Freshcut, unha empresa galega do grupo Frutas Nieves, está a consolidarse no mercado cunha oferta centrada en froitas e hortalizas de cuarta e quinta gama, é dicir, froitas e hortalizas troceadas e envasadas, listas para o consumo (cuarta gama), ou xa transformadas en produtos elaborados como purés e cremas de verduras (quinta gama).
A firma facturou durante o 2015 máis dun millón de euros, o que supón unha suba nas súas cifras de negocio dun 45%, e no 2016 quere aumentar un 100%. Actualmente, as vendas oriéntanse tanto a empresas de catering de toda España, que traballan con escolas, hospitais e centros da terceira idade, como a grupos de distribución, cos que Freshcut ten presenza en Galicia, Asturias, País Vasco e Madrid.
A nivel internacional, parte da produción expórtase a Francia, Portugal e Andorra. De cara ó futuro, a empresa quere tamén entrar nos mercados do norte de Europa e de Centroamérica.
Lanzamento da quinta gama
A expansión da empresa, fundada no 2012 e ubicada en Vigo, aséntase no lanzamento dos produtos de quinta gama, purés de froitas variadas e cremas de verduras. O maior éxito de Galifresh sitúase nas compotas, das que se produciron 2 millóns de tarrinas no 2015. No primeiro trimestre do 2016, prosegue o crecemento, con 734.000 unidades.
En canto ás cremas de verduras, desde a súa introdución no mercado, hai 7 meses, xa se superaron as 100.000 unidades. Os produtos, comercializados baixo a marca Galifresh, non teñen aditivos nin azucres engadidos e tamén están libres de glute e lactosa.
A empresa conta cun departamento de I+D+i que continúa traballando para lanzar novos produtos nos próximos meses, con innovacións en sabores e texturas. Freshcut prima cando é posible a adquisición de produto galego, principalmente en hortalizas (calabacín, cenoria, calabaza, etc.). En froitas traballa con laranxa, plátano, pera e mazá.
A firma viguesa distínguese tamén por fomentar a integración de persoas con diversidade funcional, que representan un 80% dunha plantilla de 29 persoas. Cuestións ambientais, como a pegada ecolóxica da súa produción, é outro dos aspectos nos que está a traballar.