Funcionarios da Xunta denuncian a colocación de “persoal sen experiencia” en “postos chave para a loita contra os incendios forestais”

Aseguran que na provincia de Ourense tan só existen dous funcionarios de carreira con antigüidade en posesión da súa praza da escala de Enxeñería de Montes e Forestal en postos vinculados á extinción dos lumes

Publicidade

La intensidad del fuego llevó a que se formasen columnas convectivas

Persoal funcionario de carreira dos corpos especiais da Xunta de Galicia (enxeñería de montes, agrónoma, camiños, industrial, enxeñería técnica forestal, agrícola, de obras públicas, arquitectura, arquitectura técnica, bioloxía e outras escalas técnicas) denuncia que a Administración autonómica adxudicou prazas de responsabilidade na loita contra os incendios forestais a persoal de novo ingreso, en detrimento de técnicos/as con décadas de experiencia.

Esta práctica, xeneralizada en múltiples escalas técnicas, aseguran, “compromete a calidade técnica de servizos públicos esenciais, incluíndo, entre outros, a xestión de incendios forestais, a planificación territorial, a infraestrutura pública, a xestión dos recursos mariños, a protección dos espazos naturais protexidos e a biodiversidade, a loita fronte ao cambio climático e a avaliación ambiental”, denuncia a Plataforma Técnic@s da Xunta en loita, na que se  agrupou o persoal funcionario dos corpos especiais da Xunta de Galicia afectados pola actuación irresponsable e ilegal da Dirección Xeral de Emprego Público:

“Non é so un problema forestal:  é un problema sistémico. A Xunta está preferindo persoal sen experiencia sobre técnicos e técnicas que levamos décadas resolvendo problemas complexos en Galicia. Isto afecta á calidade da arquitectura, ás infraestruturas, ó medio ambiente e por suposto, á xestión de incendios”, afirman desde o colectivo de funcionarios dos corpos especiais da Xunta de Galicia.

Estas prazas inclúen postos en distritos forestais, servizos de extinción de incendios, direccións técnicas de obra, xefaturas de servizo e subdireccións con competencias técnicas especializadas

Consideran esta decisión da Dirección Xeral de Función Pública “irresponsable e ilegal”. Como exemplo, din que na provincia de Ourense, tan asolada polos incendios nas últimas semanas, “só existen dous funcionarios de carreira con antigüidade en posesión da súa praza da escala de Enxeñería de Montes e Forestal en postos vinculados á extinción de incendios, o que da idea da precariedade laboral”, argumentan.

Situación xudicial crítica

O persoal funcionario con mais méritos reclama a toma de posesión inmediata das prazas que lles foron adxudicadas e o respecto a súa carreira profesional, insistindo en que “a  Xunta prioriza persoal sen experiencia en postos chave fronte a funcionarios veteranos de corpos especiais”.

“O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa anulou varias adxudicacións provisionais (Sentencia 00498/2024)  e ten adoptado medidas cautelares para evitar a toma de posesión das prazas que o persoal experto obtivo por provisión, polo feito de que a Dirección Xeral de Emprego Público se saltara os procedementos legais e isto implica que os que paguen as consecuencias sexan os seus profesionais e por suposto os servizos públicos”, argumentan.

O TSXG anulou no ano 2024 varias adxudicacións provisionais de prazas de persoal experto

Explican que existen máis de 50 recursos contenciosos interpostos por persoal de diversas escalas técnicas e que, malia iso, “a Xunta insiste nunha estratexia que xera inseguridade xurídica e duplicidade de adxudicacións”.

Preferencia por persoal novel sobre veteranos

“Mentres a Dirección Xeral de Emprego Público atrasa sine die a toma de posesión do persoal con máis méritos, asigna esas mesmas prazas de responsabilidade a persoal que acaba de superar procesos selectivos”, din.

Por iso, “funcionarios con entre 15 e 35 anos de experiencia na xestión de incendios, planificación forestal, dirección de obras ou xestión ambiental ven como se lles nega o acceso a postos para os que están sobradamente cualificados. Esta política impide la carreira profesional e premia a provisionalidade sobre a excelencia técnica”, conclúen.

A última convocatoria de concurso de traslados de corpos especiais foi no ano 2012

Durante máis dunha década, a Xunta de Galicia asignou destinos provisionais a persoal novel, incluso antes de que esta designación estivera permitida na Lei de emprego público, onde se incluíu a finais do ano 2021.

A última convocatoria de concurso de traslados de corpos especiais foi no ano 2012, tratándose este do terceiro concurso para corpos especiais en toda a historia da Xunta de Galicia.

“Funcionarios con entre 15 e 35 anos de servizo seguen bloqueados nos postos de inferior nivel dentro da Administración, mentres prazas de maior responsabilidade se asignan de forma provisional a persoal acabado de incorporarse”, denuncian.

Una idea sobre “Funcionarios da Xunta denuncian a colocación de “persoal sen experiencia” en “postos chave para a loita contra os incendios forestais”

  1. Carlos

    É o resultado da ineptitude dos xerifaltes de Medio Rural, Medio Ambiente e Función Pública (por ende de todo o malGoberno da Xunta).
    Nuns meses vano solucionar (á súa maneira) con políticas de axudas e subvencións (o caziqueo será tremendo).
    Pero a súa nefasta xestión xa está feita, ahí quedan 150.000 ha (polo baixo) queimadas a día de hoxe.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información