A Fundación Arume lanza a marca Pino de Galicia para prestixiar a madeira galega de coníferas

Máis de 50 empresas de toda a cadea da madeira asinan a constitución do selo de garantía, que avala a orixe, calidade e sostibilidade dos produtos amparados por Pino de Galicia

A Fundación Arume lanza a marca Pino de Galicia para prestixiar a madeira galega de coníferas

Acto de constitución de la marca Pino de Galicia, en el que han participado medio centenar de empresas.

Santiago acolleu hoxe a constitución da marca Pino de Galicia, un selo de garantía que nace para posicionar a madeira galega de coníferas na vangarda europea. O lanzamento da marca, impulsada pola Fundación Arume, permitirá certificar ante os consumidores a orixe, calidade e sostibilidade dos produtos amparados por Pino de Galicia. O obxectivo último da marca sitúase en ofrecerlle información útil ós consumidores, na liña na que xa viñan traballando as grandes potencias forestais europeas.

A marca Pino de Galicia nace coa participación inicial de máis de 50 empresas de toda a cadea da madeira, desde rematantes (profesionais encargados da corta en monte) ata serradoiros, industrias de segunda transformación e almacenistas.

Coa creación do selo de garantía, búscase impulsar a competitividade das empresas galegas da madeira, en especial nas gamas de produto que logran maior valor engadido. O obxectivo de Pino de Galicia é contribuír a revalorizar a madeira de coníferas desde o monte ata o mercado final, para o que se aposta pola calidade e por estandarizar as clasificacións da madeira.

Bioeconomía
Na actualidade, a madeira de coníferas atravesa por unha situación de alta demanda nos mercados internacionais, unha tendencia que se espera que continúe nos próximos anos, pois a perspectiva é a de que a demanda supere á oferta. A madeira de coníferas, polas súas características técnicas e polas súas cualidades de material renovable, reciclable e reutilizable, preséntase como unha das materias primas estrela na procura dunha economía neutra climaticamente.

Ese é un escenario do que xa se están beneficiando os propietarios e as empresas galegas, que están asistindo nos últimos meses a unha revalorización tanto dos piñeiros en monte como da madeira e dos produtos transformados elaborados a partir de piñeiro. O lanzamento da marca Pino de Galicia, que chegará ó mercado nos primeiros meses do 2022, prodúcese, pois, nun momento óptimo, aliñándose coa estratexia dos propietarios forestais e das industrias de posicionar a madeira galega de coníferas como unha referencia de calidade e sostibilidade no mercado.

Regulamento técnico
Para lograr que o mercado identifique os produtos de ‘Pino de Galicia’ e os asocie a unha calidade obxectiva, a Fundación Arume, promotora da marca de garantía, definiu un regulamento que establece esixencias e controis rigurosos desde o monte ata a industria.

En primeiro lugar, o ‘Pino de Galicia’ só pode proceder de montes sometidos a unha certificación forestal (FSC ou PEFC), un sistema recoñecido a nivel internacional que garante a sostibilidade ambiental e social dos aproveitamentos.

A materia prima identificada coa marca Pino de Galicia poderá ser madeira de piñeiro do país (Pinus pinaster), de piñeiro insigne (Pinus radiata) ou de piñeiro silvestre (Pinus sylvestris). A marca ampara tanto madeira en rollo, antes do aserrado, como produtos rematados de primeira e segunda transformación.

O emprego da marca serálle autorizado ós rematantes, aserradoiros, industrias e almacenistas que se adhiran a ‘Pino de Galicia’ e que comprometan a axeitada trazabilidade dos produtos identificados co selo de garantía.

Tanto a materia prima (madeira en rollo) como os produtos amparados pola marca de garantía Pino de Galicia catalóganse en función dun baremo de calidades. Na etiquetaxe dos produtos finais amparados por Pino de Galicia figurará a especie de conífera, así como a calidade, o fabricante, a data de fabricación e o logo da marca de garantía, entre outros datos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información