A Federación Rural Galega (FRUGA) denuncia as baixadas unilaterais de de prezos por parte das industrias lácteas nos novos contratos. “Unha vez mais, e de forma unilateral, por parte das industrias, estamos a observar como se impoñen toda unha serie de baixadas de prezos, sen ningún tipo de negociación, e ao mesmo tempo sen ter en conta os custes de produción. A lei da cadea alimentaria, volta a ser unha simple declaración de intencións, papel mollado, sen ningún tipo de repercusión legal, para quen non se atén ao espírito da lei.”, denuncian.
A Fruga calcula que estas baixadas de prezos suporán unha perda de ingresos de mais de 40.000 euros anuais por explotación.
Ante esta situación, a organización constata que “unha vez máis as decisións unilaterais da industria, non teñen ningún tipo de resposta por parte da Consellería do Medio Rural, tendo en conta ademáis que a maior parte da industria, que opera na Galiza, é de capital foráneo. Co cal, unha vez mais, son os propios gandeiros e gandeiras deste país quen vamos a ver reducidos os
nosos ingresos en beneficio da industria e a distribución”.
Neste sentido, a FRUGA denuncia que “dende a volta do Partido Popular á Xunta de Galiza vimos asistindo a que organismos como o Observatorio de Prezos do Leite ou a Mesa do Leite, ben, no primeiro caso sufrira mudanzas nas súas funcións, perdendo competencias reguladoras, ben, no segundo, fora
totalmente eliminado, deixando ao sector lácteo galego a intemperie”.
“Que Galiza, sendo a primeira potencia produtora de leite do Estado español, careza de instrumentos de interlocución por decisión do propio Goberno galego é toda unha declaración de intencións, de que o que lle interesa a este goberno é defender os intereses da industria leiteira de fóra de Galiza, en prexuízo das granxas galegas”, engaden.
Neste sentido, a FRUGA pidelle á Xunta de Galiza a “posta en marcha da Mesa do Leite da Galiza. Se realmente a propia Consellería do Medio Rural ten interese, de verdade, neste sector, ten que actuar neste momento crucial”.
“Non soamente son as baixadas de prezos, senón que estas perdas
veñen acompañadas polo aumento do custes de produción derivado das políticas imperialistas que conduciron á guerra de Irán. Os combustíbeis, con subas de máis de dous díxitos, con avisos de suba dos concentrados, con aumentos dos custes enerxéticos. É dicir, estanse a dar unhas circunstancias que poden pór en perigo o futuro de moitas ganderías lácteas do pais”, argumentan dende a organización agraria.
Galego









Control OJD