Fundación Mapfre premiará con 30.000 euros aos profesionais máis innovadores do sector agrogandeiro

Convoca o Premio á Mellor Iniciativa no Sector Agropecuario. O prazo para participar está aberto até o 31 de maio.

Fundación Mapfre premiará con 30.000 euros aos profesionais máis innovadores do sector agrogandeiro

Fundación MAPFRE convoca o Premio á Mellor Iniciativa no Sector Agropecuario, dotado con 30.000 euros, cuxo obxectivo é recoñecer as iniciativas máis innovadoras e sustentables do sector agrícola e gandeiro, especialmente aquelas que durante os dous últimos anos contribuísen a transformar os sistemas de produción e comercialización dos seus produtos.

Innovadores, rendibles e sustentables

O galardón, de carácter bienal, quere servir de estímulo para aqueles empresarios, produtores e profesionais do sector agropecuario que innovasen nas súas organizacións e lograsen unha mellora na rendibilidade debido a esa innovación.

Tamén recoñece os proxectos que permitisen mellorar os estándares de control de calidade e seguridade na súa cadea produtiva, que optimizasen a utilización dos recursos e garantisen a súa sustentabilidade a longo prazo, favorecendo así o desenvolvemento dun modelo económico máis competitivo, sustentable e equilibrado territorialmente.

O xurado tamén valorará a contribución do proxecto ao crecemento económico do territorio no que se desenvolve, así como á dixitalización do sector, e á protección do medio ambiente e mellora da sociedade.

Até o 31 de maio poden participar produtores agropecuarios ou agroindustriais, proxectos individuais ou familiares e cooperativas e asociacións.

Premios Sociais de Fundación MAPFRE

Este premio forma parte dos Premios Sociais, cuxo obxectivo é recoñecer o compromiso, a xenerosidade e a solidariedade de persoas e institucións a través de actuacións destacadas en beneficio da sociedade nos ámbitos científico, cultural, social e agrícola.

O resto de categorías son:

-Premio a Toda unha Vida Profesional José Manuel Martínez Martínez, que recoñece ás persoas que dedican a súa vida a mellorar a dos demais, non só desde o ámbito profesional, senón tamén desde o persoal.

-Premio á Mellor Entidade pola súa Traxectoria Social, que premia o traballo de institucións que ao longo da súa traxectoria realizaron actuacións relevantes e de gran impacto en materia social, cultural, seguridade viaria, prevención de accidentes e promoción da saúde.

-Premio ao Mellor Proxecto ou Iniciativa polo seu impacto social, que recoñece proxectos diferenciadores que contribúen a mellorar de forma substancial a vida de moitas persoas.

Bases

As bases para presentar proxectos no catro categorías poden consultarse en: https://www.fundacionmapfre.org/premios-ayudas/premios/premios-fundacion-mapfre/premio-sector-agropecuario/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información