A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 29 de outubro ‘Piñeiros 24’, a cuarta edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.
O encontro abordará o papel da madeira na industrialización da construción, que representa un cambio de paradigma no sector, pois as pezas de madeira prepáranse na industria coas medidas exactas requeridas e chegan á obra listas para a súa montaxe en seco.
Outro dos focos porase sobre a xestión forestal en monte das masas de piñeiro, así como sobre usos e produtos complementarios que se extraen das coníferas.
Francia, país convidado
Este ano, Francia será o país convidado en Piñeiros 24, seguindo a tendencia dos anos anteriores, cando foran Portugal (Piñeiros 22) e Euskadi (Piñeiros 23) os coprotagonistas do evento.
Francia, en especial a rexión de Nova Aquitania, é un dos referentes europeos no manexo do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), tanto a nivel forestal como industrial. En Piñeiros 24 contarase cunha serie de ponentes de Francia que explicarán a realidade da cadea monte – industria de coníferas no país veciño.
Deste xeito, consolídase o posicionamento internacional do encontro Piñeiros, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.