Hai pouco máis de dous meses que María José Gómez, tomou posesión do seu cargo como conselleira de Medio Rural. Natural de Guntín, foi alcaldesa da localidade lucense dende o 2019 e dende o 2023 senadora pola provincia de Lugo. Gómez ten vinculación familiar co sector gandeiro e no seu labor na política municipal encargábase tamén desta área e no Senado formaba parte da Comisión de Agricultura.
Preguntamos á nova Conselleira sobre a Lei de Recuperación da terra agraria que impulsara o seu predecesor, así como outras cuestións que preocupan ó agro como a aplicación dos xurros, o avance da Lingua Azul ou a moratoria do eucalipto. Tamén abordamos algúns dos primeiros cambios realizados, como a creación da Dirección Xeral da PAC.
-Como están sendo estas primeiras semanas trala chegada ó cargo?
-Despois da sorpresa inicial, estou intentando poñerme ao día cos distintos e variados temas que ten esta Consellería, que son moitos e moi amplos. Estiven a ter unha toma de contacto cos directores xerais, que me pasaron información de cada unha das direccións… Fixemos xa algún cambio na Consellería, tanto no Agader como no Agacal. Son semanas de moito traballo, porque as asociacións pídenche que as recibas, os alcaldes tamén… Pero ben, a verdade é que xa posta no sitio.
-Entrando xa en materia e tendo en conta que Galicia é un país de propietarios de terreos e que o seu predecesor fixo do grave problema do abandono da terra un dos eixos fortes do seu mandato, que medidas e obxectivos se marca para afrontar este problema estrutural?
-En toda Galicia, en todo o rural, pero especialmente nas zonas con máis minifundismo é onde hai un maior abandono da terra e para frear iso naceu a Lei de Recuperación, con todos os instrumentos que ten, como son as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, a maiores das concentracións e reestructuracións parcelarias… Tamén esa outra figura que apareceu, as permutas, un instrumento que xa viña sendo usado de xeito xeneralizado e privado polos propietarios, e que a Xunta accedeu a financiar os gastos de reestruturación e de notarías derivados. As permutas é unha maneira doada, efectiva e rápida de mobilizar terreo. É certo que esta figura ten outras eivas, cando non todos están de acordo, e para iso están os polígonos, as concentracións…
“Frear o abandono das terras seguirá sendo un dos obxectivos principais da Consellería e utilizaremos todos os medios que temos á nosa disposición”
Dende a Consellería seguiremos a utilizar todos os medios que temos á nosa disposición para frear o abandono das terras. Seguirá sendo un dos obxectivos principais para frear o despoboamento, para manter limpas e coidadas as parcelas, e sobre todo para dotar de máis base territorial ás explotacións que tanto a necesitan.
Porén hai que ter en conta que Galicia é moi diversa e o que se precisa no sur non é para o centro, que é onde está a carga gandeira máis grande.
-Precisamente nas comarcas gandeiras é onde menos dispoñibilidade de superficie hai…
-Si que hai superficie. Se vas por calquera estrada das comarcas máis gandeiras, ves que hai moitas leiras abandonas, con matogueiras. Creo que aí é un punto onde se pode decidir moito, nesas leiras que están abandonadas, que ás veces son de varios propietarios ou de herdeiros que non se dedican a isto. Aí si que me gustaría facer un especial fincapé. Haino que facer a pé de territorio, porque ten mellor o territorio quen vive nel. Hai que reunirse cos gandeiros e propoñerlles distintas opcións. En primeiro lugar é preciso investigar de quen son as terras, xa que moitas veces non se sabe, e que as poñan a disposición, ben sexa a través do Banco de Terras, que segue estando en activo, ou para tomar algunha medida para que ese terreo non estea improdutivo e descoidado. Non só hai demanda nas comarcas gandeiras senón que tamén está habendo moita demanda de terreo para zonas vitivinícolas. Moitas adegas están mirando a Galicia para ampliarse. Supoño que debido ao cambio climático e á escaseza de auga noutras rexións, ven Galicia como o futuro. Para esas zonas que son as máis despoboadas, precisamente, nas ribeiras dos ríos cun minifundismo moi grande, si que se poden utilizar esas ferramentas que ten a Lei de Recuperación para reactivar o uso deses terreos.
-A base lexislativa desta Lei de Recuperación da terra abandonada xa foi aprobada por maioría no Parlamento Galego, aínda que recibiu críticas por ser demasiado intervencionista. Agora falta o desenvolvemento. Rexeita estas críticas ou haille que dar unha volta?
-Para calquera medida que se tome sempre hai quen estea a favor e quen estea en contra. Criticar é moi doado, sobre todo para quen non ten que executar. Ás veces quen critica ese intervencionismo despois tamén critica que non haxa máis accións preventivas de cara á limpeza dos montes e das parcelas. Entón en que quedamos? O 98% do territorio está en mans privadas, ben sexa en comunidades de montes ou en propietarios particulares, se o goberno non actúa dalgunha maneira para coas parcelas que están descoidadas… Entón que facemos?
“Hai que incidir con certa pedagoxía produtiva nos propietarios, de xeito que ou se lle dá un uso á parcela e se mantén limpa ou senón que a poñan a disposición doutros produtores no Banco de Terras”
-Falando destas parcelas que quedan abandonadas en áreas gandeiras, aí podía ter un maior papel o Banco de Terras, que a pesar de manterse activo, nos últimos anos bótase en falta unha maior actividade ou maior proactividade…
-Creo que aí si que hai que incidir con certa pedagoxía produtiva nos propietarios, de xeito que ou se lle dá un uso á parcela e se mantén limpa ou senón que a poñan a disposición doutros produtores no Banco de Terras. A min gustaríame poder facer algo ó respecto, xa que tampouco é de recibo que haxa ganderías, tanto de carne coma de leite, que precisen terra e mentres haxa terreos que están totalmente improdutivos e ademais que supoñan un risco de incendio.
-Hai zonas nas que hai un mercado activo de terras, como a A Pastoriza, onde se pagan arrendamentos rendibles, pero en moitas outras vese que collen a terra como favor e en moitas zonas gandeiras, o que ten as fincas e non as traballa tampouco as quere deixar gratis á gandería. Bótase en falta unha intervención pública para establecer garantías de pago, tarifas… é dicir dar unha maior estabilidade e transparencia a este mercado.
-Non se trata de deixar as fincas gratis á gandería. Evidentemente se prestas ou cedes un terreo algo terás que recibir por el, pero o que tampouco podes é ter de gratis o terreo a monte improdutivo.
-E xa indo ao concreto, comentaba que ían traballar nesta lexislatura sobre a base da Lei de Recuperación. Márcase así algún obxectivo para este ano, por exemplo en canto á posta en marcha de polígonos agroforestais, aldeas modelo…?
-Temos 21 aldeas modelo e 34 polígonos xa en marcha. Están para entregar en breve os dous primeiros polígonos, para sacar o terreo a concorrencia pública, que é o de Oímbra e o de Cualedro. E despois imos poñer en marcha os outros. Temos pensado seguir utilizando esas ferramentas. Pechando portas para abrir outras.
– Unha das ferramentas que tamén se contempla na lei é a posta en marcha do Banco de Explotacións. É algo que se viña demandando por parte do sector, así que supoño que non é fácil a súa posta en marcha, pero que previsións teñen para a súa entrada en vigor?
-Pois a min gustaríame poñelo en marcha o antes posible. Creo que debemos poñelo en marcha porque pode ser moi importante tanto para fomentar a remuda xeracional como por unha cuestión de sostibilidade, para reutilizar esas instalacións. Iso si, debe facerse sobre todo con liberdade, que cada un decida o que quere facer coa súa vida, senón sería intervencionismo.
É certo que hai ganderías que pechan, ben sexa porque non hai remuda xeracional ou porque non lle interesa seguir coa actividade. Esas granxas que quedan na contorna sen actividade poden pasar ao Banco de Explotacións e conseguir deste xeito que se reutilicen esas instalacións ben sexa para recría, para vacas secas… E ao mesmo tempo auméntase a base territorial con esas parcelas que deixan de cultivar quen decida abandonar o sector.
“O Banco de Explotacións ten unha dobre función, por un lado a sostibilidade ó aproveitar instalacións xa feitas e por outra proporciona un ingreso a quen as arrenda”
Isto ten unha dobre función. Por un lado, a sostibilidade das que xa están, posto que lle proporcionan instalacións xa feitas, co cal o impacto paisaxístico é cero e ó mesmo tempo reutilizase o que xa hai, para que non queden abandonadas. Por outra parte, as persoas que arrenden esas terras e esa explotación van ter un ingreso, que tendo en conta que as xubilacións agrarias son baixas, supón unha renda máis que entra na casa.
De feito, a título particular os gandeiros xa o están facendo, sobre todo nas zonas onde máis actividade gandeira hai. É unha medida que imos implementar dende os servizos provinciais, porque quen coñece mellor o territorio son as oficinas agrarias, que están atendendo as necesidades e saben quen pecha e quen precisa de terras. Porén, aínda temos que estudar a fondo esta medida.
-Este Banco de Explotacións tamén se presentara como unha medida que pode favorecer a remuda xeracional e a incorporación de xente ao campo, cun custo moito menor. Que opcións e obxectivos se marcan de cara á remuda xeracional e que liña ten previsto seguir para favorecer a incorporación de xente nova á actividade agrogandeira?
-Con este Banco de Explotacións xente que queira empezar de cero sempre lle vai ser máis doado se merca ou se arrenda unha explotación xa existente, porque comezar de cero sen base territorial ningunha e sen instalacións é moi difícil, sobre todo en leite e no sector cárnico. Así, favorécese que xente que non ten unha vinculación familiar poida tamén adicarse ao sector. Dende a Consellería seguiremos coas axudas e incorporacións, como viñemos facendo, unhas axudas coas que levamos preto de 5.000 mozos incorporados. Este ano sacamos a liña a partir dos 41 anos e sorprendentemente hai máis de 170 solicitudes. Tamén seguimos coa liña de axudas para xente moza, ata os 40 anos, onde este ano tamén hai un récord de solicitudes con arredor das 400, a maioría do sector lácteo e cárnico. A maiores, por primeira vez este ano van ter un titor que os acompañará neste camiño cara a súa incorporación.
“Na liña de axudas a partir de 41 anos hai máis de 170 solicitudes e nas incorporacións de mozos tivemos récord de solicitudes con arredor de 400”
Por outra parte, gustaríanos vincular a formación coa incorporación ás ganderías. De feito, estamos estudando liñas de asesoramento a través dos 6 centros de formación que a Consellería ten, así como os de investigación. Gustaríanos darlles un pulo, sobre todo no aspecto práctico, tanto a eses centros como aos distintos centros de educación secundaria nos que hai ciclos de FP. A este propósito responde o Plan de formación, asesoramento e titorización que comentei no Parlamento de Galicia hai escasos días. Formación, innovación e tecnoloxía son claves para conseguir unha maior efectividade e ser competitivo.
-Para ir pechando este bloque, de toda a organización que realizou dentro da Consellería, dividiuse o que era a Dirección Xeral de Gandería cunha específica para a PAC. A que obedeceu este cambio?
-Débese a que esa dirección xeral case é motivo dunha Consellería. Galicia reparte 200 millóns de fondos da PAC. Era unha dirección excesiva para poder manexala. Ese foi o motivo de escindir e crear unha dirección xeral. De feito, as industrias agroalimentarias xa teñen unha dirección xeral. A lei da cadea alimentaria creou esa outra parte. Sumar iso, ademais, a unha dirección xeral xa era demasiado.
-Este ano estanse adiando máis do habitual o que son os prazos de solicitude da PAC. Como vai incidir iso previsiblemente despois á hora dos cobros, as reinspeccións…?
-É que hai cambios normativos que non sabemos nin o que son. Cando lle preguntamos ao ministro sobre a ampliación de prazo, primeiro dixo que non e despois dixo que si e foron 15 días. Como é a segunda volta, xa está medio en marcha. Pola nosa parte axilizamos ao máximo os prazos, pero ao final os prezos unitarios márcaos o FEGA, entón ata que dende o Ministerio pasan os datos, aquí tampouco podemos facer nada. De feito, nós estabamos en disposición de pagalos antes, pero é que non tiñamos o prezo unitario, entón só podes pagar o 90% porque tes que deixar ese 10% de marxe para despois recalcular.
“Seguiremos reclamando que adapten os ecorreximes á realidade galega”
-Os ecorreximes que se viñan reclamando dende Galicia, ao final non foi posible contemplalos, van seguir reclamando esa adaptación?
-En Galicia somos diferentes e iso é difícil de ver se non estás aquí! Seguiremos reclamando que adapten os ecorreximes á realidade galega. Aquí é moito máis difícil. Non é só en Galicia, senón en toda a Cornixa Cantábrica. Nada ten que ver unha PAC feita en Castela e León con fincas de 500 hectáreas, cunha aquí de 500 metros cadrados.
-Xa pasando a outro bloque, quixera que fixese unha pequena análise de como ve a situación das ganderías de vacún de leite e vacún de carne en canto a prezos e oferta e demanda.
-No sector lácteo vimos dunha etapa de estabilidade, aínda que con custos de produción moi altos, pola guerra de Ucraína e diversos factores. Eu pido que se manteñan os prezos. Dicíao en Madrid na FENIL, con motivo da celebración do día mundial do sector lácteo, xa que consideramos que non hai motivos para que haxa unha baixada e espero que así sexa. Por outra banda, aí está esa diferenza de prezo que sempre hai en Galicia con respecto doutras comunidades. Sabemos que cada unha ten a súa realidade e tamén que estamos nunha esquina, que producimos a metade do leite aquí e que ese leite hai que distribuílo ao resto de España, pero aínda así seguirei insistindo que esa diferenza de prezos nos parece moi inxusta.
-Si, sobre todo se se fai a comparativa, por exemplo, con Capsa…
-Si, pero sabemos cal é a situación de Capsa. Socios de Capsa levan un mellor prezo, son accionistas. Que nos parece xusto? Claro que non, non nolo parece. Eu vexo máis inxusto esa diferenza que hai para co resto de toda España. Eu creo que aí hai marxe de mellora.
-Nese sentido igual se bota en falta en Galicia un corporativismo lácteo tan forte como hai noutras comunidades con Capsa ou Covap.
-É diferente a situación de Capsa e a de Covap. En Galicia temos moitos gandeiros que optaron, con éxito, pola transformación. Non digo sen traballo, porque nada é sen traballo e sen un proceso, pero os que pagan pola transformación de produto, estalles a ir moi ben e é un produto de calidade. Eu creo que iso tamén o temos que poñer en valor dende aquí, o esforzo que se está facendo de promoción dos lácteos, desa galega 100% e de tódolos produtos agora co selo de calidade alimentaria. Vaias onde vaias é un éxito. Os que transforman en queixo están tendo premios a nivel internacional competindo cos mellores queixos de Europa. Son un exemplo a seguir, tendo en conta que nós non temos esa tradición.
En canto ao sector cárnico, destinamos axudas a Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.
-Por certo, cando ten previsto que se cobren?
-Xa se están cobrando. A min gustaríame que o prezo da carne evidentemente subise, como non pode ser doutro xeito. En canto á regulación da produción e a demanda, iso é algo que ten que facer o sector e saber cando hai que programar os partos para adaptarse á demanda. Creo que a carne galega, coa súa excelente calidade, ten aínda moito recorrido e hai moito labor de promoción por facer, e sobre todo, hai que sacala fóra das nosas fronteiras. Penso que aínda hai un nicho que abrir. Se a xente a coñece, indubidablemente non hai quen compita coa Ternera Gallega e coa Ternera Gallega Suprema, porque é imbatible. Tanto así como as vacas de calidade ou o boi. Iso é éxito seguro.
“As plantas de biogás van ser unha axuda fundamental para o tratamento dos xurros nas ganderías, como acontece en países como Italia”
-No sector gandeiro, sobre todo no de vacún de leite, un dos problemas e preocupacións das granxas de cara ao futuro é o tema dos xurros. Como ve a aplicación dos xurros e que perspectivas teñen para os proxectos de plantas de biogás, dos que se falou no seu día, que teñen unha participación público-privada?
-A verdade é que camiñamos ou fannos camiñar cara un maior coidado medioambiental. Iso penso que non ten volta atrás, que hai que intentar mellorar. Na aplicación de xurros seguiremos traballando por unha flexibilización, pero haberá que adaptarse ás normas, que non as impón a Xunta de Galicia. Son normas que veñen de Europa ao Ministerio e do Ministerio ás Comunidades.
En canto ás plantas de biogás, creo que van ser unha axuda fundamental. De feito, algúns gandeiros xa a título particular, con axudas dos Plans de Mellora que sacamos dende a Consellería xa implantaron plantas de biogás propias a iniciativa totalmente privada. Hai algunha gandería que é enerxeticamente sustentable, só coa enerxía que producen na súa propia granxa.
Eu creo que hai que camiñar por aí. En países como Alemaña as ganderías teñen plantas de biogás, en Italia as grandes ganderías teñen todas a súa planta de biogás e as medianas están asociadas entre elas para tamén poder ter a súas plantas de biogás. Aquí cos fondos Next Generation hai unha serie de empresas que están intentando ou parece que están xa con proxectos bastante avanzados. Cada un terá, con total liberdade, elixir o modelo que queira. Eu creo que é unha solución para o problema dos xurros.
-A nivel europeo triunfou máis o modelo de pequenas plantas de biogás para varias granxas ou para granxas moi grandes. Aquí fálase de plantas máis comarcais, non?
-Como de momento son proxectos, eu non sei ata que punto se van executar. A min cónstame que xa hai gandeiros que se adiantaron a todo isto e están tendo uns excelentes resultados, ben sexan comarcais ou individuais. O que sexa con tal de ter unha solución para o tratamento dos xurros e cada un terá que decidir.
-Hai medidas que son máis rápidas de aplicar, como por exemplo, a cobertura obrigatoria de foxas ou a separación da facción líquida de sólida e que reducen bastante esa problemática.
-Si, pero xa se están facendo. A través dos plans de mellora cubríronse moitas foxas e séguense a cubrir porque en Galicia co que chove, só a auga da choiva xa enche a foxa. Ademais, nada ten que ver as granxas de hoxe, onde na inmensa maioría das granxas xa coidan moi ben a auga que consumen, de xeito que todos os bebedeiros teñan as súas válvulas nas debidas condicións para que non se verta máis auga, hai unha recollida con canalización de toda a auga de chuvia, que incluso utilizan para limpar despois ou para outros usos. A canalización para fóra, para que non verta directamente ao xurro, a separación de sólidos e líquidos… De feito, moita xente xa está utilizando a parte sólida do xurro para encamar, cuns resultados cada vez mellores. A xente foi mellorando a eficiencia.
-A actividade de vacún de leite está concentrada en Galicia cada vez máis en poucos concellos e dáse a circunstancia que nesas zonas, como acontece no Deza ou en Friol, xunto ás granxas de leite tamén hai de porcino e avícolas co que a problemática do xurro está aí. Sería preciso unha declaración especial para esas zonas que limitase continuar coa implantación de granxas para que non haxa maior problema co xurro nesas zonas con alta actividade?
-Eu creo que se se instalan as plantas de biogás ese problema estaría practicamente resolto. Pero, por suposto, escoitaremos o criterio técnico de especialistas na materia. De feito, no sector avícola hai varias que xa tratan os residuos resultantes da cría. Non nos vai quedar outra e para iso temos liñas de axudas e os fondos europeos, que son unha excelente oportunidade, pero hai que ser efectivos e aplicalos nesas zonas onde realmente hai demanda, non ao azar.
-Unha última cuestión de gandería. Hai moitas ganderías preocupadas pola Lingua Azul. Que perspectivas vedes para esta campaña e de cara ao futuro?
-Galicia ten a mellor sanidade animal de España, de feito moitas comunidades copiáronnos en materia sanitaria. No referido á EHE, dende Galicia demandouse a elaboración dunha vacina e agora parece ser que o Ministerio acaba de dicir que tiñamos razón na nosa petición.
Para a lingua azul estase vacinando naquelas zonas que se detectou unha maior incidencia. As enfermidades están aí e vímolo coa Covid. Hai que estar á defensiva e intentar actuar. De momento para a enfermidade hemorráxica non hai vacina, polo tanto os técnicos se din que aplicar desinfectantes sería a mellor opción, pois o que digan os técnicos sempre. Noutras zonas que estiveron moi afectadas como Francia xa se toman medidas. A ver como vén o verán, se ven frío como o inverno, pois ao mellor non hai moito problema e senón pois estaremos alerta.
“Por agora non tomei decisión algunha en canto á moratoria do eucalipto, aínda temos prazo”
-Rematamos cunha cuestión forestal sobre o tema da moratoria ao eucalipto, que acaban de centrar no 2025. Teñen ano e medio para decidir que facer. Ten xa unha idea na cabeza de como se debería regular o eucalipto no futuro? Ten que ter a Xunta un papel máis activo no control das plantacións ilegais, tanto en terras agrarias como agora en zonas nas que a moratoria non permite plantar, xa que tecnicamente xa é posible facer ese tipo de controis por satélite.
-No tema da moratoria aínda nos queda un pouco de prazo e por agora non tomei decisións en canto a iso, pero as decisións que se tomen serán sempre a través de criterios técnicos. Sexa cal sexa, será en base ao que digan os técnicos.
En canto ás plantacións ilegais, a Xunta actuou e estanse a tramitar as denuncias que chegaron e ordes de corta a todas as ilegais. E en canto ao cambio de uso fan falta os pertinentes informes. Non para plantar eucalipto, que non se pode, senón para o cambio de uso de terreo forestal a agrario e viceversa. Fan falta os informes pertinentes. O inventario forestal eu creo que é unha ferramenta moi útil para determinar e coñecer a realidade á que nos enfrontamos. Era esencial facer ese inventario para tomar decisións.
De feito, acabamos de sacar unha liña de axudas, dotada con 1,3 millóns para a plantación de frondosas, concretamente de castiñeiro, e dende aquí por suposto temos que apoiar esa plantación de frondosas que é no que estamos.