O presidente da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e o presidente da Caixa Rural Galega Manuel Varela entregaron ao meirense Alexandre Rico Fernández unha beca dotada con 40.000 euros pola súa excelencia académica obtendo a admisión na Universidade de California, unha das máis recoñecidas internacionalmente no ámbito veterinario. Esta axuda concédese para a realización dun Máster en Medicina Preventiva Veterinaria.
O bolseiro, ademais de agradecer a selección da súa candidatura para a concesión da bolsa, comentou a súa intención de desenvolver a súa carreira profesional en Galicia e destacou a súa ilusión e compromiso co sector gandeiro, do que procede e coñece ben, así como coa Fundación para que o seu desenvolvemento profesional e experiencia sirvan para mellorar as capacidades do sector agrogandeiro galego. Alexandre Rico, que tamén comentou o calendario do máster financiado, viaxará nos próximos días a California para iniciar o mesmo.
Pola súa parte, Tomás Notario felicitou ao beneficiario destacando, tanto a súa condición de gañador da primeira beca, como a satisfacción pola idoneidade do seu perfil e a finalidade dos seus estudos. Do mesmo xeito, Manuel Varela fixo fincapé “no orgullo que representa para a entidade e para a fundación a concesión desta bolsa a un candidato que responde con creces ás expectativas establecidas”.
En canto á liña de estudo do meirense é necesario sinalar que a súa vocación polo mundo gandeiro vénlle de neno xa que naceu no seo dunha familia de veterinarios e gandeiros da Terra Chá, sendo por iso perfecto coñecedor do ambiente rural e da comunidade láctea. Entre as motivacións de Rico para estudar lonxe da súa terra está a capacitación para poder achegar valor á nosa comunidade, considerando que á súa xeración correspóndelle pasar de ser observadora a ser protagonista no devir do rural galego, que está fortemente ligado aos sectores agroalimentario e forestal.