A campaña de millo 2021 estará marcada por unha oferta de sementes inferior á esperada. A escasez débese a varios factores. Por un lado, houbo un aumento da superficie de millo forraxeiro en Europa no 2020, o que mobilizou volumes sen precedentes de semente. Por outra banda, a produción de sementes este ano viuse impactada polas secas e olas de calor que afectaron no verán a Centroeuropa.
Así as cousas, Francia, primeiro produtor de sementes de millo en Europa, con 80.000 hectáreas adicadas á multiplicación, só acadará un 90% dos seus obxectivos de produción de semente. Outros países produtores de semente tamén se sitúan por baixo das súas perspectivas, o que leva a que a nivel europeo a produción de sementes se sitúe nun 88% dos obxectivos agardados. Nunha campaña normal, a produción rondaría o 98-105% dos obxectivos.
Para o próximo ano, ademais, espérase unha alta demanda de sementes de millo, dadas as menores existencias forraxeiras derivadas da seca, entre outros factores. Esa demanda, unida a unha menor oferta, fai que a Interprofesional francesa augure tensións de mercado en determinadas variedades. Haberá suficiente suministro de sementes para abastecer ó campo, pero quizais non da variedade que en cada caso quixeran os produtores.