A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas fixo este verán entrega das bolsas de estudos de posgrao mediante as cales a Fundación dotará economicamente ás beneficiarias da totalidade do custo da matrícula e aloxamento durante os meses que dure o máster no país de destino. No seu terceiro ano de bolsas de posgrao, a Fundación decidiu conceder tres bolsas de posgrao a novas promesas galegas para realizar un máster no estranxeiro.
O acto tivo lugar na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo e contou coa presenza do presidente da Fundación, Tomás Notario Vacas; o vicepresidente e presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; o membro do padroado da fundación e presidente do colexio de veterinarios de Lugo, Salvador Diz Cerviño, e o catedrático de Sanidade Animal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), José Luís Benedito Castellote, quen tamén participou na comisión de selección.
Alejandra López, Belén Sanfiz e Carmen Fuentes son as mozas que estarán nas universidades de París, Turín e Lisboa, respectivamente
Nesta ocasión as bolsas foron concedidas ás graduadas da USC: Alejandra López Sánchez, que realizará un máster M2 Fundamental Microbiology na Universidade París-Saclay (París); Belén Sanfiz Cadórniga, quen cursará un máster en ciencia animal na Universidade de Turín (Italia), e Carmen Fontes González, que levará a cabo un máster en Enxeñaría Agrónoma pola universidade de Lisboa (Portugal).
Durante o acto, presidente e vicepresidente congratuláronse en conceder estas bolsas e permitir a novas promesas seguir progresando e achegando excelencia á comunidade galega. Tamén animaron ás bolseiras seleccionadas a aproveitar a grande oportunidade de realizar estudos no estranxeiro, xa que contribuirá ao seu desenvolvemento profesional e persoal. Pola súa banda, as bolseiras agradeceron a oportunidade brindada e expresaron o seu compromiso de aproveitar a experiencia.
Estas bolsas contribúen a que os mozos teñan a oportunidade de seguir formándose co propósito de que poida contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia.