Xornada de correccións importantes en Silleda no prezo dos becerros carniceiros machos tralos máximos da semana anterior. A maior afluencia de animais con respecto á semana pasada desencadeou unha forte baixa de prezos, agás na rubia galega, que segue a subir. No caso dos xatos cruzados, os machos perderon case 300 euros, véndose superados polo valor das xatas.
A sesión para o resto de categorías de vacún foi plana, cunha lixeira baixada na recría, agás nos becerros cruzados de máis idade (máis de 50 días), que gañarion 65 euros para achegarse de novo a un valor medio próximo aos 1.000 euros.
Nos becerros carniceiros, cunha maior afluencia que a semana pasada, baixaron de maneira importante os machos (máis de 400 euros os de raza frisoa e 294 os de cruzamento industrial), mentres que se revalorizaron as femias (80 euros no caso das cruzadas). Na rubia galega, sen embargo, subiron tanto os machos como as femias.
No caso do vacún maior, repetiu as cotizacións da semana pasada, coas vacas de categoría Extra por enriba dos 2.500 euros (gañaron 12 euros de media nesta sesión até situarse en 2.522€) e as de categoría Primeira por enriba dos 1.200 euros.
As mesas de prezos do resto de especies gandeiras seguen mantendo a mesma tendencia das últimas semanas, cunha nova caída no porcino, tanto nos porcos cebados coma nos bacoriños, e unha revalorización dos ovos, que gañaron outros tres céntimos en todas as categorías.

Pódese descargar o pdf coas cotizacións completas no seguinte enlace.
Galego









Control OJD