A Fruga demanda cambios nos protocolos do saneamento gandeiro para evitar o sacrificio de vacas sás

A Fruga demanda cambios nos protocolos do saneamento gandeiro para evitar o sacrificio de vacas sás

Vacas nunha explotación gandeira.

A Federación Rural Galega (Fruga) demandan cambios nos protocolos de saneamento gandeiro para evitar o sacrificio de animais sans.

A organización agraria, lembran que as probas de saneamento gandeiro véñense realizando en Galiza desde hai mais de 30 anos, sendo totalmente necesarias para conseguir unha cabana gandeira libre de enfermidades como a Tuberculose, Leucose, ou Brucelose, “logrando importantes avances no proceso de erradicación destas enfermidades”.

Sen embargo, a Fruga denuncia que “nos últimos anos producíronse cambios importantes nos protocolos de actuación sanitaria, especialmente no que respecta á detención da tuberculose bovina, producíndose un importante número de sacrificios, que na maior parte dos casos, non son animais enfermos”.

Neste sentido, recoñecen que “ningún gandeiro se vai opor a que lle sacrifiquen os animais infectados”, pero consideran “un despropósito que se estean a sacrificar un importante número de animais, que despois nas probas postmorten realizadas no matadoiro, non se lles atopen ningún indicio de padecer a tuberculose bovina”. “É dicir, estanse a matar moitos animais sans”, advirten.

Demandan probas de contraste para todos os animais dubidosos e que se indemnicen os “falsos positivos” que chegan ao matadoiro

Dende a Fruga aseguran que estes casos danse “en moitas ganderías que durante moitos anos fixeron o saneamento gandeiro sen que lle detectara a presenza de ningún animal contaxiado de tuberculose bovina e nas que agora son detectados animais aparentemente infectados, o que resulta bastante inexplicábel”. Sen embargo, dende a organización agraria denuncian que “a estas ganderías a Consellería non lles permite facer unha mostra de contraste, que detecte con maior precisión o estado do animal, obrigando a optar polo sacrificio”.

Ante esta situación, dende Federación Rural Galega, demandan un cambio no que respecta aos protocolos de actuación, “máis efectivo e que impida que animais sans sexan sacrificados”, subliñan. Igualmente, consideran que a Consellería do Medio Rural “debe optar de forma clara e concisa por facer probas de contraste a tódalas explotacións que se lles detecte un animal dubidoso, e non facer soamente as probas de contraste nalgúns casos concretos”.

Por último, a Fruga demanda que “todos estes animais, que unha vez sacrificados, chegan o matadoiro e non son positivos, teñen que ser indemnizados debidamente, porque estamos a falar dun saneamento gandeiro, non dun matavacas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información