Forte malestar pola esixencia dunha nova auditoría para exportar alimentos españois fóra da UE

Dende o 1 de xullo entrou en vigor o Real Decreto que obriga ás empresas agroalimentarias lácteas, cárnicas e de conservas de España a pagar unha nova auditoría para exportar fóra da Unión Europea. As queixerías denuncian que pode supor un gasto medio anual de 2.000 euros por empresa e piden que non se aplique ás que xa están inscritas nunha IXP ou DO

Forte malestar pola esixencia dunha nova auditoría para exportar alimentos españois fóra da UE

A DO San Simón da Costa é unha das máis afectadas por esta nova normativa

O 1 de xullo entrou en vigor definitivamente o Real Decreto 993/2014 de “Certificación Veterinaria Oficial para a Exportación con destino a Países Distintos á UE” e que obriga ás empresas agroalimentarias, fundamentalmente queixerías e industrias cárnicas, a pasar unha auditoría externa para poder exportar a terceiros países que esixan requisitos distintos e/ou adicionais aos aplicables dentro da Unión Europea.

As empresas do sector, fundamentalmente as queixerías, as que máis exportan fóra da UE critican o que consideran “un imposto revolucionario”, xa que para unha pequena empresa artesanal pode supor un custo adicional duns 2.000 euros ao ano. Ademais, botan en falta información por parte do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente, xa que, malia que entrou en vigor, a maioría dos países de fóra da UE aínda non o piden e as esixencias varían dun país a outro.

O sector tamén se pregunta porqué España é o único país comunitario ao que se lle esixe este certificado veterinario á exportación. No caso de Galicia, piden que non se aplique esta obriga ás industrias inscritas nunha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, xa que estas xa pasan unha auditoría do INGACAL.

María Enríquez, técnica de Queixeiros da Chaira, unha empresa creada por queixerías inscritas na DO San Simón da Costa para abaratar os custos de exportación, considera que esta nova certificación “é un problema importante, xa que vai ter un custo medio duns 2.000 euros anuais por queixería, cando estamos a falar de pequenas empresas, o que dificulta aínda máis poder exportar”. No caso de Queixeiros da Chaira, o principal mercado ao que afecta é a Xapón.

Ante esta situación, María Enríquez demanda ao Ministerio que “para as industrias que estamos amparadas por unha DO ou por unha IXP se alixeire esta esixencia e se poda certificar doutro xeito, xa que nós xa estamos controlados e auditados polo INGACAL”. Ao mesmo tempo, pídelle á Consellería do Medio Rural que estableza unha liña de axudas para axudar ás queixerías galegas a sufragar este novo gasto.

“Hai empresas que se están domiciliando en Portugal para poder exportar”

Queixería Casleiras, inscrita na Denominación de Orixe San Simón da Costa, é unha das máis afectadas por este novo certificado veterinario. Esta pequena empresa exporta o 60% da súa produción e desa porcentaxe o 90% véndeno fóra da Unión Europea, fundamentalmente en Corea do Sur, Australia, Emiratos Árabes ou Singapur.

“O que se nos pide é unha auditoría externa, que no noso caso pode chegar a un custo de 4.000 euros, para certificar que o leite e o gando do que procede está san, algo que xa cumprimos xa que os gandeiros teñen que estar inscritos na IXP San Simón da Costa e son auditados -entre outros- polo INGACAL”, asegura Modesto Toubes, un dos fundadores de Quexería Casleiras.

 “Xa estamos auditados polo INGACAL, non se entende que se nos pida que paguemos un novo certificado”

Neste sentido, lamenta que “estas novas trabas e gastos desaniman a exportar, porque xa te preguntas se compensa ou non”. No seu caso, recoñece que “aínda non contratamos ningunha auditoría porque estamos á espera de a ver como queda esta normativa e se vai para adiante ou non”. Non obstante, asegura que “xa hai empresas que se domiciliaron en Portugal para vender dende alí e non ter que pagar esta nova auditoría”.

En canto ao porqué só se lle esixe este certificado aos produtos agroalimentarios de orixe animal procedentes de España, fontes do sector relaciónano co peche de Rusia ás exportacións de carne de porco e derivados procedente de España a causa da Gripe A en setembro de 2009. “Parece ser que foi un problema de falta de control por parte do Goberno Español daquela e o resto de países empezaron a esixir máis controis á importación de produtos cárnicos e lácteos españois”, aseguran dende o sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información