A Fundación Arume abre unha nova etapa, incorporando industrias da madeira e á Universidade de Vigo

O Padroado da Fundación pasa dos 11 membros actuais a 16 membros. Inclúe a 7 serradoiros, 2 industrias do taboleiro, 2 asociacións de propietarios forestais, 2 asociacións de empresas de servizos forestais, unha asociación de viveiristas, a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo) e Abanca

Publicidade
A Fundación Arume abre unha nova etapa, incorporando  industrias da madeira e á Universidade de Vigo

Novo Padroado da Fundación Arume, con José Carballo e Franscisco Dans.

A Fundación Arume, creada no 2019 para impulsar a cadea monte – industria do piñeiro, vén de abrir unha nova etapa, con cambios de caras e tamén de filosofía.

O Padroado da Fundación Arume acordou este luns unha transformación no propio Padroado, pois a industria pasa a estar representada directamente a través de 7 serradoiros e 2 industrias do taboleiro, en lugar de estar de xeito indirecto a través de asociacións da cadea.

O novo Padroado, que pasa de 11 membros a 16 membros, suma a maiores outras dúas incorporacións, pois entra tamén á Universidade de Vigo (Escola de Enxeñería Forestal) e unha segunda asociación de empresas de servizos forestais (Asemfo).

Do anterior Padroado, mantéñense as dúas asociacións de propietarios forestais que xa tiñan representación (Asociación Forestal de Galicia e Asefoga), a asociación de empresas de servizos forestais Serfoga e ABANCA.

Con estes cambios, a Fundación Arume consolida un camiño estratéxico, o de establecer unha alianza de todo o recurso forestal, desde o monte ata a industria de transformación.

Pola cadea industrial, pasan a estar directamente representados no Padroado dúas firmas de taboleiros (Finsa e Tableros Hispanos) e os seguintes serradoiros: Maderas Cajaraville (Teo), Serrerías Rodríguez (Valga), Maderas Hermanos García Rocha (Oza – Cesuras), Hijos de Ramón Rubal (Alfoz), Maderas Goiriz (Vilalba), Besteiro Forestal (Castroverde) e Maderas Hermanos Castro (Ponteareas).

Dirección
No Padroado deste mércores, abordouse tamén o relevo do órgano de dirección da Fundación, xa que os ata agora presidente e vicepresidente, José Carballo e Francisco Dans, deixaron hoxe as súas funcións con motivo da súa xubilación. Os novos cargos de presidencia e vicepresidencia pasan a ostentalos Xosé Mera (presidente), Jacobo Feijoo (vicepresidente de recurso forestal) e Juan Busto, (vicepresidente de industria).

Na reunión do Padroado tamén se acordou o nomeamento de José Carballo como presidente de honra da Fundación Arume, en base ó papel que xogou na orixe da Fundación Arume e no seu posicionamento estratéxico, en tanto que entidade na que se estableceu unha alianza da cadea industrial coa propiedade forestal.

Tamén se quere que este nomeamento sirva de recoñecemento ó papel de José Carballo como referente no sector forestal e industrial da madeira nos últimos 40 anos en Galicia.

O acto do Padroado contou, na súa parte pública, coa presenza de institucións e empresas de toda a cadea monte – madeira. Por parte institucional, a nivel da Xunta asistiu o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, o director de XERA, Alfredo Fernández, unha representación dos tres grupos do Parlamento Galego, o Concello de Santiago, o Centro Pinus de Portugal, universidades e organizacións sindicais.

Intervencións
Na parte de intervencións do evento, o presidente saínte da Fundación, José Carballo, fixo un repaso polas razóns de ser da Fundación. En primeiro lugar, incidiu na importancia de integrar nunha mesma entidade o recurso forestal coa industria, na idea de traballar uns obxectivos comúns, como son a mellora dos montes de piñeiro e a obtención de madeira de calidade para posicionarse no mercado.

Como meta ó lonxe, insistiu nun exemplo que xa puxo en máis ocasións, o do estado alemán de Baviera, cunha facturación da cadea monte – industria de 40.000 millóns de euros, 4.000 deles adicados á compra da madeira en monte. Galicia, en comparación, factura en toda a cadea da madeira preto de 3.000 millóns de euros, con preto de 300 adicados á compra de madeira en monte.

“Estamos aínda lonxe de Baviera, pero calquera comunidade autónoma española querería ter o noso recurso forestal e a nosa industria da madeira” (José Carballo)

“Estamos aínda lonxe de Baviera, pero tamén hai que dicir que calquera comunidade autónoma española querería estar onde estamos nós agora, co recurso e a cadea industrial que temos”, valorou Carballo.

A intervención do presidente saínte concluíu cunha referencia a Arume como “fundación país”, en tanto que entidade concienciada en cuestións como a ordenación do territorio ou o fomento da biodiversidade. De aí, por exemplo, as alianzas que se teceron nos últimos meses con organizacións ecoloxistas e sociedade civil para solicitar unha ampliación da moratoria do eucalipto.

Arume aspira a consolidarse como polo público – privado da I+D forestal

Por parte de Francisco Dans, ata agora vicepresidente, subliñouse o reto de que Arume continúe a configurarse como un polo público – privado de I+D forestal, con financiación suficiente para impulsar a mellora xenética das coníferas, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

acto arume

O obxectivo de Arume pasa por poñer a disposición dos propietarios forestais planta de coníferas con mellora xenética e con resistencia a enfermidades e pragas. É unha liña de traballo que Jacobo Feijoo, novo vicepresidente de Arume, comparou coa experiencia galega co castiñeiro híbrido, cando no primeiro terzo do século XX, ante o devalo que sufría o castiñeiro pola tinta, os investigadores galegos desenvolveron clons híbridos de castiñeiro que permitiron superar a enfermidade e posicionar ós clons híbridos galegos como un referente mundial.

“Cando o castiñeiro estaba en proceso de desaparición en Galicia, no primeiro terzo do século XX, os investigadores galegos lanzaron uns clons híbridos de castiñeiro que foron referencia a nivel mundial” (Jacobo Feijoo)

Os retos sanitarios sitúanse en Galicia na enfermidade das bandas, que afecta ó piñeiro radiata, e no nematodo do piñeiro, na zona sur da comunidade. Ao respecto das bandas, no curto prazo, o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, avanzou onte no acto que en breve pecharía unha encomenda da Administración a Arume para afrontar tratamentos das bandas, que tamén está a acometer a Xunta pola súa parte.

O acto de Arume contou coas intervencións do director xeral de Ordenación Forestal, José Luis Chan (esquerda) e do director de XERA, Alfredo Fernández (dereita).

O acto de Arume contou coas intervencións do director xeral de Ordenación Forestal, José Luis Chan (esquerda) e do director de XERA, Alfredo Fernández (dereita).

‘Piñeiros’
Outra liña xa consolidada no traballo de Arume, o evento Piñeiros, continuará ofrecendo cada outono un escaparate da innovación da cadea monte – industria das coníferas, tanto en Galicia como noutras rexións que son referencia no sector.

O secretario de Arume, Ismael Olveira, incidiu nas boas perspectivas para as coníferas. “Cando se montou a Fundación Arume, hai 6 anos, a rolla de piñeiro posta no serradoiro pagábase a 50 euros. Hoxe en día págase a 80 euros metro cúbico e probablemente en poucos anos cheguemos ós 100 euros”, pronosticou.

O acto do Padroado pechouse coa intervención do director de XERA, Alfredo Fernández, quen incidiu na aposta da Axencia Galega da Industria Forestal por manter liñas de axudas de apoio á industria forestal – madeira e de incentivación do uso da madeira na construción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información