
Presentación da Festa do Porco Celta, con presenza do alcalde de Friol e os produtores
Friol retoma o vindeiro día 15 a Festa do Porco Celta, que celebra a súa quinta edición, logo de tres anos de parón pola pandemia. Os organizadores, cinco produtores deste concello membros de Asoporcel, recuperan a cita, que serve para dar a coñecer a carne de porco celta, co mesmo formato que a última edición celebrada, a do 2019.
A cita, que se desenvolverá no pavillón municipal da localidade a partir das 4 da tarde, inclúe un torneo de tute, cea a base de produtos de porco celta e música. O menú deste ano é cocido e caldo de ósos e a maiores como novidade haberá filloas á pedra por parte dun grupo de filloeiras de Muimenta. O prezo da cea é de 25 euros e o prazo para apuntarse remata o domingo 9 de abril.
A última edición celebrouse no ano 2019 e despois sufriu un parón pola pandemia
Os premios do campionato de tute son distintos lotes de produtos de porco celta, incluíndo un porco cebado para a próxima campaña, valorado en 550 euros. “A idea xurdiu para ensalzar o valor desta carne”, explica Lito, da Comunidade de Montes de Carballo.
Explotacións de nova creación
No concello de Friol hai 6 produtores de porco celta e 5 deles participan na organización da festa: CMVMC Carballo; Antonio Díaz, de Guldriz; Manuel Roimil, de Roimil; Óscar Santos, de Samede; e Javier Serén, de Friol.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo comezou hai 10 anos cun proxecto de ceba no monte, cunhas instalacións con capacidade para 100 animais. “Estamos metendo entre 50 e 60 animais cada ano. Entran no mes de marzo e están ata a idade de sacrificio, nos meses de novembro a xaneiro, cun mínimo de 8 ou 9 meses”, explica Lito.
Friol conta con 6 produtores de porco celta e 5 deles participan na organización da festa
O resto de explotacións son tamén explotacións de cría, con 5 reprodutoras. Nos últimos anos incorporáronse á actividade rapaces novos, como Óscar e Javier, creando novas explotacións. Óscar ademais fai produtos elaborados buscando dar maior valor engadido á súa produción.