A Fruga reclámalle á Xunta actuacións para solucionar a “crise” na D.O. Rías Baixas

Publicidade

VENDIMA_18_EMPARRADO PARRA BAIXAS 3A Asociación Galega de Viticultura (AGV-FRUGA) advirte da situación de “crise” que considera que se vive na Denominación de Orixe Rías Baixas, polo que esixe actuacións á Xunta de Galicia como os contratos homologados con prezo, garantías de recollida da uva e un plan a longo prazo para a Denominación de Orixe.

“Estamos en xullo e a estas alturas do ano, mentres as persoas viticultoras seguen agardando por unha administración que as protexa, na Consellería de Medio Rural semella que non saben sequera que o sector ten un problema moi serio. Mentres tanto, as adegas —empresas privadas que miran polo seu propio beneficio empresarial— xa están actuando. Séguense sumando nomes á lista das que estarían comunicando que este ano non recollerán uva, ou que o farían, pero cun rendemento moi inferior ao establecido no Prego de Condicións da Denominación de Orixe Rías Baixas.”, advirten dende a AGV.

Dende a AGV-FRUGA consideran que “aínda non é tarde demais para poñerlle un parche á ferida, se acaso existe algunha vontade política de non deixar na estacada aos viticultores e viticultoras”.

En concreto, defenden que as medidas por parte da administración autonómica teñen que comezar “por garantir un prezo digno, que cubra os custes de produción, tal e como dita a Lei da Cadea Alimentar. Isto non é unha reclamación que debería ter que facer a AGV-FRUGA, senón un dereito que debería estar a garantir a Xunta da Galiza”.

Segundo os cálculos da Asociación Galega de Viticultura, despois de realizar consultas a diversas persoas viticultoras de todas as subzonas, con distintas situacións e extensións, con distintas xestións, “obtemos un custe de produción en todos os casos superior a 1,50 €/quilo de uva. Ese é o
chan”.

En todo caso, dende a asociacion prevén que “non vai haber resposta” por parte da Xunta de Galicia. “Hai case 20 anos, no 2007, unha mesa do viño convocada por un Goberno Galego dialogante saldouse cunha táboa de prezos nos contratos homologados de compravenda de uva. Foi este un acordo unánime dun sector que tamén estaba nun momento complicado. Hoxe, cun Goberno que está de costas ao rural, vemos este acordo como un imposible”, lamentan.

Ante esta situación, dende a AGV reclámanlle á Xunta da Galiza tres medidas urxentes:

1. Contratos homologados con prezo: o poder negociador das empresas non pode repercutir en vendas por debaixo dos custes de produción.

2. Garantías aos pequenos produtores de que se lles vai recoller a uva.

3. Planificación a medio-longo prazo: precisamos paralizar as inscricións de viñedo, blindar uns prezos dignos da produción e controlar eficazmente os rendementos de produción.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información