Forvi, unha tenda propiedade de 1.500 familias

Forvi é unha tenda de produtos agrícolas e fitosanitarios que é propiedade de 4 cooperativas do Salnés e dun total de 1.500 socios. Un dos seus aspectos diferenciadores é que ofrece asesoramento técnico personalizado nas parcelas dos seus clientes.

Publicidade
Forvi, unha tenda propiedade de 1.500 familias

Nave de FORVI en Cambados.

Forvi é unha tenda cooperativa que nace no ano 2008 a partir da unión de catro cooperativas dos sectores da viña (Martín Códax e Paco y Lola) e da horta (Horsal e Hortumia), co obxectivo de ofrecer aos seus socios, e ao público en xeral, unha ampla gama de produtos para as súas explotacións.

As súas instalacións están no Polígono Industrial do Salnés, en Cambados, nunha nave de 1.200 metros cadrados alugada ao concello. Forvi está integrada en Delagro e da servizo aos socios das cooperativistas (aproximadamente 1.500 familias), pero tamén a calquera agricultor que necesite dos seus servizos.

Ao longo destes anos a cooperativa foise consolidando e medrando. A súa última apertura foi un local de 150 metros cadrados no concello pontevedrés de Meaño.

Os produtos máis vendidos son abonos específicos para horta e viña e produtos fitosanitarios. En segundo lugar, sitúanse as plantas de horta e en terceiro outros produtos como traxes de seguridade, mascarillas, postes metálicos e arame para a condución de viñedo.

A oferta compleméntase coa venda de pensos para a alimentación animal, material de viticultura (cepas, botellas, rollas, pipas de madeira de segundo uso…etc), froiteiras e pataca para semente e para consumo. FORVI tamén ofrece unha ampla gama para cultivos en invernadoiros (abonos solubles, material de rega..etc).

Algunhas das súas últimas liñas de negocio son a venda de fresas e de cogumelos para cultivar en sacos; a sección xoguetes e a de droguería, en tamaño familiar. Uns produtos que, segundo o xerente de FORVI, José María Márquez, “están a ter unha moi boa acollida entre a nosa clientela”.

Servizo de asesoramento técnico nas parcelas

Outro servizo que diferencia a FORVI é o de asesoramento técnico. “Por unha parte ofrecen un servizo de análise de solos, para saber as necesidades de abonado de cada parcela e así optimizar o fertilizante, co beneficio económico que supón para o agricultor”, explica José María Márquez.

O outro servizo que ofrecen é o de asesoramento técnico, a cargo de dous técnicos de horta e dous de viñedo. “Ofrecemos aos nosos clientes un asesoramento personalizado e de calidade, tanto para tratamentos fitosanitarios como para fertilización, plantación…etc”, explica o xerente.

Ao tratarse dunha cooperativa os beneficios de FORVI repártense ao final de campaña a través de cheques de compra entre os seus máis de 1.500 socios.

Entre os plans de futuro, José María Márquez salienta a habilitación dunha sala no segundo andar da tenda para impartir formación entre os agricultores sobre novidades normativas, os últimos avances técnicos ou boas prácticas agrícolas.

José María Márquez, xerente de Forvi.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información