A futura PAC para o sector galego do viño

Publicidade
A futura PAC para o sector galego do viño

O Sindicato Labrego Galego (SLG) organizou o pasado 10 de decembro, na localidade pontevedresa de Ribadumia unha xornada formativa sobre “O futuro da viticultura”. Neste encontro, a técnica especialista en Política Agraria Común (PAC), Ana Rodríguez, explicou os cambios da futura PAC no sector do viño.

Velaquí un resumo da súa ponencia:

“Analizamos primeiro como lle afecta ao sector vitivinícola galego a PAC actual (a que se está executando nestes momentos e que se prorroga para os anos 21 e 22) e os cambios que se aveciñan coa nova PAC (2023-2027) en dous aspectos: No reparto de fondos e con respecto a normativa que nos afecta.

Polo que se refire aos fondos, vemos os motivos históricos polos que a superficie de viñedo non entra dentro dos “pagos por hectárea” anuais como outros sectores e analizamos o que hai neste momento:

1.- Analizamos o Programa de Apoio ao sector vitivinícola 19-23 do Ministerio e tentamos ver o que permite a Unión Europea, como fai o Ministerio e como se concreta iso en axudas para o sector en Galiza.

Aquí concluímos que as axudas están pouco adaptadas a Galiza (algunhas nunca se aplican) e as que se aplican tampouco están adaptadas ás características das persoas con moi pouca superficie ou das adegas moi pequenas, que existen e son tan importantes na maioría das Denominacións de Orixe.

Un exemplo son as axudas de reestruturación e reconversión de viñedo: Na Galiza acolléronse a esta medida o 0,65% das hectáreas totais do Estado e concentradas en empresas grandes e moitas veces doutras zonas vitivinícolas do Estado que se están implantando nas DO´s galegas.

2.- Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia: vemos que axudas existen no PDR que son para o sector vitivinícola: plans de mellora, incorporacións, axudas consellos reguladores, empresas transformadoras….

Que cambios se esperan para o vindeiros anos co que coñecemos neste momento?

1.- O programa de apoio ao sector vitivinícola pensamos que vai seguir máis ou menos coa mesma incidencia na Galiza. Preséntase tamén co Plan Estratéxico Estatal que está preparando o Ministerio e non temos moita información sobre o mesmo. Pensamos que Galiza, como Comunidade Autónoma, pinta pouco nas negociacións que se poidan estar facendo para o reparto.

Outra cuestión é que o Ministerio propoña que todos os sectores teñan acceso ás axudas por hectárea sen a necesidade de ter dereitos. Neste caso, o viñedo galego tamén entraría nese novo pago. Pero ao mesmo tempo, estanse negociando no Ministerio as rexións de axuda básica á renda e suponse que serán poucas rexións neste período, o que pode significar que o pago por hectárea de viñedo en Galiza sexa igual ao pago por hectárea en Castela A Mancha, co que , de feito, sería como non ter axudas para a maioría dos e das viticultoras galegas, aínda as que teñan a viticultura como o seu medio de vida.

Neste punto entramos nas consideracións do mal feita que está a PAC e de que a proposta do Sindicato Labrego Galego (SLG) e doutras organizacións dun único pago como unha auténtica axuda básica á renda sería
unha boa solución. http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=146&i=1719

2.- Polo que se refire ao próximo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza, tamén ten que ir incorporado no Plan Estratéxico Estatal e o Ministerio deulle indicacións ás Consellerías. Nestes momentos non sabemos como vai ser o PDR galego aínda que supoñemos que non haberá grandes cambios.

Outros cambios legais: 

Polo que se refire a outra normativa que se está negociando e que lle afecta moito ao sector vitivinícola:

-Comentamos o Regulamento 1308/2013, que non se esperan grandes cambios no mesmo, pero que regula moitas cousas que afectan ao sector e das que nunca se fala, porque a PAC parece que só son subvencións.

Neste regulamento regúlanse cuestións como as autorizacións de plantación de viñedo, as variedades de uva que se poden autorizar , as prácticas enolóxicas, disposicións para a importación do viño, etiquetado e presentación no sector vitivinícola, DO´s E IXP´s no sector, normas de comercialización para mellorar e estabilizar o funcionamento do mercado común dos viños……

Neste punto comentamos as cuestión deste Regulamento que si están pendentes das negociacións para cambiarse, entre outras, pero que cremos que son importantes:

-As autorizacións para as novas plantacións: ampliación deica o ano 2040 do sistema actual de plantacións de viñedo que estaba previsto deica o ano 2030

– Introdución de variedades de uva de vinificación pertencentes á especie Vitis labrusca e non só da Vitis vinífera, única especie autorizada na UE.

– A introdución dos termos viños desalcoholizados ou parcialmente desalcoholizados

Finalmente falamos de que todo isto se está negociando neste momento, nos primeiros meses do ano 2021, despois vai ser tarde porque xa estará aprobado, E as negociacións non están pechadas nin na UE, nin no Estado nin en Galiza. Nos tres casos temos políticos e políticas galegas que deberían estar defendendo os intereses dos distintos sectores que entran nas negociacións da PAC.

En canto aos fondos, case todo se decide no Ministerio e nas xuntanzas entre Ministerio e Comunidades Autónomas: A impresión que temos como SLG é que esta negociación non está dentro das prioridades de ningún partido político e que non se lle está dando a importancia que ten dentro dos propios sectores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información