A Fundación Arume vén de manter unha reunión coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e co director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, ós que lles trasladou unha proposta para a restauración dos montes de piñeiro, en particular os afectados polas bandas. A enfermidade afecta moi gravemente ó piñeiro radiata, que concentra en Lugo o 85% das súas cortas anuais na comunidade.
Na reunión, a Fundación Arume trasladoulle a Medio Rural unha proposta para a declaración de emerxencia sanitaria nos piñeirais afectados pola enfermidade das bandas. O obxectivo de tal declaración é a de posibilitar a aplicación urxente nesta primavera de tratamentos preventivos gratuítos en montes privados.
A proposta inclúe a declaración da utilidade pública dos tratamentos en áreas estratéxicas, de xeito que a Administración poida acceder a predios privados por causas de interese xeral.
A Fundación Arume propón abordar o tratamento de 5.000 hectáreas esta primavera. Os tratamentos serían executados con medios públicos, se ben a Fundación Arume ofrece o apoio dos equipos da cadea forestal para promover e facilitar as actuacións.
A Consellería comprometeuse a estudar tanto esta como outras propostas que lle trasladou a Fundación Arume, todas elas na idea de restaurar os montes de piñeiro en Galicia, un obxectivo tanto ambiental como silvícola, de cara a garantir a produción de madeira de alto valor.
Planta con mellora xenética e alternativas
Ambas institucións coinciden en que para rexenerar con piñeiro as áreas de corta, a condición máis importante é a utilización de planta mellorada de piñeiro radiata e de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’).
Tamén hai acordo para poñer a disposición dos propietarios forestais maior volume de planta de piñeiro taeda, resistente á enfermidade das bandas, o que se fará inicialmente con semente francesa.
Axudas directas ós silvicultores
Outra das propostas da Fundación Arume pasa pola modificación das liñas de apoio das últimas décadas á silvicultura, que os feitos demostran que non funcionaron.
A proposta da Fundación, que xa se lle trasladou á Xunta en decembro do 2023, pasa pola creación de contratos a 12 anos, con pagos progresivos ós silvicultores a medida que se cumpran os compromisos de manexo silvícola (podas, rareos, rozas) establecidos no acordo.