A Fundación Arume dá pasos na mellora forestal das coníferas e na xeración de valor da madeira

O Padroado da entidade reuniuse hoxe en Ames para presentar balance e liñas de actuación das dúas mesas de traballo nas que se organiza, a Mesa de Monte e a Mesa de Mercado

Publicidade
A Fundación Arume dá pasos na mellora forestal das coníferas e na xeración de valor da madeira

O Padroado da Fundación Arume mantivo hoxe unha reunión en Ames (A Coruña) para facer balance do último ano e planificar a continuidade das súas liñas de traballo. O evento serviu para marcar os desafíos tanto a nivel de monte como de mercado, os dous focos nos que organiza o seu traballo a Fundación.

Na parte forestal, o obxectivo sitúase en continuar avanzando na mellora xenética das tres especies de piñeiro nas que está centrado o traballo da Fundación: o piñeiro do país (‘PInus pinaster’), o piñeiro radiata e o piñeiro taeda.

Este último, o piñeiro taeda, presenta a vantaxe de ser resistente ó fungo das bandas, que afecta nos últimos anos ó piñeiro radiata, polo que a Fundación Arume vai implantar parcelas de ensaio en monte con semente procedente de Uruguai, a fin de testar o seu resultado en distintas zonas de Galicia, con diferentes altitudes e tipos de solo.

A instalación de parcelas de ensaio de piñeiro taeda permitirá testar diferentes procedencias e identificar resultados

En paralelo, a Fundación está a impulsar a reprodución vexetativa (estaquillado) de planta de alta xenética, tanto de piñeiro do país como de piñeiro radiata. A reprodución vexetativa, con enraizamento de estaquillas, permite multiplicar a cantidade de planta de alta xenética que se pode transferir ós propietarios forestais e comunidades de montes veciñais.

No caso de piñeiro do país, trátase de plantas resistentes ó nemato do piñeiro, unha praga que afecta ó sur da comunidade. No piñeiro radiata, obtívose planta de gran calidade xenética, con bos crecementos e conformación das árbores, pero recoméndase só para zonas con pouca afección do fungo das bandas, pois polo de agora non se avanzou nunha mellora xenética nesa liña.

Pino de Galicia, unha marca para xerar valor
No que respecta á Mesa de Mercado, o seu obxectivo sitúase en posicionar a madeira de piñeiro de Galicia ante prescriptores e consumidores, de xeito que se logre a xeración de máis valor. Para elo, a Fundación Arume traballa en reforzar a marca de garantía Pino de Galicia, enfocándose na construción activa da demanda, para o que se buscará gañar notoriedade, credibilidade e difusión.

Formación en arquitectura en madeira
De cara a fomentar os novos usos da madeira, a Fundación Arume está a organizar tamén o seu primeiro programa formativo de arquitectura en madeira, denominado ‘O futuro é madeira’, que se desenvolverá a partir de setembro durante 9 venres consecutivos, constando de 5 sesións teóricas e 4 xornadas de visitas. As prazas son limitadas e a inscripción está aberta, a un prezo de 250 euros.

Pódese facer a inscripción neste formulario.

Imaxe de grupo do Padroado con representantes institucionais.

Imaxe de grupo do Padroado con representantes institucionais.

Balance institucional
O evento da Fundación Arume contou coa asistencia e intervencións do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e da directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, que avogaron por seguir traballando conxuntamente para responder ás necesidades das empresas da industria forestal-madeira.

Fernández Ríos destacou que a cadea forestal-madeira en Galicia aglutina xa a máis de 3.300 empresas e xera preto de 2.500 millóns de euros de facturación e máis de 19.400 empregos directos.
Neste marco, lembrou que este mesmo mes o Goberno galego aprobou o Plan director da industria forestal 2026-2028, unha gran folla de ruta para consolidar un sector clave para a economía galega e reforzar a súa posición como referente nacional e internacional.

Este plan, elaborado en colaboración coas principais empresas, traballadores, agrupacións industriais e centros tecnolóxicos do sector, mobilizará preto de 114 millóns de euros e inclúe 88 medidas orientadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a competitividade das empresas co obxectivo de xerar emprego estable, de calidade e de alto valor engadido.

O evento contou coa asistencia dos directores de XERA, Alfredo Fernández, e de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro.

O evento contou coa asistencia dos directores de XERA, Alfredo Fernández, e de Ordenación e Planificación Forestal, Luisa Piñeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información