A Asociación Galega de Viticultura (AGV), ligada á organización Fruga, reclama que as axudas públicas destinadas ás adegas para financiar a compra de uva estean condicionadas ao pagamento dun prezo xusto aos viticultores.
A organización critica a convocatoria de axudas do IGAPE, que permite ás adegas beneficiarias bonificar xuros e comisións dos préstamos destinados ao pagamento da uva, pois non establece un prezo mínimo por quilo para as distintas denominacións. Segundo a AGV, esta situación pode permitir que a uva se pague por debaixo dos custos reais de produción.
A asociación sinala ademais que esta liña de axudas se concede desde 2023 sen avaliar se as adegas beneficiarias pagan a uva a prezos superiores, iguais ou inferiores aos das empresas que non reciben estas axudas.
Por iso, a AGV considera que o apoio público debe servir para crear valor no sector vitivinícola e non limitarse a financiar as adegas. A organización esixe que as axudas estean vinculadas á sinatura de contratos homologados de compra de uva, cun prezo mínimo de referencia baseado nos custos reais de produción.
Galego









Control OJD