Que é FUNDESAR?
É a fundación titular dos inmobles das EFA -siglas na súa orixe de Escola Familiar Agraria- de Galicia, ás cales cede a Federación de EFA de Galicia para o desenvolvemento das diversas accións formativas que leva a cabo os Centros de Promoción Rural – EFA de Galicia (ensinanzas regradas e programas de formación continua). E ao mesmo tempo, e de acordo coas respectivas EFA de Galicia, impulsa determinados programas específicos.
Que vinculación ten coas EFAs Galicia?
Dada a coincidencia de principios e fins de ambas institucións, existe un acordo de cesión das instalacións e de colaboración nas variadas actividades que desenvolve un Centro de Promoción Rural – EFA no seu ámbito territorial.
Quen son os patronos e colaboradores de FUNDESAR?
Fundesar constitúese en 1997 para dar resposta ás necesidades de mellora das instalacións das EFA e dar normalidade xurídica á titularidade dos edificios, pois a orixe das EFA de Galicia está vencellada a acordos de Cifasa (Centro de Iniciativas para a formación agraria) con entidades como Obra Social de Caixa Galicia, Deputación Provincial da Coruña, e préstamos bancarios xestionados por Cifasa, entidade promotora das EFA. Disolta Cifasa, a titularidade é transferida a Fundesar e ao mesmo tempo ábrese unha posibilidade á colaboración tanto de particulares como de empresas a unha fundación que promove o desenvolvemento rural a través da formación.
Os patronos de Fundesar son persoas con sensibilidade pola mellora do rural e con disposición de tempo e capacidade para impulsar as accións que nos propoñemos. Tamén estamos abertos á incorporación de novos patronos e colaboradores que compartan os principios e fins institucionais.
Que tipoloxía de empresas/colaboradores ten Fundesar?
En primeiro lugar hai que destacar que contamos con un bo número de colaboradores individuais, antigos alumnos e outros profesionais da zona que, en mostra do seu agradecemento ás EFA, realizan doazóns a Fundesar. Tamén hai empresas que traballan no rural e consideran crucial a labor das EFA para a sustentabilidade do rural.
Algunhas empresas establecen acordos de colaboración coas EFA en determinados proxectos e que en compensación aportan donativos á fundación (win to win)