A Fusquenlla, o Centro de Transformación Agroalimentaria dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño

Os concellos promotores traballan na definición do plan de usos das instalacións e aproveitarán un ciclo de demostracións do cociñeiro Antonio Díaz para dar a coñecer o centro e o potencial das conservas locais

O centro A Fusquenlla atópase no recinto da Feira de Moeche. Foto: César Galdo

O centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla atópase no recinto da Feira de Moeche. Foto: César Galdo

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla preséntase en sociedade. Tras meses de obras e despois de facer investimentos en equipalo, o Centro Colaborativo de Apoio ao Medio Rural que comparten os concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño xa está listo.

As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche contan con salas para a recepción de produtos, un amplo espazo para a elaboración de conservas e zumes e dous andares dedicados á extracción, decantado e envasado de mel, ademais de almacéns, unha grande cámara frigorífica e outras dependencias auxiliares.

As instalacións situadas no recinto feiral de Moeche están integradas na rede provincial de espazos de traballo colaborativo e pretenden converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria

O centro, integrado na rede provincial de espazos de traballo colaborativo, quere converterse no referente comarcal para todo o relacionado coa transformación alimentaria, facilitándolles tanto ás pequenas explotacións como a particulares un lugar axeitado e con todas as garantías sanitarias onde procesaren os seus excedentes para a venda ou autoconsumo.

Transformación de froitas, vexetais e mel

A Fusquenlla (Moeche) produtosO centro dispón no seu andar baixo de dúas zonas de recepción de materia prima con accesos independentes, unha para froita e vexetais e outra para mel. A primeira delas conta con báscula de pesaxe, cámara de almacenamento e un espazo onde mesmo se pode facer unha primeira clasificación e limpeza antes de iniciar o proceso de transformación ou envasado. Ao conxunto de estancias engádense vestiarios, aseos, recunchos de almacenaxe de material de limpeza e outros equipamentos, así como unha pequena oficina para a levanza dos rexistros obrigatorios.

Un dos principais lugares de A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes. Nela instaláronse unha cociña industrial, un forno combi de alta capacidade para cocción, asado e pasteurización, a mesa de traballo con refrixerador e outros materiais necesarios, como son mesas e carros auxiliares, a batedora, a tamizadora, as básculas de precisión, a máquina lavalouzas e unha completa batería de potas, cazos, coitelos, garfos e outros utensilios.

Un dos principais lugares d’A Fusquenlla é a zona de conservas e zumes, así como a sala de extracción de mel

Noutra banda desta mesma sala sitúanse a trituradora de froita e a prensa hidráulica para o apretado e filtrado de zumes, aos que logo se lles poderá dar un tratamento térmico para alongar o tempo de conservación mantendo todas as súas propiedades.

O recinto complétase con dous almacéns para o produto xa elaborado. Un está ao carón da cociña, mentres que o outro se encontra na zona de extracción e envasado de mel. Esta área de A Fusquenlla, que tamén ten entrada propia de materia prima, distribúese en dous andares unidos por unha escaleira interior. No superior van colocadas a desoperculadora automática e máis o extractor por centrifugado, con capacidade para 18 cadros de cada vez. Dúas tubaxes comunican esta sala coa do baixo, onde o mel cae por gravedade directamente aos tanques de decantación e desde alí pasa a unha moderna máquina de envasado que axiliza o traballo sen que se haxa perdas dun produto tan saboroso e prezado.

Plan de difusión e dinamización do centro

Instalacións de elaboración de zumes e conservas. Foto: César Galdo

Instalacións de elaboración de zumes e conservas vexetais. Foto: César Galdo

O percorrido polas instalacións pode facerse desde hai uns días visitando a web www.afusquenlla.gal, posta en marcha dentro dun programa de difusión financiado pola Consellaría do Medio Rural que tamén prevé a publicación doutro material informativo e un ciclo de charlas demostrativas durante os venres das próximas semanas. Delas encargarase o cociñeiro Antonio Díaz, promotor de varias iniciativas hostaleiras relacionadas coa posta en valor do produto de proximidade da zona.

Para participar no ciclo de visitas e presentacións fai falla inscrición previa

O chef, que rexentou durante 15 anos o restaurante Andarubel, no acceso ás Fragas do Eume, falará sobre o potencial culinario do produto local conservado preparando ao vivo distintos pratos, ademais de incidir no alto valor engadido que teñen este tipo de elaboracións sempre e cando se use materia prima da máxima calidade e se lle dea un toque innovador tanto aos procesos como á presentación do produto final.

As datas fixadas para as charlas, logo da celebrada xa en San Sadurniño o pasado 22 de outubro, son as seguintes:
– Valdoviño: venres 29 de outubro na Casa da Cultura ás 18:00 horas.
– Moeche: venres 12 de novembro na Nave do Mercado ás 18:00 horas (con visita guiada ás instalacións).
– Cerdido: venres 19 de novembro na Casa da Cultura ás 18:00 horas.

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla poderá visitarse os días 11 e 23 en que hai de feira en Moeche anotándose no posto informativo que estará instalado na Nave do Mercado. Haberá dous percorridos, un ás 11:00 e outro ás 12:00 horas, guiados por Xosé María García, quen se está ocupando de coordinar o plan de difusión.

Espazo formativo e para a colaboración

Zona de envasado de mel, unha das producións más destacadas na zona

Zona de envasado de mel, unha das producións más destacadas na zona. Foto: César Galdo

Para participar neste ciclo fai falla inscrición previa, a través deste formulario en liña, xa que só se ofrecen 25 prazas para cada unha das charlas (inscricións ata dous días antes). Ademais, dentro da campaña de difusión do proxecto programouse unha visita ao Centro de Transformación e traballo colaborativo de Brión o 5 de novembro e tamén haberá un posto informativo nas feiras do 11 e o 23 de Moeche.

Alén de dar a coñecer os obxectivos de A Fusquenlla, o plan de difusión tamén pretende propiciar o encontro entre persoas da zona interesadas en utilizar as instalacións cando entren en funcionamento, despois de recibiren a formación oportuna para o manexo do equipamento.

Preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro e facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores

A Fusquenlla quere ser tamén un espazo para a formación. Con apoio técnico da Consellaría do Medio Rural e doutras entidades especializadas preténdese ofrecer unha programación estable de cursos arredor da transformación de produtos do agro e facilitar a colaboración entre as pequenas produtoras e produtores, compartindo ideas, técnicas e proxectos que melloren o posicionamento no mercado das súas elaboracións.

Neste sentido, o centro forma parte da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo promovida pola Deputación da Coruña co ánimo de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas que potencien o aproveitamento dos recursos e a creación de emprego sostible.

Un proxecto en territorio xeoparque

A Fusquenlla é un proxecto dos concellos de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño con axuda do Programa Leader Seitura 22, da Deputación da Coruña e da Consellaría do Medio Rural. En paralelo á campaña de difusión, os catro concellos promotores traballan xa na definición do plan de usos das instalacións, para o que agardan recoller distintas propostas aproveitando o ciclo de charlas.

A produción de A Fusquenlla tamén levaría a marca do Xeoparque do Cabo Ortegal (de momento aínda proxecto), que lle conferiría aos elaborados unha identidade de seu vencellada ao territorio. O distintivo axudaría a abrir novos mercados ou posicionar mellor os produtos, ademais de estar contribuíndo á estratexia de desenvolvemento que promoven estas figuras da UNESCO.

“O valor engadido dos produtos da terra está na súa elaboración e transformación”

Charla de Antonio Díaz durante o acto de presentación do proxecto de A Fusquenlla a pasada semana en San Sadurniño. Foto: César Galdo

O cociñeiro Antonio Díaz durante a presentación de A Fusquenlla en San Sadurniño. Foto: César Galdo

O proxecto de A Fusquenlla, que conta desde hai uns días con web propia, inicia agora o momento de darse a coñecer entre as súas futuras e futuros usuarios. Por iso, os catro concellos promotores (Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño) acollerán cadanseu ciclo de charlas ofrecidas polo cociñeiro Antonio Díaz que inclúen demostracións sobre distintos elaborados que se poderían facer nas instalacións. A finalidade das sesións, que requiren inscrición previa, é falar de A Fusquenlla, pero tamén chamar a atención sobre o alto valor engadido que teñen os produtos da terra transformados e, sobre todo, facilitar que as persoas interesadas se sumen ao proxecto.

A primeira xornada de presentación do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla desenvolveuse a pasada semana en San Sadurniño. O cociñeiro Antonio Díaz explicou que o principal valor engadido dos produtos da terra está, precisamente, na súa elaboración. Sirva como exemplo que unha castaña desecada ou en almibre pode multiplicar varias veces o prezo dunha castaña recén apañada, sen que o seu proceso de transformación sexa necesariamente custoso.

Unha castaña desecada ou en almibre pode multiplicar varias veces o prezo dunha castaña recén apañada, sen que o seu proceso de transformación sexa necesariamente custoso

Díaz tamén mostrou algúns exemplos de hortalizas, froitos e cogomelos conservados ou transformados para alongar no tempo as súas propiedades. A preservación amplía a todo o ano as posibilidades de comercialización de produtos que, doutro modo, só terían saída en fresco e con prezos moi inferiores, debido á saturación do mercado que se dá coincidindo coas épocas de maduración ou maior produción.

Durante a charla de Antonio Díaz, quen leva anos apostando polos alimentos de proximidade, déronse a probar petiscos saborosos feitos con materia prima da zona e da máxima calidade. O cociñeiro sinalou que A Fusquenlla ofrece unha grande oportunidade que se debe aproveitar enchendo as súas instalacións de actividade e de propostas innovadoras.

Colaboración intermunicipal

Intervención de Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño

Manolo Varela, concelleiro de Desenvolvemento Local de San Sadurniño, onde se xestou o proxecto

Neste primeiro encontro, ao que asistiron 25 persoas,  tamén interviu o concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela, para contar a historia dun proxecto que comezou a xestarse hai uns seis anos en San Sadurniño e que puido concretarse en instalacións do Concello de Moeche, coa implicación tanto do municipio veciño como dos de Cerdido e Valdoviño.

No equipamento do centro investíronse 250.000 euros

Entre obras e equipamento, que aínda se agarda ampliar no futuro, investíronse arredor de 250.000 euros, achegados polo programa europeo Leader a través do GDR Seitura 22, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural.

Un momento do acto de presentación en San Sadurniño, onde de deron a probar distintas elaboracións

Un momento do acto en San Sadurniño, onde de deron a probar distintas elaboracións. Foto: César Galdo

 

Varela incidiu no mesmo que dixo Antonio Díaz, na liña de que cómpre poñer a funcionar un centro que puido levarse a cabo gracias á iniciativa pública porque, segundo asegurou o concelleiro, “sería moi difícil” que algunha explotación da zona puidese asumir o investimento necesario para poñer en marcha unhas instalacións deste tipo.

Este centro de ámbito comarcal contará con rexistro sanitario, de modo que os produtos sairán das instalacións con todas as garantías hixiénicas e de trazabilidade esixidas pola normativa de Seguridade Alimentaria

Manolo Varela aclarou que, unha vez definido o plan de usos e o modelo de xestión, A Fusquenlla estará aberta á transformación das producións ou excedentes das pequenas explotacións da zona e incluso ás que queiran traballar alí, e ás persoas particulares, xa sexa para venda ou para autoconsumo.

A este respecto, tal e como comentou o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, o futuro servizo de ámbito comarcal contará con rexistro sanitario, de modo que os produtos sairán das instalacións con todas as garantías hixiénicas e de trazabilidade esixidas pola normativa de Seguridade Alimentaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información