A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas adxudica a primeira bolsa para estudos de posgrao

O primeiro beneficiario é un estudante de Meira. A bolsa serviralle para cursar un Máster en Medicina Preventiva Veterinaria impartido pola Universidade de California

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas adxudica a primeira bolsa para estudos de posgrao

Alexandre Rico Fernández, estudante de Meira.

A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas resolveu a primeira convocatoria de bolsas para Estudos de posgrao coa concesión dunha bolsa a Alexandre Rico Fernández, un estudante de Meira (Lugo) de 25 anos, que actualmente se atopa cursando un programa de intercambio en Estados Unidos sobre a análise de diferentes estratexias de tratamento de enfermidades, así como a implementación e manexo de datos en granxas.

Alexandre graduouse en Veterinaria na Facultade de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e decidiu ampliar a súa formación viaxando a Estados Unidos, concretamente a Minnesota, para realizar un programa de intercambio universitario. A concesión da bolsa da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, dotada cun máximo de 40.000 euros, permitiralle cursar un Máster en Medicina Preventiva Veterinaria impartido pola Universidade de California en Davis (EE.UU).

A Alexandre Rico a vocación polo mundo gandeiro vénlle de neno, xa que naceu no seo dunha familia de veterinarios e gandeiros da Terra Chá, sendo por iso perfecto coñecedor do ambiente rural e da comunidade láctea. Ademais de destacar por méritos académicos, Alexandre tamén destacou no aspecto deportivo formando parte da Selección Galega de fútbol sala sub-14, sub-16 e sub-19 e foi membro do persoal do Azkar Lugo ata 2019.

Entre as motivacións de Alexandre para estudar lonxe da súa terra está a capacitación para poder achegar valor á nosa comunidade, considerando que a súa a xeración correspóndelle pasar de ser observadora a ser protagonista no devir do rural galego, que está fortemente ligado aos sectores agroalimentario e forestal. Considera que é o momento de dar un paso á fronte, de asumir o compromiso coa terra e de aceptar o desafío de prosperar.

Para a Fundación, Alexandre cumpre todos os obxectivos que se perseguen coa concesión da bolsa xa que tanto o máster como o centro onde cursará os seus estudos son de máximo nivel e vangarda internacional, o que permite perseguir a excelencia e especialización que se pretenden, co obxectivo de que todo iso poida reverter no progreso e na mellora das actividades produtivas e por tanto ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *