A Fundación Juana de Vega planifica estratexias para mellorar a resiliencia do rural galego fronte ó lume

A Fundación Juana de Vega planifica estratexias para mellorar a resiliencia do rural galego fronte ó lume

A Fundación Juana de Vega acolleu a segunda xuntanza da mesa de “Visión estratéxica do territorio rural”, que supuxo un paso decisivo na construción dun modelo de territorio máis preparado fronte aos incendios e ao cambio climático.

Durante este segundo encontro avanzouse desde unha fase máis conceptual cara a unha maior concreción das propostas. Neste proceso, identificáronse tamén os axentes clave responsables de poñer en marcha estas medidas, tanto desde a administración pública como desde o tecido social e empresarial e as organizacións sectoriais, reforzando así un enfoque de gobernanza compartida e acción coordinada.

Entre as sete liñas definidas, destacáronse como prioritarias aquelas orientadas a recuperar a funcionalidade do territorio e activar os usos produtivos, así como a mellorar a gobernanza e a capacidade de execución das políticas públicas. Xunto a estas, tamén salientan as liñas centradas na ordenación dos usos do solo e no reforzo da base económica do rural. Estas prioridades reflicten a necesidade de actuar de maneira coordinada sobre os factores estruturais que están na base da vulnerabilidade do territorio fronte aos lumes.

Destacouse a necesidade dun cambio de paradigma: pasar dunha planificación teórica a unha xestión activa do territorio, baseada na multifuncionalidade e na implicación dos distintos actores

As medidas operativas concretan estes eixos en accións como a recuperación e a mobilización de terras abandonadas, o desenvolvemento de proxectos piloto de xestión na interface urbano-rural para a prevención de incendios, o impulso da transformación e industrialización orientadas á xeración de valor ao longo das cadeas agroforestais, a simplificación administrativa e o apoio á posta en marcha de proxectos innovadores de xestión territorial.

Tamén se destacou a necesidade dun cambio de paradigma: pasar dunha planificación teórica a unha xestión activa do territorio, baseada na multifuncionalidade e na implicación dos distintos actores.

A xornada completouse cunha dinámica participativa que permitiu contrastar e enriquecer as propostas, consolidando o Foro como un espazo de construción colectiva de solucións para o futuro do rural galego.

José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, destacou que a xornada contou cunha implicación “moi comprometida por parte de todas persoas asistentes o que reflicte a conciencia compartida sobre a necesidade de impulsar unha reflexión profunda e colectiva arredor do futuro dos espazos rurais en Galicia e de avanzar cara a solucións concretas e aplicables no territorio”.

O Foro Territorio Rural Resiliente mantén ademais un enfoque aberto, a través dun formulario dispoñible na súa web para que calquera persoa poida enviar achegas, ampliando así o debate máis alá dos espazos técnicos.

As conclusións desta mesa e do conxunto do proceso presentaranse o xoves, 28 de maio, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. O evento final estará aberto ao público e proximamente facilitarase máis información para a inscrición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información