
Xosé Catoira, Gabriel Fernández, María Tubío e Mari Carmen Gayoso, nas xornadas organizadas por XERA
As cortas de frondosas caducifolias en Galicia a penas acadan o 3% do volume total de madeira con destino industrial, cun escaso nivel de aproveitamento e transformación posterior, posto que o destino principal é sobre todo para leña. Un simposio celebrado en Lugo esta primavera analizou algúns dos problemas que se atopan as poucas empresas que na comunidade tratan de valorizar madeiras como a de carballo ou castiñeiro.
Todas coinciden en que o sistema actual de autorizacións por parte da Administración forestal galega impide en boa medida un aproveitamento rendible das 620.000 hectáreas de frondosas autóctonas que hai nos montes galegos, que representan o 40% da superficie total arborada que hai na comunidade.
En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto e aos 3,5 millóns de piñeiro
Pero malia esa importancia numérica, a utilidade para o sector forestal é máis ben escasa. En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto (3,7 de glóbulus e 2,5 de nitens) e aos 3,5 millóns de piñeiro (1,6 pinaster, 1,6 radiata e 0,3 sylvestris).
Gabriel Fernández (Galiquercus)
“En case 650.000 hectáreas de frondosas, négome a crer que en todas elas non hai madeira válida para produtos de calidade”
Gabriel Fernández é o xerente de Galiquercus, a denominación actual de Maderbar, un aserradoiro familiar de Baralla con máis de 70 anos de historia que traballa con frondosas e que optou por diversificar producindo madeira para doelas, coas que facer barricas de viño ou whisky, un uso cun alto valor engadido.
Cunha facturación de máis de 7 millóns de euros, este aserradoiro de Baralla é hoxe unha das empresas líderes na fabricación de madeira para barricas en España, pero só o 20% da materia prima que utilizan é de procedencia galega.
O 20% do que fabricamos é con madeira de aquí, o resto é todo con madeira de fóra
“O resto é todo con madeira de fóra. Como non hai madeira de calidade aquí, aprendemos a buscarnos a vida, pero con case 650.000 hectáreas de frondosas en Galicia, négome a crer que en todas elas non hai madeira válida para facer produtos de calidade”, razoa Gabriel, que culpa á Administración de impedir unha maior valorización do monte, ao dificultar as cortas.
“Os permisos de corta nos que só se autorizan un 25 ou un 30% das árbores non son rendibles, porque permanecen no monte os pés bos e ti non te vas meter nunha finca a cortar o malo, o que só vale para leña. Iso é un problema grave que nos leva a ter que traer madeira de fóra de Galicia e de fóra de España”, detalla.
Características da madeira
Para facer doelas, a madeira de carballo empregada ten que ter unhas características determinadas de dureza e rectitude de fío que en Galicia son difíciles de conseguir. “Temos que empezar a facer plantacións e silvicultura; imos xa moi tarde”, lamenta Gabriel.
Temos que facer plantacións e silvicultura, imos xa moi tarde
A madeira de tonelería ten que ter fuste único e recto, diámetro superior a 40 centímetros e copa reducida a un terzo. O rendemento é moito máis baixo porque o corte da doela ten que ser no sentido da fibra da madeira, para que non haxa fugas, no sentido contrario ao serrado habitual. As cuñas que se extraen do tronco necesitan un tempo de curación secado ao aire libre durante dous anos. É un proceso de curado, non de secado.
As rollas de carballo aptas para facer doelas teñen un prezo que pode superar os 400 euros a tonelada. “Non somos capaces de abastecer o mercado. Coa demanda de doelas de Galicia que hai, este podería ser un nicho de mercado cun importante crecemento e un alto valor”, asegura.
Os taninos do carballo axudan á clarificación do viño é á estabilización da cor
O maior produtor de madeira para barricas é Francia, con especies como Quercus petaea e Quercus robur. En EEUU fixeron o mesmo co Quercus alba e co carballo americano, pero o prezo do carballo americano é menos da metade que a do carballo europeo.
A madeira de carballo ten moitos elagitaninos, que pasan ao viño e protexen a cor do viño. Co descubrimento de América empezaron a usarse barricas de carballo para levar o viño e viuse que o viño melloraba con este proceso. España é o país co maior parque de barricas do mundo. En Rioja, o 56% do viño pasa por barricas e en Ribera de Duero o 30%.
Mari Carmen Gayoso (Maderas Gayoso)
“Cortar frondosas moita xente veo como un crime; hai moita pedagoxía que facer niso”
Maderas Gayoso é unha empresa forestal de Vilalba que compra e corta madeira de piñeiro e frondosas no monte e dispón dunha liña de aserrado especializada en madeira maciza de castiñeiro, destinada principalmente a construción estrutural e rehabilitación.
Á fronte do aserradoiro atópase desde o ano 2018 Mari Carmen Gayoso, que é tamén na actualidade presidenta de LugoMadera, a asociación de empresas de primeira transformación da madeira da provincia de Lugo. Ao igual que Gabriel, Mari Carmen tamén pon o énfase nas “eivas administrativas”, que impiden unha maior valorización da materia prima que hai nos montes.
A madeira maciza de castiñeiro carece de certificación técnica para o seu uso estrutural; é necesaria para que os prescritores poidan recomendar os nosos produtos
“Os que nos dedicamos á corta de frondosas non temos a seguridade de poder cortar a madeira que consideramos aproveitable e cando o propietario quere xestionar o seu monte de frondosas, moitas veces non pode por esa falta de permisos e de autorizacións da Administración”, asegura.
“Cortar frondosas moita xente veo como un crime ou un delito, hai moita pedagoxía que facer, porque nas case 650.000 hectáreas de frondosas que temos en Galicia hai sitio para todo, para montes nos que pasear, pero tamén para montes para producir madeira”, defende.
Garantir o abastecemento de materia prima
“O reto principal no eido da transformación de frondosas é a necesidade de ter un abastecemento de materia prima garantido a medio e longo prazo e que ese abastecemento sexa de madeira de calidade, que nos permita fabricar os produtos que os nosos clientes nos demandan”, engade.
Temos que asegurar o subministro para poder fabricar produtos de calidade, sen o primeiro non hai o segundo
“Somos todos unha roda, unha engranaxe, e temos que traballar todos a ritmo constante para que a cadea funcione. E fai falta xestión para mover esta roda. Iso é a clave para que as empresas nos poidamos abastecer”, indica Mari Carmen.
“É o momento de que a Administración leve a cabo actuacións exemplarizantes de cara ao propietario forestal e demostre con actuacións concretas o que se pode facer con esas frondosas”, conclúe.
María Tubío (Nefab)
“Neste momento traballamos con eucalipto e estámonos plantexando cambiar a outras madeiras, pero para iso é necesaria unha garantía de subministro estable”
Nefab é un grupo multinacional sueco especializado en embalaxes e solucións loxísticas personalizadas. Empezou fai 75 anos fabricando caixas de pan e hoxe ten presenza en 38 países, entre eles en España.
En Galicia Nefab conta con planta de produción en Ponte Caldelas (Pontevedra). Nela fan embalaxes de diverso tipo a partir de taboleiro de madeira. Neste momento traballan con eucalipto como elemento principal, pero a empresa está estudando diversificar a materia prima.
Nefab Pontevedra é considerada unha fábrica estratéxica dentro do grupo multinacional sueco
“Até a guerra de Ucraína subministrabámonos de taboleiro ruso; agora de taboleiro de Brasil, pero no mercado internacional non xogamos coa mesma baralla”, recoñece María Tubío, responsable de Nefab Pontevedra SL.
Logramos unha redución de custos loxísticos e medioambientais aos nosos clientes mediante a posibilidade de transportar maior cantidade de mercadoría en menor espazo
Só en Europa, as fábricas do grupo sueco consomen 45.000 metros cúbicos de taboleiro ao ano e a estabilidade de subministro e a calidade da madeira son aspectos esenciais. “Neste momento estamos traballando con eucalipto e pino e con eucalipto e chopo, pero estámonos plantexando introducir outras madeiras, pero para iso temos que introducir cambios no sistema produtivo e esa adaptación da maquinaria require dunha garantía de subministro estable desa madeira”, di.
Xosé Catoira (Labra)
“É ridículo que eu estea mercando chopo en Italia cos quilómetros de chopo que hai en Galicia”
A elaboración de instrumentos musicais é un pequeno nicho de mercado para a madeira que logra multiplicar o seu valor final. Un dos retos nos que se está a traballar nos últimos anos é en reemprazar madeiras tropicais foráneas por frondosas autóctonas.
Xosé Catoira é luthier de violín. Divide o seu tempo entre A Coruña, onde ten o seu taller, e Cremona, en Italia, onde recupera instrumentos antigos. É tamén membro da asociación Labra, que reúne a construtores de instrumentos musicais.
“O consumo de madeira en todos os talleres de instrumentos musicais que hai en Galicia pode supoñer uns 20 ou 25 metros cúbicos; somos unha parte ínfima pero moi colorida e con moita inventiva”, salienta Xosé.
O consumo de madeira en todos os talleres de instrumentos musicais que hai en Galicia supón uns 20 ou 25 metros cúbicos
Neste momento, o uso de madeira galega dentro do oficio de luthier é aínda escaso. “Empréganse madeiras de fóra, por exemplo granadillo para as gaitas de granadillo, que dan problemas de importación de materia prima e tamén de exportación despois dese instrumento”, explica.
Desde algúns talleres galegos están tratando de reemprazar a materia prima foránea por madeira de frondosas autóctonas, pero ese cambio require de certa innovación e as axudas dispoñibles non se adaptan a estrutura dos obradores.
“No meu taller o problema é que eu son unha empresa unipersonal, fago eu mesmo a produción e o I+D+i e as axudas da Administración para innovación están pensadas fundamentalmente para que subcontrates fóra o I+D e a min resúltame moi difícil optar a esas axudas porque me resulta moi difícil contratar a alguén externo que desenvolva as ideas que eu teño na cabeza, porque no meu oficio o factor creativo e artesán é moi importante”, relata Xosé.