes e o valor que acadan as vacas que saen cara ao matadoiro, practicamente a recría da granxa lles sae a cero, sen custo algún. No tocante aos custos veterinarios, sitúanse en 2,2 céntimos por litro de leite producido.
14 kg de concentrado
A alimentación do gando é elaborada con carro mesturador. A ración unifeed das vacas en produción inclúe 13 quilos de silo de raygrass, 11 kg de silo de millo, 10 kg de pastone (a mazorca do millo ensilada), 2 kg de alfalfa deshidratada, 300 gr de palla e 1 kg de herba seca; máis o concentrado, que inclúe 4 kg de soia, 2 kg de fariña de lentellas, 800 gr de melaza de remolacha e 450 gr de minerais.
A iso engádese o punteo do robot, que inclúe cebada, liño e propilenglicol como aditivo. En total, a cantidade máxima de concentrado por vaca e día sitúase en 14 kg (2.600 kg ao ano), cun custo de 1.291€ por vaca e ano, é dicir, uns 13 céntimos por litro de leite producido.
477 hectáreas de superficie
“O noso sistema é moi intensivo, tanto na produción das vacas como na produción agrícola das terras”, recoñece Henri. Dispoñen dun total de 477 hectáreas de superficie, das que destinan 152 a millo, 125 a outros cereais, 90 a pradeira de raygrass e 110 a pradeira permanente.
Tan só o 1,2% das terras que traballan son da súa propiedade, debido ao alto custo de adquisición, uns 2.800€ por hectárea, e iso malia estar en Francia o prezo regulado por parte da Administración.
Relevo asegurado
A día de hoxe a granxa pertence á familia Cuenot, trala xubilación de Etienne, Dominique e Jean-Marie, tres dos socios orixinais. Ademais de Henri e o seu irmán Sebastien, están incorporados os seus fillos Francis, Lydie e Loic.
“Os novos van seguir, temos o relevo asegurado”, di orgulloso Henri, que ten 3 fillos e 7 netos. Nos momentos de maior traballo durante a campaña agrícola, á hora de conducir a maquinaria, contan co reforzo doutros parentes. “A unión fai a forza e nós somos unha empresa moi familiar”, remarca.
Unha planta de biogás para diversificar os ingresos
Desde o final das cotas lácteas Francia non está entre os países europeos cun mellor prezo do leite en orixe. De feito, os prezos que están a percibir neste momento os gandeiros franceses polo leite que producen son máis baixos que os que se están a pagar en España.
Por iso, GAEC du Mont du ciel decidiu hai uns anos diversificar as súas fontes de ingresos a través da venda de xovencas e de electricidade para non depender en exclusiva da venda de leite á industria.
Con ese obxectivo fai 8 anos fixeron un investimento de 3,5 millóns de euros para a construción dunha planta de biogás que produce 500 kw/h de electricidade. Ese investimento non está aínda amortizado, pero permítelles ter uns ingresos mensuais asegurados (80.000 €) mediante un acordo de comercialización da enerxía a 20 anos cunha compañía eléctrica.
Venden 80.000€ de electricidade ao mes mediante un contrato a 20 anos cun prezo estable
“Ás compañías eléctricas gústalles moito este tipo de produción porque é máis estable que a eólica, que tamén hai nesta zona. Pero cando hai neve os aeroxeradores non funcionan e se non fai vento tamén cae a produción”, argumenta Henri.
Unha gran vaca máis
En GAEC du Mont du ciel consideran os tres biodixestores cos que contan como se foran tres cabezas de gando máis. “A planta de biogás é como unha gran vaca de leite; canto máis calidade de forraxe se lle mete maior produción de electricidade”, compara.
Por iso, nas rotacións e programacións anuais de cultivos das terras teñen en conta tanto as necesidades da cabana gandeira, como as dos biodixestores, con cultivos específicos destinados á planta de biogás.
Empregan o centeo como cultivo intermedio de valorización enerxética polas súas características agronómicas beneficiosas para o solo
Nunha parte da superficie fan dobre cultivo de herba e millo e na outra parte fan unha rotación máis ampla, a 2 anos, con trigo, sorgo, centeo e millo. Tanto o sorgo como o centeo son empregados en exclusiva para a planta de biogás pero Henri destaca ao mesmo tempo as súas vantaxes agronómicas.
“O centeo plantámolo a mediados de setembro apañámolo no mes de abril. Esta planta ten unha raíz que perfora moito o chan e é moi boa para o solo porque permite manter a humidade. O centeo cortámolo inmaduro con segadora e estendémolo para facer o presecado, porque o importante neste caso é ter materia seca”, explica.
Agricultura “ecoloxicamente intensiva”
Detrás do centeo plantan millo cun sistema de sementeira directa e abonado con nitróxeno líquido tres días despois de plantalo. “A min gústame todo o intensivo, eu chámolle agricultura ecoloxicamente intensiva, porque o chan canto máis se cultiva menos se contamina porque máis consumo de nitróxeno hai”, razoa.
Antes de comezar coa planta de biogás xa faciamos agricultura de conservación e rotacións de cultivos
Pero a utilización deses ciclos tan curtos de cultivo está a provocar unha acidificación do solo, malia que o material dixestado que devolven ás terras ten un pH 8. Para correxir a acidez do chan inxectan cal líquido para subir deste modo o pH.
Consome 70 toneladas diarias
A produción eléctrica da planta de biogás permite cubrir as necesidades de 1.200 fogares pero para lograr iso necesitan incorporar diariamente aos biodixestores 70 toneladas de “alimento”, entre sólido e líquido. “Temos que darlle de comer igual que a unha vaca. É como se puxeramos 70 toneladas cada día e sacaramos outras 70 toneladas dixestadas despois de pasar 60 días dentro do dixestor a 45 graos centígrados de temperatura”, di.
Ese proceso de dixestión anaeróbica permite transformar a calidade do nitróxeno para que sexa máis aproveitable polas plantas, destaca Henri. “O obxectivo da metanización é que se coma os olores e mellorar o abono”, indica.
Botamos moita palla nas camas; así o noso gando está mellor e temos tamén maior produción de esterco para o dixestor
Ademais dos distintos cultivos que producen en exclusiva para a planta de biogás, a base do seu funcionamento está no esterco xerado na propia granxa polo gando, cun sistema de cama quente sen cubículos. “Nós botamos moita palla nas camas. Así o noso gando está mellor e temos tamén maior produción de esterco para o dixestor”, razoa.
Cada 8 días baleiran unha parte do establo e levan ese esterco para os almacéns que despois subministran á planta de biogás. Xeran unhas 20 toneladas de esterco á semana, que equivalería a uns 25 metros cúbicos de purín.
O máis importante para nós é que a planta de biogás sexa autónoma, que non haxa que mercar nada fóra para ela
“O máis importante para nós é que a planta de biogás sexa autónoma, que non haxa que mercar nada fóra para ela”, di. Nalgúns cultivos os biodixestores permítelles aproveitar mellor a calidade da forraxe. “Temos unhas 90 hectáreas de pradeira artificial onde facemos produción intensiva de raigrás. Os primeiros cortes son para as vacas e os últimos van para o dixestor”, explica. Tamén no millo reservan unhas hectáreas para ensilar por separado a mazorca para as vacas e o talo da planta para o dixestor.
Secadeiro para alfalfa
GAEC du Mont du ciel atópase nunha zona de val moi produtiva na que chegan a facer ata 4 cortes de alfalfa que logo secan coa calor xerada polo dixestor. É un proceso no que buscan obter a máxima calidade proteica, que chega ao 18%.
Poñen entre 2 e 3 quilos diarios de alfalfa deshidratada co 18% de proteína na ración das vacas en produción
“O que facemos é segar a alfalfa, estendela con coidado e deixala 72 horas como máximo no chan. É un proceso que con sol non se pode facer. Logo recollémola con cinta para que non perda a folla e cortámola a 4 centímetros de lonxitude. Iso vai ao secadeiro durante 5 días a 50ºC de temperatura”, detalla Henri.
Ademais de alfalfa, nos tres secadeiros que aproveitan a calor xerada polos dixestores tamén secan millo, trigo ou leña. “Farían falla 400.000 litros de gasóleo para xerar ese calor dispoñible”, indica. En GAEC du Mont du ciel tratan de aproveitar ao máximo todos os seus recursos e por iso mediante ese calor manteñen quente, por exemplo, o chan onde teñen as becerras de recría. “É algo fabuloso”, destaca Henri.
- Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Global Genetics