
Bernardo Baldés e Mar Pérez Fra, durante a súa intervención na xornada sobre a PAC celebrada en Visantoña
O pasado 17 de xullo a Federación Rural Galega desenvolveu en Visantoña, Santiso, un seminario para avaliar a situación de cara ao novo período da Política Agraria Común após o 2028. Nelas, representantes parlamentarios que explicaron os debates e posicións que se están a dar nos ámbitos lexislativos, así como dous profesores da Universidade de Santiago que analizaron os enfoques que se agochan trala proposta presentada pola Comisión Europea en febreiro do 2025 e que daba inicio ás deliberacións para o deseño orzamentario da UE para o período 2028-2034.
“Varías son as cuestións que quedaron claras. En primeiro lugar que a proposta da Comisión parte da idea de liquidar a PAC como parte sustancial e diferenciada da política europea ao diluila nun paquete máis amplo onde tamén se integrarían a política pesqueira, políticas de seguridade e control de fronteiras e outros ámbitos de actuación europeos”, afirma Elís Somoza, presidente da Fruga.
A proposta da Comisión parte da idea de liquidar a PAC como parte sustancial e diferenciada da política europea
“Fica clara a aposta dos actuais líderes europeos de priorizar o gasto armamentístico nas grandes corporacións estadounidienses mantendo a posición de sumisión das elites europeas aos mandatos do imperialismo, para o que é preciso seguir alimentando a campaña de intoxicación informativa do perigo ruso e chinés para continuar avanzando na escalada armamentística en detrimento doutro tipo de gastos como neste caso a política agraria. Menos recursos para o mundo rural e a actividade agraria e eliminación da política agrícola como un dos eixos fundamentais e singulares da política común europea”, argumenta.
Maior poder de decisión dos Estados
Outro das modificacións substanciais para o novo período é a práctica eliminación dunhas normas e orientacións comúns para o conxunto dos Estados membros e o traspaso das decisións desas orientacións e determinacións dos obxectivos de gasto aos propios Estados. “Así pois, será no noso caso o Estado español o que defina obxectivos e prioridades no deseño do reparto de fondos. Sinalar que o goberno do Estado xa iniciou contactos con organizacións de ámbito estatal para ir avanzando nese deseño e nas negociacións precisas para definilo”, aclara a Fruga.
“En Galicia sabemos perfectamente, por un aprendizaxe histórico, que cando as negociacións se realizan a nivel de Estado as prioridades galegas quedan esquecidas. Sabemos que as organizacións de ámbito estatal (Asaja, UPA-Unións Agrarias ou COAG-SLG) defenden prioritariamente outras realidades e sectores que nada teñen a ver cos nosos. Que só a presenza dunha voz galega nas negociacións permitirá que a nosa realidade diferenciada se escoite e se teña en conta”, reclama Elís.
Cando as negociacións se realizan a nivel de Estado as prioridades galegas quedan esquecidas
É por iso que a Federación Rural Galega demanda do Goberno galego que exerza como tal e defenda os interses do agro e o rural galego nas negociacións que se están a iniciar para determinar o deseño da PAC para o novo período. “É preciso que o Goberno galego convoque ás organizacións sociais galegas e aos representantes dos diversos sectores para elaborar unha proposta galega para a PAC 2028-2034 e que esa proposta elaborada coa participación dos sectores afectados sexa defendida no ámbito da negociación estatal”, pide.
Do mesmo xeito a FRUGA iniciará contactos cos distintos grupos do Parlamento galego e cos representantes galegos no Congreso dos Deputados para que esixan a participación da voz galega nas negociacións e a defensa da proposta galega para a nova PAC.
Galego









Control OJD