O novo Plan Forestal de Galicia, que se aprobará a comezos do 2019, prevé para os próximos anos un aumento das masas de frondosas caducifolias, que pasarán das actuais 413.000 hectáreas a 467.000. Tal previsión continúa coa tendencia de crecemento das masas de frondosas, que desde inicios dos anos 90 dobraron a superficie que ocupan no monte galego. O sector forestal analiza esa evolución das frondosas coma unha victoria pírrica. É certo que gañan espazo no monte, pero mantendo unha presenza residual no sector industrial.
As frondosas caducifolias ocupan máis dun 25% do monte arborado galego, con protagonismo para especies coma o carballo e o rebolo, que suman 200.000 hectáreas en masas puras, seguidas de castiñeiros e bidueiros. A lexislación de prevención de incendios, que permite só a plantación de frondosas nos 50 metros circundantes a vivendas e núcleos de poboación, é ademais propicia para que as frondosas continúen a súa expansión.
O problema desde a perspectiva da cadea da madeira é que a o aumento da superficie de caducifolias foi ata o de agora máis unha consecuencia do abandono do interior galego que dunha xestión forestal sostible.
O aproveitamento das frondosas caducifolias, castaña a parte, quédase en números pobres. Galicia cortou o pasado ano 8,6 millóns de toneladas de madeira, das que menos dun 3%, 243.000 toneladas, foron frondosas caducifolias para aproveitamento madeireiro, principalmente carballo, rebolo, bidueiro e castiñeiro. Calcúlase que ademais hai alomenos un millón de toneladas máis de frondosas que se cortan para leñas domésticas.
O reto de aumentar o aproveitamento sostible das masas de frondosas caducifolias está sobre a mesa do sector. De cada 100 toneladas de madeira de frondosas que medra cada ano en Galicia, córtanse unhas 15, segundo as cifras que baralla a propia Xunta. En piñeiro ou eucalipto, esas cifras superan o 60% e o obxectivo é chegar ata un 85%, co que se maximizaría o aproveitamento do monte garantindo a súa sostibilidade.
Como incrementar tamén o aproveitamento das frondosas caducifolias? Mellora xenética, fomento do manexo silvícola das masas ou posta en marcha dunha estratexia política autonómica son algunhas das medidas que vén demandando o sector nos últimos anos.
Aumento da protección das masas de frondosas
A Lei de medidas fiscais e administrativas que entrará en vigor o 1 de xaneiro aumentará a protección das frondosas caducifolias, pois nas masas de frondosas quedarán prohibidas as plantacións intercaladas de eucaliptos ou de piñeiros, esta última especie só no caso de masas consolidadas de frondosas. A lexislación actual xa prohibía a sustitución de parcelas de frondosas caducifolias por outras especies, pero agora prohíbense tamén os encravados.
A Xunta continúa tamén coa idea, xa declarada no 2012 na Lei de Montes, de crear un rexistro de masas consolidadas de frondosas, no que se inscribirán aquelas cunha superficie maior a 15 hectáreas. A Administración asegura que o seu obxectivo é propiciar a agrupación de propietarios de tales masas para fomentar unha xestión sostible das mesmas.