Xornada desigual esta semana na Central Agropecuaria de Galicia en Silleda, con suba dos becerros carniceiros, descenso do vacún maior e altibaixos na recría, onde se deu unha baixada nos xatos frisóns, agás nos máis pequenos, de 15 a 20 días, e suba de prezos nos cruzados, que avanzaron unha media de 15 euros nos de entre 21 e 50 días de idade e case 50 euros nos de máis de 50 días.
No caso dos xatos pasteiros, a revalorización foi de case 20 euros nos de cruzamento industrial e de 50 euros nos de raza rubia galega.
Os becerros carniceiros subiron esta semana 100 euros de media por animal, tanto no caso dos de raza rubia galega coma nos de cruzamento industrial.
O vacún maior corrixiu posicións esta semana, despois de varias xornadas en ascenso. As vacas de categoría Extra baixaron 150 euros, mentres que as de categoría Primeira avanzaron 20 euros e as de Segunda case 10 euros.
En canto ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, unha semana máis continúa a baixada dos leitóns, que desta volta perderon 5 euros en animal, tanto nos bacoriños de procedencia única como nos orixinarios de varias granxas. O porcino cebado mantivo as cotizacións, agás nos animais de desvelle. Tamén baixaron as galiñas de desvelle, mentres os ovos e os coellos non se moveron.
Descarga as cotizacións completas desta semana neste enlace.
Suspéndese a poxa da primeira semana de xuño pola celebración da Semana Verde
A Central Agropecuaria de Galicia anunciou tamén os cambios nas poxas previstas para o mes que vén como consecuencia da celebración, entre o 4 e o 7 de xuño, da Semana Verde no recinto feiral de Silleda.
Así, suspéndese a sesión do martes 2 de xuño, alterándose tamén o funcionamento da poxa da seguinte semana, a do martes 9 de xuño, que acollerá só a recría, os xatos pasteiros e os becerros carniceiros. Ante a previsión de maior afluenza de gando, as vacas terán que agardar á seguinte semana, polo que non haberá poxa de vacún maior até a terceira semana de xuño.

Galego









Control OJD