A Fundación RIA impulsa unha convocatoria aberta para apoiar proxectos vinculados ao Eume

RIO EUME

Contribuír ao desenvolvemento local, á conservación e á xestión sustentable. Eses son os criterios que se aplicarán para apoiar proxectos vencellados ao Parque Natural das Fragas do Eume e a súa contorna que contarán co apoio técnico, promocional e económico da Fundación RIA. A convocatoria aberta porase en marcha no mes de setembro.

Coa colaboración da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP), búscase unha planificación estratéxica para identificar as iniciativas viables, con capacidade de aplicación e que poidan xerar efectos duradeiros no territorio.

Dende RIA sinalan que a convocatoria “permitirá incorporar iniciativas e axentes ao proceso. O
seu ámbito abranguerá os concellos que forman parte do Parque Natural: Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez.”

As iniciativas poderán abordar cuestións relacionadas con:

– Arquitectura e a mobilidade

– Recuperación e rehabilitación de espazos

– Infraestruturas ou elementos patrimoniais

– Actividade económica e produtiva

– Transformación e comercialización de recursos locais

– Divulgación

– Educación ambiental

– Participación cidadá

Poderán participar persoas, empresas, cooperativas, asociacións, fundacións, comunidades de montes, centros educativos e formativos, universidades, administracións públicas e outras entidades ou agrupacións vencelladas ao territorio.

No proceso de selección vanse valorar especialmente as propostas que contribúan á conservación e á mellora da xestión do territorio, reforcen o recoñecemento das fragas como un activo estratéxico para o desenvolvemento local e incorporen modelos de colaboración abertos.

Na convocatoria indícase que terán prioridade as iniciativas cunha vocación práctica e transformadora, capaces de conectar diferentes ámbitos de actuación e de manter os seus efectos no tempo.

Os proxectos seleccionados recibirán acompañamento técnico para facilitar o seu desenvolvemento, acceso a novas oportunidades de financiamento, apoio á comunicación e difusión das iniciativas e apoio económico.

A convocatoria forma parte dun proceso máis amplo impulsado pola Fundación RIA coa Fundación MOP, baseado na definición de accións piloto que melloren a xestión do Parque Natural das Fragas
do Eume e o desenvolvemento sostible da súa contorna.

O obxectivo é identificar necesidades compartidas e avanzar na definición de accións concretas que
contribúan á conservación activa do parque e ao desenvolvemento sostible da comarca. Porque, asegura RIA, trátase dun espazo protexido que convive, porén, cunha realidade territorial complexa.

A Fundación RIA defínese como “unha axencia independente sen ánimo de lucro que opera na investigación, análise e planificación territorial estratéxica de Galicia, co obxectivo de preservar os seus valores naturais e culturais e mellorar a calidade de vida.”

A fundación impulsa procesos vencellados á ordenación do territorio, a paisaxe, a mobilidade sostible, a circularidade, o patrimonio construído, a actividade produtiva, os sistemas alimentarios e o desenvolvemento rural.

A Fundación MOP apoia desde 2024 o traballo da Fundación RIA en procesos de planificación e deseño estratéxico desenvolvidos en colaboración con distintas administracións públicas, tanto en contornas urbanas como rurais.

Esta colaboración permitiu impulsar metodoloxías de análise territorial, participación e gobernanza orientadas á definición de proxectos con capacidade de xerar un impacto positivo e duradeiro no territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información