Fruga demanda a actuación de Medio Rural nas negociacións do leite

Fruga demanda a actuación de Medio Rural nas negociacións do leite

Xurxo Álvarez, secretario xeral da Fruga.

A actual situación do sector lácteo, marcada polas dificultades do sector gandeiro para negociar prezos e contratos coa industria, obriga a unha inmediata acción da Consellería de Medio Rural, segundo a Fruga. A Federación Rural Galega (Fruga) entende que máis que de mediación ou arbitraxe, cómpre falar de negociación no proceso da contratación das entregas do leite.

A organización agraria lamenta que a Consellería teña finiquitada na práctica a Mesa do Leite, sen convocala nos últimos anos. Para a Fruga é preciso impulsar un órgano de encontro entre industrias e sector gandeiro, coa intermediación da Administración galega, de xeito que axude a chegar a acordos de prezos mínimos en orixe para o leite. Medio Rural, pola súa banda, xa expresou de xeito reiterado que avoga por manter unha posición de neutralidade entre as partes.

A Federación Rural critica a imposibilidade dos gandeiros e das organizacións de produtores para negociar coas industrias, dado que prezos e contratos continúan a ser marcados de xeito unilateral pola industria, segundo a Fruga. A organización cuestiona tamén a situación de baixos prezos que atravesa o leite nas cadeas de distribución, unha circunstancia que condiciona o valor do produto ó longo de toda a cadea.

Plan de inspección da contratación
Doutro lado, o Ministerio de Agricultura vén de anunciar a posta en marcha dun plan de inspección do proceso de contratación de leite, de xeito que se comprobará se existen ou non contratos entre gandeiros e industrias, así como as características dos mesmos. A competencia para o desenvolvemento deste plan corresponde ás comunidades autónomas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información