Frigoríficos Bandeira aumenta a súa facturación un 16%

O matadoiro, situado en Silleda, sacrifica unha media de 1.200 vacas cada semana, o que supón preto de 60.000 reses anuais. A empresa, que conta con espazo propio en Mercamadrid, ten previsto iniciar en breve a comercialización de animais da IXP Vaca e Boi de Galicia

Frigoríficos Bandeira aumenta a súa facturación un 16%

Canais de gando sacrificado no matadoiro de Bandeira.

Frigoríficos Bandeira (Silleda, Pontevedra), un matadoiro especializado en vacún maior, procesou no último ano unhas 1.200 reses á semana, concluíndo 2017 con preto de 60.000 exemplares sacrificados. A empresa acadou neste exercicio a súa marca de facturación, con 56 millóns de euros, un 16% máis que o ano anterior.

A firma, creada no 1984 por José e Avelino Cochón,abastécese fundamentalmente de gando vacún nado e criado en Galicia, Asturias e norte de Portugal a través dun amplo grupo de proveedores (gandeiros, tratantes, etc.), así como pola compra directa en feiras e poxas celebradas en Galicia. Nas súas máis de tres décadas de traxectoria, o matadoiro labrouse unha reputación no mercado e foi medrando de forma progresiva.

Na actualidade, a empresa conta con 75 traballadores directos, que se reparten entre as instalacións de Bandeira e Madrid. En Madrid, Frigoríficos Bandeira reforzou a súa presenza no 2015, cun investimento de 1 millón de euros e un espazo propio en Mercamadrid de 1.000 metros cadrados.

A firma destaca a súa aposta pola calidade: “A calidade constitúe o noso principal obxectivo, por iso seleccionamos os mellores exemplares e coidamos ao máximo todo o proceso de despezamento. Todo o xénero está sometido a controis de calidade moi rigorosos que permiten a obtención dun produto óptimo que ofrecer aos nosos clientes”, sinala Daniel Cochón, director de Produción e Loxística.

A empresa forma parte do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia e espera en breve iniciar a comercialización de animais inscritos neste selo.

Adquisición de bois

Recentemente, José Cochón adquiriu seis exemplares de raza rubia galega, de sete anos de idade, procedentes de Arteixo e Cerceda, cunhas canles de 800-900 quilos cada un e dunha calidade extraordinaria, segundo a empresa. Desde Bandeira apuntan que parte deles irán aos mellores asadores de España, quen xa directamente, xa a través de intermediarios comerciais, son consumidores habituais da carne obtida no matadoiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información