Ribeira de Piquín conta con 500 habitantes dispersos en máis de 70 km cadrados. A emigración da xente moza e o avellentamento da poboación acabaron por facer pechar as poucas actividades que mantiñan a economía, os postos de traballo e os servizos no municipio.
Diante desta realidade, no canto de mirar para outro lado alegando non entrar dentro das súas competencias, o Concello deu un paso á fronte para poñer en marcha e xestionar directamente unha serie de iniciativas de carácter produtivo que buscan aproveitar os recursos do territorio para crear emprego, revitalizar o rural e manter os servizos á veciñanza.
“Ao igual que acontece noutros municipios rurais do interior de Galicia, temos dificultades para que as iniciativas privadas se asenten no noso territorio”, recoñece Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín desde fai 10 anos e presidente a Fundación TerrEO, unha entidade de carácter 100% municipal que actúa de vehículo legal para a posta en marcha dos distintos proxectos.
Os concellos rurais do interior de Galicia temos dificultades para que as iniciativas privadas se asenten no noso territorio e debemos facer algo
“Desde o meu punto de vista, é imprescindible que a Administración, neste caso a local, interceda en proxectos de actividade económica, sobre todo naqueles concellos máis pequenos e despoboados”, defende.
Unha piscifactoría, o xerme da Fundación TerrEO

As instalacións da piscifactoría de Santalla, que levaba 10 anos pechada, foron reabertas pola Fundación TerrEO
Xunto coa agricultura e a gandería, a acuicultura foi historicamente un dos motores económicos de Ribeira de Piquín. O río Eo atravesa o termo municipal, deixando ao seu paso veigas con terras produtivas, pero tamén unha auga pura e cristalina idónea para a cría de troitas.
A piscifactoría de Santalla nacera por iniciativa de varios socios pero levaba 10 anos parada cando foi rescatada polo Concello. Nese tempo xa lle caducaran todos os permisos administrativos, tanto a concesión de captación de auga do río Eo como o resto, polo que houbo que volver tramitalos, ao tempo que se facía unha rehabilitación integral das instalacións, que foron mercadas polo Concello de Ribeira de Piquín e traspasadas, mediante unha cesión de uso, á Fundación TerrEO para a súa xestión.
A acuicultura sempre foi, xunto coa agricultura e a gandería, unha das principais actividades económicas en Ribeira de Piquín
Arrincou coa produción de troita arco iris para venda a restaurantes e particulares, na actualidade algo máis de 3.000 kg ao mes para pechar o 2025 con 40 toneladas de produción, principalmente troita pequena de arredor de 50 gramos, pero tamén troita asalmonada de maior tamaño que comezaron a criar este ano.
As vendas céntranse nas zonas limítrofes con Ribeira de Piquín, servindo a restaurantes da Pontenova, Meira, Baralla ou Pedrafita, así como ás peixerías da Praza de Abastos de Lugo, e tamén nas propias instalacións. “Queriamos ter venda directa na propia piscifactoría, para que a xente fora alí a ver as nosas instalacións e poder animar deste xeito iniciativas semellantes”, conta o alcalde.
Diversificación produtiva: kiwis, horta e porco celta
Desde a súa reapertura, a piscifactoría está a ser o motor económico do resto de proxectos, que se financian cos ingresos acadados coa venda das troitas, “un modelo de xestión pública que reinviste os beneficios no propio municipio”, destaca o seu alcalde.
“Non inventamos unha Fundación para estarlle inxectando cartos públicos, temos que demostrar que os proxectos que estamos poñendo en marcha son economicamente sostibles por si mesmos”, defende Roberto.
Que sexan cartos públicos non quere dicir que non haxa que levar un control estrito
O proxecto Forescelta, por exemplo, un grupo operativo financiado polo Ministerio de Agricultura, permitiu ao Concello de Ribeira de Piquín dotarse dunha serie de infraestruturas para a cría de porco celta, con máis de 200 animais producidos até o día de hoxe.
En paralelo, tamén se fixo unha plantación de kiwis en Montefurado, na parroquia de Navallos, nunha parcela de 2 hectáreas de superficie, que entrará en produción nos vindeiros anos. Así mesmo, nas fincas de ribeira, caracterizadas por contar con solos moi produtivos e que manteñen a humidade nos meses do verán, están a impulsar cultivos de horta, en concreto fabas da variedade galaica, a mesma que se emprega na IXP Faba de Lourenzá, e brasicas como coliflor e brócoli.
Asesoramento realista a particulares

Os proxectos postos en marcha queren servir de escaparate e banco de probas para iniciativas privadas
A Fundación está a documentar todos os seus proxectos cun estudo de custos realista de maneira que permita servir de banco de probas sobre a viabilidade das distintas iniciativas. “Queremos ter datos fiables de canto custa plantar unha hectárea de kiwis, canto supón o seu mantemento, canto tarda en producir e cal é a súa rendibilidade, pero non de xeito teórico, senón na práctica e na realidade desta zona, para que calquera persoa que teña unha hectárea de terreo abandonada en Ribeira de Piquín e queira poñela a producir poida ter unha referencia clara aquí. Iso lévanos a facer cambios nos diversos cultivos e a cometer erros, pero preferimos cometelos nós e que non os cometa despois alguén que emprende no noso concello”, argumenta Roberto.
Queremos documentar cada proxecto que imos desenvolvendo desde un punto de vista económico para que sirva de referencia a quen queira emprender aquí
Ademais de prestar asesoramento para que os proxectos públicos da Fundación TerrEO sexan o motor doutras iniciativas privadas, búscase facilitar a comercialización en conxunto a todos os produtores da zona. “A medida que imos andando, estamos dándonos conta de que desde unha fundación pública dun concello despoboado temos máis facilidade para chegar aos puntos de consumo e comercializar que un produtor particular e queremos aproveitar a nosa fundación como unha plataforma que lle abra portas do mercado a calquera que queira producir no noso concello”, din.
Reapertura da gasolineira

O alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, defende que os Concellos deben implicarse no impulso do rural
Xunto coa recuperación da vertente produtiva, o Concello está tamén volcado en prestar servizos á poboación, tratando de suplir aqueles que se van perdendo. Tras máis dunha década pechada, fai un mes volvía entrar en funcionamento a gasolineira situada en Barcia, á entrada da capitalidade municipal, Chao do Pousadoiro, onde se atopan a maioría de servizos públicos e negocios: a ferretería, a farmacia, a oficina de Correos, o centro médido, a Casa do Concello ou o centro de día, aberto no ano 2019 no edificio do antigo colexio da localidade, o CEIP Aníbal Otero, pechado no 2013, un síntoma claro da evolución demográfica dun municipio con cada vez menos nenos e nenas e máis persoas maiores.
Estamos tratando de reter servizos no territorio
A súa apertura foi impulsada pola Fundación TerrEO e financiouse cunha aportación de 110.000 euros da Deputación provincial. A gasolineira xera tamén emprego estable, coa contratación de dúas persoas a tempo completo. Está aberta todos os días de 7:30 a 13:30 horas e de 15:00 a 20:00 horas. Ten tamén tenda.
“Poder repostar combustible é un servizo público esencial en calquera concello do rural”, defende o alcalde de Ribeira de Piquín. Os veciños non terán agora que desprazarse a Meira, á Pontenova ou á Fonsagrada para facelo.
“As directrices das últimas décadas, tanto desde a Xunta como desde Bruxelas, levaron ao abandono da actividade agraria en concellos coma o noso”

A recuperación produtiva de 18 hectáreas na aldea de Montefurado será tamén unha barreira contra o lume
Procedente dunha familia gandeira, o alcalde de Ribeira de Piquín viviu en primeira persoa o proceso de transformación produtiva vivida no municipio nas últimas décadas. “Todas as directrices públicas levaron a esta zona a ser forestal. Practicamente a actividade agrícola foise abandonando porque non houbo relevo xeracional e plantouse todo a eucalipto”, describe.
Pero o concello conta con zonas de ribeira altamente produtivas a carón do río que se atópanse a unha altitude media duns 200 metros e contan nalgún caso mesmo con acceso a regadío que están abandonadas.
“Os propietarios teñen a dificultade de que non van poder adicalas a produción forestal, porque a normativa o prohibe, pero tampouco lles van dar un uso agrogandeiro porque eles son xente maior e non hai aquí ou fóra de aquí ninguén interesado en poñer de acordo a propietarios de máis de 300 parcelas para xuntar 18 hectáreas de superficie. Por iso defendemos que a Administración pública debe interceder, porque non hai outro xeito de poñer en valor este tipo de terras”, asegura o alcalde. “Con 7 habitantes por km cadrado e cando xa non quedan explotacións das que tirar, non temos outra saída máis que unha aposta desde o público”, insiste.
A Administración pública debe interceder, porque non hai outro xeito de poñer en valor este tipo de terras
Nada máis acceder á alcaldía, no ano 2015, Roberto Fernández fixouse como prioridade para o primeiro mandato a mellora dos servizos públicos e infraestruturas municipais nos 43 núcleos de poboación de Ribeira de Piquín (vías de comunicación, abastecementos de auga, alumeados públicos, servizos sociais, centro de día). “Era aquilo que a nós nos podían demandar os veciños e veciñas, as competencias directas e propias da Administración local, e iso foi o que centrou o noso traballo na primeira lexislatura”, explica.
Máis sempre sen perder de vista outra das necesidades urxentes do municipio, como é a dinamización económica dun concello pouco atractivo para as iniciativas privadas, algo que figuraba como proposta destacada no seu programa electoral para o segundo mandato.
Necesitabamos un ente paralelo que nos permitira ter unha actividade económica, porque desde o Concello non podemos mercar e vender troitas
Por iso, nada máis revalidar o cargo no ano 2019, puxéronse a traballar na vertente produtiva. Pero como tal, un Concello atópase con moitos atrancos para poder xestionar directamente unha actividade económica que inclúa por exemplo a venda de troitas, kiwis ou fabas.
O patronato da Fundación TerrEO está formado polo alcalde, os concelleiros e un funcionario municipal
Así pois, pensaron na alternativa dunha fundación 100% municipal, que fixese máis sinxela a xestión. A Fundación TerrEO creouse no ano 2020, pero foron necesarios dous anos de trámites, papeleo e burocracia para que estivese plenamente operativa e puidese empezar a traballar.
Recuperar terras que se atopaban en situación de abandono
Coa finalidade de previr incendios forestais, desde a Fundación TerrEO estase a recuperar o carácter produtivo que tiñan moitas das fincas en torno aos núcleos de poboación, promovendo, por exemplo, un polígono agroforestal de iniciativa privada de 18 hectáreas na aldea de Montefurado.
“Como o proceso de tramitación dos polígonos agroforestais é lento, o que fixemos foi alugar directamente algunhas das parcelas aos propietarios”, explica Miguel Fernández Labrada, enxeñeiro agrónomo e técnico da Fundación municipal.
O polígono agroforestal de Montefurado é parte dunha concentración parcelaria paralizada
A resposta dos veciños está a ser moi boa, pero o minifundio obriga a asinar multitude de contratos, en moitas ocasións con persoas que emigraron ou cos seus descendentes. “É algo que sería inviable de sacar adiante sen o coñecemento sobre o terreo que temos os Concellos”, asegura o alcalde.
“A maioría dos propietarios son antigos agricultures xubilados, polo que ven con bos ollos que se volvan poñer en produción esas fincas que foron o seu modo de vida”, asegura Miguel. Pero tanto nos terreos que aluga a fundación municipal, coma nos proxectos que desenvolve, a premisa é non entrar en competencia con outras actividades que xa estean a funcionar no territorio, como o vacún de carne, un dos sectores económicos máis importante a día de hoxe no Concello de Ribeira de Piquín.
A maioría dos propietarios son antigos agricultures xubilados, polo que ven con bos ollos que se volvan poñer a producir as súas fincas
O polígono agroforestal de Montefurado está composto por máis de 300 parcelas, que proceden dunha antiga concentración parcelaria paralizada de 790 hectáreas na parroquia de Navallos. “As zonas máis produtivas en torno aos núcleos de poboación son as que tratamos de impulsar agora nós desde a Fundación. Temos identificadas outras 5 ou 6 zonas de alto valor produtivo coma esta en todo o termo municipal, que suman unhas 100 hectáreas”, describe Miguel.
Alugueres de 500 euros por hectárea

O enxeñeiro agrónomo da Fundación TerrEO, Miguel Fernández Labrada, revisando a plantación de kiwis
Ao mesmo tempo que se volven poñer a producir as terras, estase xerando un valor para os seus propietarios. “Estamos pagando 500 euros/hectárea de aluguer, moi por riba do prezo de mercado nesta zona, pero nós tamén queriamos que iso fora un aliciente para entrar nos proxectos da Fundación. A zona adicada a porco celta son 10 hectáreas e supón 5.000 euros de aluguer ao ano”, exemplifica Roberto.
A finca máis pequena é de 40 metros cadrados, non vira nin o tractor nela
Unha das premisas dos proxectos da Fundación TerrEO é sempre implicar aos veciños e propietarios. Nas 2 hectáreas de kiwis, por exemplo, probaron a limpar as rúas tanto con cabalos como con ovellas propiedade de dous veciños de Montefurado. Outro ten colmeas e as abellas son un aliado imprescindible para a polinización.
Obxectivo final: xerar emprego
Malia ser un concello de poucos habitantes, Ribeira de Piquín trata de xerar propostas dinámicas co obxectivo de xerar emprego de calidade estable no tempo. “Apostamos pola agricultura porque require moita máis man de obra que a gandería de carne en extensivo, por exemplo, e o noso obxectivo principal é crear emprego”, defende o alcalde.
Apostamos pola agricultura porque require moita máis man de obra que a gandería
A combinación entre potenciar servizos na primeira lexislatura e crear oportunidades laborais na segunda, tratan de frear e reverter as cifras do despoboamento. Para iso, rehabilitáronse tamén 3 escolas unitarias das parroquias como vivendas para poñer a disposición de quen queira vir a traballar ao concello e que se ofreceron á ONG Rescate para acoller a inmigrantes.
A Fundación TerrEO conta xa neste momento con 9 postos de traballo estables, que se suman aos que aporta o Concello para a xestión directa de todos os servizos municipais (abastecemento de auga, alumeado público, desbroces, servizos sociais e centro de día, etc). “Iso lévanos, nos meses de máis traballo, a pagar máis de 60 nóminas entre o Concello e a Fundación nun municipio de 500 habitantes”, destaca Roberto.
O Concello de Ribeira de Piquín está a tramitar autorización para unha turbina que permita cubrir todo o consumo eléctrico municipal
Desde o Concello teñen solicitado tamén ao Ministerio responsable do Reto Demográfico unha axuda para transformar unha vella escola que está xusto enfronte da Casa Consistorial para transformala nun centro de asesoramento agroecolóxico que sirva para impulsar iniciativas privadas neste eido. “Cremos que vai ser un sector de futuro porque será imprescindible ser máis autónomos alimentariamente e enerxeticamente”, defende.
Galego









Control OJD