
Un dos obxectivos da nova PAC 2028-2034 será fomentar o relevo xeracional no sector
A Comisión Europea asegura que a próxima PAC 2028-2034 deixará máis diñeiro en España. Segundo os cálculos do Executivo comunitario, serán 800 millóns de euros máis que no período actual 2021-2027, a razón de case 100 millóns de euros máis por ano.
Diego Canga Fano, director xeral adxunto da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, asegurou durante un encontro con xornalistas celebrado recentemente en Madrid que “a nova Política Agrícola Común seguirá sendo unha das pedras angulares do financiamento da UE”.
“A política será máis específica e eficaz, ao tempo que preservará a estabilidade esencial da que dependen os agricultores españois, desde os olivares de Xaén ata os viñedos da Rioxa. As nosas propostas recoñecen plenamente o papel fundamental dos agricultores: non só como produtores de alimentos, senón tamén como gardiáns das nosas paisaxes, custodios das nosas tradicións e unha forza vital nas nosas comunidades rurais. Os agricultores necesitan previsibilidade e con esta PAC terana”, asegurou.
Os agricultores necesitan previsibilidade e con esta PAC terana (Diego Canga, Comisión Europea)
Diego Canga referiuse tamén especificamente aos Plans de Asociación Nacional e Rexional (NRP) propostos pola Comisión Europea: “Os Plans marcan un cambio de rumbo: en lugar dun financiamento fragmentado, estamos derrubando barreiras entre os instrumentos da UE para xerar sinerxías reais sobre o terreo. Isto implica abordar os desafíos de forma holística. Xa se trate de emprego, modernización de infraestruturas ou mellora da calidade de vida na España rural, os Plans NRP reúnen políticas e fondos para responder ás necesidades reais dos territorios. Isto axuda a garantir que os investimentos se reforcen mutuamente, ofrecendo un maior impacto para máis persoas, incluíndo tanto os agricultores como os cidadáns”, expresou.
Obxectivo: aprobación do Regulamento e do Orzamento antes de final de ano
A Comisión Europea, xunto cos 27 Estados membros, traballa nestes momentos, durante a presidencia de quenda irlandesa, co obxectivo de aprobar tanto o Regulamento como o Orzamento da nova PAC en decembro deste ano para facilitar a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2028.
O obxectivo sería aprobar tanto o Regulamento como o Orzamento da PAC en decembro deste ano, pero estamos en marzo e non se sabe cando se vai producir o acordo entre os xefes de Estado e de Goberno dos 27. A idea, en principio, é acabar en decembro deste ano para deixar un ano de transición e que a nova PAC poida entrar en vigor en xaneiro de 2028.
100 millóns de euros máis cada ano para o campo español

A primeira mensaxe da Comisión é que vai haber máis diñeiro. Fronte ás opinións que circulan no sector nos últimos meses, no Executivo comunitario mantense que non vai haber recortes, senón que España vai recibir case 800 millóns de euros máis no próximo período. España recibiu 45.200 millóns de euros no actual período 2021-2027 e pasaría a recibir 45.980 millóns en total no período 2028-2034, uns 100 millóns máis por ano.
Ampliacións de orzamento sobre as previsións iniciais
Os cálculos actuais de Bruxelas inclúen distintas ampliacións do orzamento para a próxima PAC realizadas nos últimos meses, xa que tras a proposta inicial da Comisión de 37.240 millóns de euros (que levantou críticas unánimes en España por supoñer un recorte considerable nas axudas ao sector), a presidenta da Comisión Europea ampliou nun 20% o orzamento inicial, con dúas partidas de 4.220 millóns de euros destinadas á ampliación do obxectivo rural e á consignación anticipada do importe de flexibilidade establecido.
Son dúas cartas da presidenta que hai que incorporar no texto xurídico final, que aínda non se fixo, para dar garantías de claridade e certeza aos agricultores e gandeiros que van percibir eses fondos.
Inflación e máis fondos para investigación agrícola aplicada

Para garantir que os produtores europeos non perdan poder adquisitivo nas axudas que reciben, estableceuse tamén un mecanismo corrector no caso de que a inflación supere o 3%, algo probable se continúa o actual escenario de incerteza e inestabilidade bélica. Nese caso, revisarase o orzamento da PAC incorporando as contías derivadas do incremento de prezos, algo que non ocorre coa PAC actual, o que supón outro dos aspectos importantes que non figuraban na proposta inicial da Comisión presentada no 2025.
Se os prezos aumentan máis dun 3% actualizarase o orzamento da PAC
A maiores dos fondos destinados directamente á futura PAC no orzamento comunitario, desde o departamento de Agricultura que dirixe o comisario Christophe Hansen agardan un incremento de fondos destinados á investigación agraria.
No conxunto do orzamento da UE resérvanse 40.000 millóns de euros para os distintos ámbitos de innovación dentro do chamado fondo de competitividade. Falta o reparto deses fondos entre as distintas áreas, pero agárdase que a produción agrogandeira poida acadar unha parte importante.
Hoxe o orzamento de investigación agrícola é de 3.000 millóns e quérese superar no próximo período os 10.000 millóns. É dicir, vai haber moito máis diñeiro que na actualidade para investigación agrícola que se fai actualmente da man cos produtores, tras as recomendacións do Tribunal de Contas da UE, que pediu unha maior transferencia da investigación agrícola desde os centros de investigación ao campo.
Fondo único para axudas directas e desenvolvemento rural
Un dos principais cambios da próxima PAC respecto da actual é a fusión dos dous piares vixentes actualmente nun único fondo con maior protagonismo dos Estados membros na súa xestión.
O Executivo comunitario quere que a PAC sexa máis flexible, pois a Comisión considera que o orzamento actual é ríxido e compartimentado, o que impide mover partidas para facer fronte a cambios imprevistos. Por iso, cando hai problemas ou urxencias, como aconteceu coa covid e coa guerra de Ucraína, á lenta e burocrática maquinaria europea cústalle responder e adaptarse con rapidez.
Bruxelas quere dar a partir de 2028 maior flexibilidade para que os Estados membros atendan ás súas necesidades específicas e rexionais

Unha Política Agrícola que seguirá sendo Común
A pesar da nacionalización da PAC, cun maior protagonismo dos Estados membros e un maior peso dos obxectivos nacionais nos criterios de reparto do diñeiro, non desaparece a Política Agrícola Común como tal, defende a Comisión Europea, que asegura que hai moitísima continuidade respecto á PAC actual e que o único que cambia é a arquitectura financeira.
Estase a discutir o Regulamento actualmente en Bruxelas baixo a premisa de que a PAC seguirá sendo unha política comunitaria, pero outorgando máis responsabilidade aos Estados no seu deseño e execución, aínda que desde a Comisión se darán recomendacións a cada país para garantir a igualdade de trato e asegurar a homoxeneidade das políticas agrarias nos 27, insisten desde o Executivo de Von der Leyen.
A Comisión Europea fará recomendacións a cada Estado membro sobre como ten que gastar o diñeiro asignado a cada país
Todos os Plans da PAC nacionais teñen que respectar o Regulamento común. No caso de España, Moncloa proporá un Plan Nacional e Rexional a Bruxelas, un documento que deberá aprobar a Comisión Europea e, para iso, ten que ver reflectidas nel as súas recomendacións, reiteran.

Unha PAC centrada nos agricultores profesionais
A nova PAC busca centrar os seus esforzos nos agricultores profesionais e nas explotacións de tamaño máis viable e rendible, que Bruxelas considera tamén as máis eficientes e as que garanten unha maior produción de alimentos á poboación e, polo tanto, unha maior seguridade alimentaria e autoabastecemento á poboación europea.
Dentro deste obxectivo, proponse unha simplificación das axudas ás explotacións, mediante a fusión dos dous piares actuais nun único fondo. Búscase tamén evitar os solapamentos e reducir a carga administrativa, con procedementos simplificados e menor número de controis.
Haberá menos programas, máis sinxelos e un menor número de controis co obxectivo de simplificar as axudas ás explotacións
Búscase facer máis sinxela a PAC. Por iso se introducen, por exemplo, os pagos a tanto alzado para os pequenos agricultores, que recibirán 3.000 euros e poderán esquecerse de trámites e xustificacións. Actualmente non se dan este tipo de axudas a man alzada na PAC.


Axuda decrecente á renda por superficie e prácticas sostibles voluntarias
Para garantir a homoxeneidade das políticas agrícolas en todos os Estados membros, a Comisión Europea establecerá numerosas intervencións obrigatorias e realizará recomendacións individualizadas a cada país que deberán ser tidas en conta á hora da aprobación do Plan Nacional e Rexional correspondente:
- O 43% do orzamento deberá destinarse obrigatoriamente a medidas agroambientais e climáticas. Haberá máis incentivos para prácticas sostibles pero os agricultores poderán optar voluntariamente entre as ferramentas que máis lles conveñan.
- Axuda decrecente á renda por superficie, cunha axuda media mínima e máxima por hectárea.
- Axudas asociadas cun orzamento máximo e unha carga gandeira máxima fixada
- Axudas para servizos de substitución nas explotacións, buscando mellorar a calidade de vida dos agricultores e o relevo xeracional.


Fomento dos seguros agrarios
Así mesmo, preténdese fomentar o uso de ferramentas de xestión de riscos por parte das explotacións, como por exemplo a contratación de seguros agrarios, para fomentar a súa resiliencia nun contexto de cambio climático crecente.
A seca, o exceso de precipitacións, as xeadas e o sarabia provocan que cada ano se perda arredor do 6% da produción agrícola da UE (cultivos + gando).
Será obrigatorio para todos os Estados membros o establecemento de axudas para servizos de substitución nas explotacións
Isto supón unhas perdas económicas medias de 28.300 millóns de euros ao ano. Só están aseguradas entre o 20 e o 30% destas perdas.
Prevese que no futuro (ata 2050) as perdas económicas medias aumenten ata os 40.000 millóns de euros ao ano, debido principalmente á intensificación da seca.
A maiores, en anos considerados catastróficos as perdas económicas potenciais serían superiores a 90.000 millóns de euros.



Galego









Control OJD