A Fundación Arume, que agrupa á cadea forestal – madeira de coníferas, vén de concretar a folla de ruta para a obtención en Galicia de planta comercial de piñeiro radiata de alta calidade xenética. Aproveitando a visita técnica a Galicia de Fernando Droppelmann, director executivo da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, que asesora á Fundación, avanzouse nas liñas de traballo a curto e medio prazo para a mellora xenética do piñeiro radiata.
No curto prazo, os viveiros colaboradores da Fundación Arume, no marco do Grupo Operativo Piña, xa están a realizar a multiplicación vexetativa de planta da máxima calidade xenética, que ata agora non estaba dispoñible en Galicia. Con esta planta mellorada, a perspectiva é instalar parcelas demostrativas en monte no 2025 e iniciar a súa comercialización no 2026.
En paralelo, co asesoramento de Fernando Droppelmann, fixéronse este mes unha serie de visitas a montes de piñeiro radiata da provincia de Lugo (Friol, Guitiriz, Rábade, Lugo, A Fonsagrada, Baleira, Sarria) e da Coruña (Oroso, Sobrado dos Monxes e Monfero). Un dos obxectivos foi a valoración de masas de boa xenética nas que seleccionar árbores superiores que se incorporarán ó programa de mellora da especie.
As árbores superiores son aquelas que destacan en monte do resto polo seu crecemento e rectitude. Unha vez concluída a selección final de árbores superiores, farase xa no 2025 unha recollida de sementes e de pugas deses pés para incorporalas ó programa de mellora xenética da especie. Deste xeito, ampliaranse os materiais galegos de alta xenética xa seleccionados pola Consellería do Medio Rural, que se están a replicar a partir de horto sementeiros como o da Falmega (Oroso) ou o de Pena Fesa (Monfero).
Da man do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, estase a traballar na selección e multiplicación de planta de piñeiro radiata con resistencias ó nematodo do piñeiro
En todo este proceso, a Fundación Arume conta co asesoramento da Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile, coa que vén de ampliar o acordo de colaboración por 5 anos máis. Chile é un referente a nivel mundial en mellora xenética do piñeiro radiata, cunha experiencia de 40 anos, de aí a importancia da experiencia e acompañamento que lle presta a Cooperativa de Mejoramiento Genético Forestal de Chile ó proceso galego.
Planta resistente a pragas e enfermidades
Nos últimos anos, a expansión dos fungos das bandas é un dos problemas sanitarios que máis lle preocupa ós propietarios forestais de masas de piñeiro radiata. Para encarar ese problema, a Fundación Arume iniciará unha liña de traballo encamiñada á obtención de planta resistente ás bandas.
Con ese obxectivo, en montes afectados polas bandas, vanse buscar árbores que carezan de síntomas da enfermidade. Sobre esas árbores farase un seguemento, a fin de comprobar se se manteñen sanas en anos sucesivos. En paralelo, faranse ensaios en laboratorio coas familias de piñeiro radiata de alta xenética dos horto sementeiros galegos.
Espérase obter a medio prazo planta resistente ós fungos da bandas
Este é un proceso que se espera que culmine a medio prazo coa obtención e comercialización de planta de piñeiro radiata con resistencias ás bandas. Tamén se está a traballar, da man do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, na selección e multiplicación de planta de piñeiro radiata con resistencias ó nematodo do piñeiro, unha praga que preocupa en especial no sur de Pontevedra, a única zona de Galicia por agora afectada.
Cómpre seleccionar mellor as parcelas nas que se planta o piñeiro radiata, pois é unha especie que esixe boa calidade de estación
Manexo silvícola en monte
Outro aspecto capital para favorecer a mellora da sanidade en monte do piñeiro radiata é o manexo silvícola das plantacións. Nas visitas realizadas este mes a plantacións galegas, o xenetista chileno Fernando Droppelmann identificou plantacións xuvenís que aparentaban presentar carencias nutricionais, polo que traballarase en determinar as necesidades de aportes nutricionais que poidan ter en determinados solos galegos as plantacións de piñeiro radiata
Unha segunda conclusión é que cómpre seleccionar mellor as parcelas nas que se planta o piñeiro radiata, pois é unha especie que esixe boa calidade de estación, con solos profundos que non se encharquen, e un emprazamento que non sexa ventoso en exceso.
Estes factores, xunto co emprego dunha planta de boa xenética, con maior vigor e crecementos, sometida ós axeitados tratamentos silvícolas (podas e rareos), son a vía para avanzar a curto prazo na sanidade vexetal das masas xuveniles de piñeiro radiata.