A poxa da Central Agropecuaria de Galicia celebrada este martes en Silleda volveu reflectir o momento doce que vive o vacún de carne, con importantes subas nos becerros carniceiros de cruzamento industrial e mantemento de prezos no vacún maior e na recría. Segue tamén a tendencia baixista no porcino e a alcista para os ovos.
A recría mantén prezos, aínda que con altibaixos dependendo da raza e a idade do animal. Os machos frisóns corrixiron lixeiramente as cotizacións da semana pasada, salvo nos becerros de máis de 50 días, que seguen subindo até aproximarse aos 500 euros de prezo medio. No caso do cruzamento industrial, baixaron case 100 euros a respecto da semana pasada os machos de menos de 21 días e os de máis de 50 días, mentres que subiron 20 euros os de idade intermedia. As femias cruzadas baixaron lixeiramente en todos os casos, con prezos uns 100-140 euros por baixo dos machos dependendo da idade.
Os becerros carniceiros mantéñense en prezos elevados, cunha notable suba dos machos de cruzamento industrial, que gañaron 160 euros para situarse perto dos 1.800 euros, achegándose aos de raza rubia galega e mesmo aos marcados dentro da IXP Ternera Gallega Suprema. A forte suba arrastrou tamén aos 5 animais pintos que acudiron esta semana a Silleda, que se revalorizaron máis de 350 euros de media.
As cotizacións do vacún maior seguen estables e movéndose en prezos máximos, coas vacas de categoría Extra por enriba dos 2.500 euros e as de Primeira superando os 1.200 euros. No caso das de Segunda e Desfeito, baixaron esta semana.
No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, o porcino cebado baixa unha semana máis catro céntimos en quilo nas categorías Selecto e Normal e 5,2 no Canal II. Os bacoriños tamén caen de prezo, 5 euros en animal tanto sexan de procedencia única ou de varias granxas, que se suma á baixada de 2 euros da semana pasada. Os ovos continúan en ascenso, gañando 3 céntimos na ducia e o coello non se move.
Podes descargar o pdf completo das cotizacións desta semana no seguinte enlace.
Galego









Control OJD