Fruga, en contra da limitación da produción a nivel de España

A organización agraria entende que unha medida de reducción de entregas debería adoptarse a nivel europeo, pois do contrario, pronostica un aumento das importacións de leite e produtos elaborados

Fruga, en contra da limitación da produción a nivel de España

O sector analiza en Madrid as posibilidades de aplicar a reducción das entregas a nivel de España.

A Federación Rural Galega (Fruga) está en contra dunha limitación da produción de leite a nivel de España. A organización agraria considera que esa medida debería adoptarse a nivel comunitario, pois de tomarse a nivel estatal, considera que todo litro que se deixe de producir en España entrará doutros países europeos. A Fruga lembra que hai países excedentarios como Irlanda ou Alemania que xa manifestaron a súa negativa a limitar a produción.

Desde a Fruga din apostar por un control da produción a nivel europeo que teña en conta factores como a balanza produción-consumo de cada territorio, a fin de non penalizar a estados deficitarios na produción láctea, caso de España, cunha produción que non cubre o consumo interno.

Logo de que a Comisión Europea autorizase a cada Estado membro a proceder a reduccións voluntarias das entregas de leite, en España o Ministerio de Agricultura e a Interprofesional pronunciáronse a favor de analizar as posibilidades de implantar a medida.

Proceso en España
O conxunto do sector coincide en considerar como moi negativa a ausencia dunha regulación europea ó respecto, pero ante a falta de acción da Comisión Europea, estanse a explorar as posibilidades dunha limitación estatal da produción, como xeito de tratar de reequilibrar produción e consumo.

O sector agrario puxo sobre a mesa a necesidade dun compromiso de distribución e industrias para limitar as importacións

A primeira condición que puxeron as organizacións agrarias sobre a mesa é a necesidade dun compromiso de industrias e distribución para non aumentar as importacións de leite e de produtos lácteos elaborados.

Sobre esa base, o sector traballa para analizar como se executaría a limitación voluntaria de entregas. Queda tamén por concretar que financiamento habería dispoñible, ben do Ministerio, ben das comunidades autónomas.

En Unións Agrarias-Upa son partidarios de que o financiamento proveña tamén en parte do propio sector, gandeiros e industrias, a través do mecanismo de extensión de norma da Interprofesional, se ben semella un proceso complicado que en principio queda descartado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información